Sanidade négase a pactar medidas de atención a drogodependentes e migrantes

Campa e Mosquera, nun acto público © Ana Varela

A comezos do pasado maio unha morea de entidades sociais e políticas aglutinadas en torno a SOS Sanidade Pública lanzaban unha alerta ante a posibilidade de que a rede de atención a persoas en situación de drogodependencia fose "desmantelada". Son dezasete centros asistenciais, oito unidades de día, tres comunidades terapéuticas, seis unidades de alcolismo e corenta e tres equipos de prevención que, a través de 350 profesionais, atenderon máis de 12.000 persoas tan só no último ano. Todo isto, alertaban, está "en perigo" polo recorte de 1,5 millóns de euros aplicado entre 2009 e 2012 a esta rede, á que en 2013 se lle sumou un 15% adicional.

Estas tesoiradas, unidas a outras aínda maiores como a retirada do financiamento aos grupos contra a sida ou a falta de atención a persoas migrantes facían necesario, a xuízo da plataforma, a creación de mesas de diálogo nas que a Consellería e as entidades sociais que veñen atendendo estes colectivos durante décadas traballasen á procura de solucións. Esta iniciativa concretouse nunha comunicación escrita que SOS Sanidade lle fixo chegar ao Goberno galego. Esa misiva vén de ter resposta a través doutra carta a cuxo contido tivo acceso Praza Pública e na que o departamento que dirixe Rocío Mosquera se nega en rotundo a aceptar esa proposta de diálogo.

Os colectivos veñen de lanzar unha alerta ante o posible "desmantelamento" da atención ás drogodependencias

"Agradecemos o interese mostrado no seu correo", di a resposta, asinada polo secretario xeral da Consellería, Antonio Fernández-Campa, quen admite que o que se lle propuña non era realizar gasto ningún, senón crear "dúas meses para abordar os temas relativos á rede de atención ás drogodependencias e outros colectivos en risco de exclusión social". Pero "debemos indicarlle", explica, que no que atinxe á "coordinación sobre a atención a colectivos en risco de exclusión social" a consellería xa "mantivo reunións con distintas ONG, coordinadas a través do Foro Galego da Inmigración, co obxectivo de desenvolver e, neste momento, avaliar a atención fundamentalmente no caso de inmigrantes en situación irregular". Este grupo, di, "vénse reunindo de froma periódica".

O Sergas di "agradecer" o "interese e o ofrecemento" pero négase a constituír mesas de diálogo

No referido á "atención ás drogodependencias, tanto no que se refire aos programas de asistencia como de prevención", tanto a Consellería como o Sergas, xustifica, "veñen mantendo regularmente reunións de traballo tanto con concellos como con asociacións co obxectivo de participar no desenvolvemento destes programas". Fernández-Campa "entende" que "en ambos casos existe na actualidade unha fluída información con asociacións e outras entidades implicadas directamente na súa xestión". Así as cousas, Sanidade "agradece" o "interese" e "o ofrecemento realizado", pero non pasa de aí, xa que se nega a establecer diálogo adicional ningún.

Campa e Mosquera, nun acto público © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.