Un manifesto pide á Xunta que paralice as campañas con erros lingüísticos

Campaña de 'Cómete o mar' Dominio Público Praza Pública

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalizadores da Lingua (CTNL) vén de emitir o comunicado Pola creatividade galega e a calidade lingüística no que reclama que as administracións públicas "desenvolvan as súas accións comunicativas desde o galego e con calidade lingüística", e para que a Xunta "paralice as diferentes campañas nas que descoida a lingua e as reinicie desde o galego". Esta iniciativa chega logo de que a Administración autonómica presentase estes días o lema Cómete o mar, unha frase con erros lingüísticos (debería ser Come o mar) "que provoca, entre outras cousas, distorsións comunicativas".

A CTNL pide á Xunta que "paralice as diferentes campañas nas que descoida a lingua e as reinicie desde o galego"

A CTNL lembra que "a creatividade publicitaria e comunicativa galega é moita e moi boa" e que nela "a lingua xoga un papel fundamental". Ademais, advirte de que para "unha boa boa e efectiva creatividade galega é fundamental coñecer ben o idioma galego e manexalo axeitadamente". No entanto, denuncian que "abundan exemplos nos que non se ten o coidado necesario na calidade da lingua". "Isto sempre é malo, pero se se fai en accións e campañas promovias ou nas que colaboran administracións públicas convértese en máis grave aínda" di a Coordinadora.

O manifesto lembra os erros lingüísticos nas campañas 'Pesca-de-rías', 'Leite galega 100%',  'As mulleres, pilares de Galicia' ou 'Cómete o mar'

"A calidade lingüística de todos os textos e mensaxes públicas das administracións é fundamental, pois  transmiten a imaxe das propia entidades, o que elas son, como traballan, o coidado que poñen no que fan, o respecto, a seriedade, o rigor...", destaca, tras recordar que nos últimos tempos perciben "un especial e grave desleixo lingüístico en diversas accións comunicativas ou publicitarias da Xunta". "Algúns exemplos disto son as marcas Pesca-de-rías ou Leite galega 100% e as campañas As mulleres, pilares de Galicia e a máis recente que se presentou estes días Cómete o mar, todas elas xa con erros lingüísticos  nos propios nomes e lemas e tamén nos diversos soportes publicitarios, con distorsións nas mensaxes, e non pensadas nin ideadas desde o galego, con creatividade galega", denuncian.

Por todo isto, a CTNL pídelle a todas as entidades públicas "un maior compromiso co uso e prestixio da lingua galega e coa calidade lingüística en todas as súas accións comunicativas". "E, en concreto, solicitámoslle á Xunta de Galicia que paralice esas campañas, que mude os seus nomes e lemas por outros pensados en galego e desde o galego, que corrixa os diversos textos e soportes utilizados e  que coide a calidade lingüística en todas as accións comunicativas e publicitarias futuras antes de seren difundidas, contando para iso con  profesionais creativos/as que ideen as accións desde o galego e con profesionais que asesoren sobre o uso da lingua", remata.

Campaña de 'Cómete o mar' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.