Cangas non é lugar para cans

Praia de Viñó, en Cangas CC-BY-NC-ND Inmobiliaria Lares, Cangas

O pleno do Concello de Cangas aprobou o pasado ano unha nova ordenanza municipal que regula a "protección e posesión de animais de compaña" e que entrou en vigor en nadal. Porén, non foi até pouco antes deste verán que a normativa comezou a aplicarse en toda a súa dureza, tras un "tempo prudencial" para que os veciños a coñecesen. A normativa municipal prohibe o acceso dos animais ás praias durante todo o ano e impón multas de até 3.000 euros, as máis elevadas de todo o Estado. Foros e redes sociais denuncian estas medidas, inéditas en Galicia.

A Lei de Costas e a Lei de protección dos animais domésticos e salvaxes en cautividade remiten ás normativas municipais a "prohibición ou limitación" da presenza dos animais. Por defecto, a súa presenza nos areais está permitida, agás que o goberno municipal aprobara unha normativa neste senso. A meirande parte dos concellos limitan o acceso dos cans ás praias durante o verán, de xuño a setembro, pero coa devandita ordenanza Cangas converteuse nun dos poucos lugares de toda España en prohibir a súa presenza durante todo o ano. Ademais, esta normativa chama a atención polo elevado das multas económicas que prevé: mentres na meirande parte dos concellos as infraccións poden obrigar a pagar entre 100 e 300 euros, en Cangas esta cifra elévase aos 3000.

Nas praias con bandeira azul adoita estar prohibido (ou nalgúns casos específicos moi limitado) o acceso de animais. Nas praias con vixilancia os socorristas están obrigados a chamar á policía se ven algún can nelas. Porén, moita xente que acode cos seus cans unha vez abandonaron a praia os socorristas.

A ordenanza de mascotas de Cangas sinala o tipo de razas consideradas "perigosas", que deben levar correa e bozo no termo municipal, mentres que o resto deben ir obrigatoriamente suxeitos por correas. A normativa, que tamén limitaba a súa presenza en balcóns e terrazas polas noites e no transporte público, ademais doutras restricións, recibiu numerosas alegacións das forzas da oposición municipal e de colectivos como Libera. 

Cangas espertou nas últimas semanas numerosas críticas en foros e medios especializados e tamén nas redes sociais polas restricións aprobadas

Mentres en distintos puntos da costa peninsular hai lugares que se comezan a promocionar salientando as facilidades que ofrecen para o acceso das persoas con animais de compaña, Cangas espertou nas últimas semanas numerosas críticas en foros e medios especializados e tamén nas redes sociais polas restricións aprobadas. 

 

Praias para cans

O 5 de xullo O Grove inaugurou os dous primeiros areais para cans, a praia de Canelas e a praia de Con Negro. Atópanse na batería militar de San Vicente e son praias de baixa ocupación e rodeadas de zonas naturais. Desde entón foron visitadas por un gran número de propietarios de cans, que aseguran estar moi satisfeitos con esta nova iniciativa. En Marín ou A Coruña grupos de veciños levan un tempo organizándose para que os consistorios fagan o mesmo. Roberto Díaz, portavoz da asociación Cansdomar, pedía hai uns meses que se habilitasen praias, ou cando menos que se acoutase "algunha zona para poder levar as nosas mascotas ou determinar un espazo de esparcemento dentro do municipio, no casco urbano, tal e como se fixo cos patinadores, por exemplo". A Asociación de Veciños de Oza, Gaiteira e Os Castros demandoulle igualmente ao Concello da Coruña que reservase un espazo nas praias para a presenza dos animais, o que foi rexeitado pola Concellaría de Medio Ambiente porque -asegura- iso suporía incumprir a normativa que outorga as bandeiras azuis.

A presenza de cans nas praias atópase moitas veces con dificultades CC-BY-NC melgupta
Praia de Viñó, en Cangas CC-BY-NC-ND Inmobiliaria Lares, Cangas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.