O lume arrasa o Monte Pindo

O incendio no Monte Pindo © Asociación Monte Pindo Parque Natural

Segue sen ser controlando o incendio que dende este mércores arrasa o Monte Pindo, en Carnota, e que a primeira hora da mañá queimara xa máis de 1000 hectáreas, segundo as cifras oficiais facilitadas pola Xunta. As lapas esténdense nunha zona de difícil acceso, moi preto dos núcleos de poboación de San Cibrán, Cornido, Caldebarcos, Panchés, A Curra e Quilmas, e descenderon pola ladeira do monte, chegando até o mar, cruzando a estrada AC-550 que conecta O Ézaro con Muros. Os equipos de extinción traballan en varios lugares para que o lume non chegue ás vivendas, pero o incendio segue avanzando. O alcalde de Carnota, Ramón Noceda (BNG), confirma a cifra de 1300 hectáreas até as seis da mañá, que a estas horas sería moi superior. Hai cortes de agua en varias parroquias de Carnota, Muros, Noia e Outes. E en Muros en Carnota non funcionan nin os teléfonos fixos nin internet.

O lume iniciouse na zona de Cima da Arca e nas primeiras horas afectou máis á parroquia de Arcos, en Mazaricos. Varias aldeas foron rodeadas polas lapas e nelas os veciños traballaron durante toda a noite con mangueiras para tentar salvar as súas vivendas. Segundo publica La Voz de Galicia, en Panchés un coche de Protección Civil achegouse co alcalde para desaloxar dúas mulleres de 90 anos, que finalmente optaron por quedar nas súas casas. Nas tarefas de extinción participan 1 técnico, 12 axentes, 17 brigadas e 9 motobombas e dende esta mañá tamén colaboran medios aéreos (catro hidroavións), que non puideron traballar pola noite.

A zona xa fora ameazada hai uns días por outro incendio iniciado en Mazaricos e que finalmente quedou a catro quilómetros deste espazo de gran valor natural. Os veciños denunciaron daquela que a zona levaba anos sen ser limpada, polo que a densidade do mato era moi alta, o que podería supor un gran perigo no caso de que se producise outro incendio.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural denuncia "a destrución case completa" do espazo e anima a encher as redes sociais de lazos verdes

A Asociación Monte Pindo Parque Natural denuncia "a destrución case completa" do espazo e anima a encher as redes sociais de lazos verdes: "Non queremos lazos negros, queremos ver verde esperanza da natureza que nos axude a superar o negro tristura das cinzas, e en memoria do perdido e do que nunca debe volver a pasar". Mario Maceiras, secretario da entidade, calcula que o lume arrasou co 90% do espazo, e de igual xeito o alcalde de Carnota, Ramón Noceda (BNG), confirma que o incendio cobre todo o Monte Pindo: "é un atentado contra o Monte Pindo", di por teléfono, ao tempo que sinala que o obxectivo dos incendiarios é que "non se declare" a zona como Parque Natural. Noceda denuncia, ao igual que os veciños, a falta de prevención e traballos de limpeza na zona, dos que responsabiliza á Xunta.

A Asociación, que leva anos traballando para que se dote a este lugar de maiores figuras de protección, e que sexa delimitado como Parque Natural, fala de "perda irremisíbel do Monte Pindo". Sinala que a "protección e desenvolvemento substentábel" que reclamaban "xa non chegará a tempo" e salienta que "este é o momento de lamentarmonos polo que se podia ter feito e non se fixo. Axiña será o momento de pedir responsabilidades e demisións a quen podendo facer algo pasou tres anos pechando os ollos, as orellas e a razón á crua realidade".

Nos últimos dez anos a Xunta non declarou ningún novo parque natural, figura que se viu substituida de facto por outra, a Rede Natura 2000, "que xera serias dúbidas entre a sociedade polos seus escasos efectos reais sobre a protección do medio ambiente e as trabas ao desenvolvemento substentábel dos pobos nos que se implanta", segundo a asociación. Tamén denuncian que nos últimos tempos se ven producindo "un continuado incremento das agresións de diversa natureza ao Monte Pindo motivadas polo aumento das visitas e sobre todo pola total falta de vixilancia e control", e que estes problemas "poderían atallarse de inmediato coa declaración do Parque Natural".

"Non só é culpábel quen prende o lume, senón tamén os que por inacción ou omisión, impeden que a cidadanía se implique na conservación do noso patrimonio natural"

Tamén ADEGA láiase de que "a Xunta desatendera o clamor popular para a súa protección" e destaca que "no que se refire a protección do Monte Pindo, nada mudou en case 10 anos, nen sequera despois de que en 2005 ardera na súa práctica totalidade. Malia a ser parte da Rede Natura 2000, o abandono institucional é absoluto". A entidade ecoloxista salienta que "a incompetencia, a inoperancia e o desleixo cómplice da Xunta para co Monte Pindo están tamén detrás da catástrofe que hoxe lamentamos". Porque, engade, "non só é culpábel quen prende o lume, senón tamén os que por inacción ou omisión, impeden que a cidadanía se implique na conservación do noso patrimonio natural, facendo que agromen sinerxias e oportunidades que reforzarían o compromiso da sociedade con este espazo senlleiro".

ADEGA lembra que a proposta de declarar este espazo parque natural non se baseaba unicamente "nos seus singulares valores xeolóxicos e biolóxicos", senón tamén en que "é a única figura que garante a participación social (concellos, propietarios, sectores sociais) através do Padroado e un orzamento fixo para a conservación do espazo e a dinamización socioeconómica da contorna". Destaca que "esta proposta xurdiu da propia sociedade e concitou amplos apoios dende os máis diversos sectores". E pregúntase: "Cantos espazos protexidos, non só en Galiza senón no mundo xurdiron a iniciativa da propia sociedade que vive ao seu carón?"

 

AGE denuncia “a soberbia, a ignorancia e o discurso triunfalista da Xunta”

Para AGE, a política forestal da Xunta é inexistente e, polo tanto, absolutamente irresponsábel. Que haxa ou non lumes nos montes, sinala Sánchez, “depende unicamente das condicións climatolóxicas. Isto é intolerábel”

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez, denuncia “a soberbia, a ignorancia e o discurso triunfalista da Xunta” xusto cando está arder o monte Pindo, "lugar de enorme importancia natural e símbolo nacional galego". “Sentimos raiba e indignación”, afirmou Sánchez esta mañá, “ante a soberbia e a ignorancia do señor Núñez”. “O Goberno fixo un discurso triunfalista sobre os lumes e focaliza o problema nos incendiarios”, engadiu, “que é como se o ministro de Interior descargase a responsabilidade no aumento de delincuencia nos delincuentes”. Para AGE, a política forestal da Xunta é inexistente e, polo tanto, absolutamente irresponsábel. Que haxa ou non lumes nos montes, sinala Sánchez, “depende unicamente das condicións climatolóxicas. Isto é intolerábel”.

“O único que fai o presidente é propaganda e publicidade, e a conselleira, amosar a súa ignorancia”, explicou o deputado de Alternativa, “e ao PP só lle interesa gañar as súas batalliñas”. Segundo Antón Sánchez, o despoboamento do rural atópase entre as causas centrais das vagas de lumes que cada ano arrasan os montes do país. “A Xunta debería comezar por facer cumprir a lei de prevención de incendios forestais”, concluíu o parlamentario de AGE, “porque hai centos de denuncias por repoboación forestal e plantacións ilegais que fican sen tramitar”.

 

O BNG pide a dimisión de Agustín Hernández

"O goberno galego negouse a asumir as demandas cidadás e agora podemos ver as consecuencias da falta de investimento e de protección dun espazo único que nin a Xunta nin a Administración central están a protexer"

O Bloque Nacionalista Galego vén de solicitar a "dimisión inmediata" do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, á vista da desfeita provocada polo incendio que arrasa o Monte Pindo. Denuncia que "tras anos demandando a catalogación do Monte Pindo como Parque Natural, o goberno galego negouse a asumir as demandas cidadás e agora podemos ver as consecuencias da falta de investimento e de protección dun espazo único que nin a Xunta nin a Administración central están a protexer".

O BNG denuncia "a falta dunha política forestal galega por parte do PP, que eliminou importantes medidas que se puxeran en marcha para a prevención". Os nacionalistas sinalan que "a política curtopracista do PP é unha auténtica ruína para os nosos montes e pon en risco a seguranza da cidadanía. A loita contra o lume comeza no inverno e require unha planificación constante de ordenación dos espazos forestais e de desenvolvemento dunha política de prevención agora inexistente". O Bloque vén de convocar manifestacións esta tarde en todas as cidades galegas para exixir "unha mudanza nas políticas de prevención e de extinción de lumes". Estes son as horas e lugares das convocatorias:

Santiago de Compostela, 20:00h., Praza do Toral

Vigo, 20:00h., diante do Museo Marco

Ferrol, 20:00h., Praza Amada García, diante do Edificio Administrativo da Xunta

A Coruña, 20:00h, no Obelisco

Verín, 20:00h., diante do Concello

Lugo, 19:30h., diante do Edificio Administrativo da Xunta

Ourense, 19:30h., Diante da Subdelegación do Goberno

 

Máis de 1750 hectáreas queimadas nas últimas horas

O lume queimou máis de 1.750 hectáreas nas últimas horas en Galicia. Ademais do incendio do Monte Pindo, tamén se decretou o nivel 1 de alerta en Negreira, pola proximidade das lapas aos núcleos de Lueiro, Barbazán e Lobios, e en total queimáronse máis de 400 hectáreas; e na Fonsagrada, onde o lume cercou as aldeas de Vilar da Cuíña e Fornaza e queimou xa 350 hectáras. Permanece activo outro incendio en Porto do Son, preto do Castro de Baroña. Tamén se rexistraron incendios de importancia en Lalín, A Estrada, Gondomar e Vilagarcía, xa extinguidos

O incendio no Monte Pindo © Asociación Monte Pindo Parque Natural
O Monte Pindo, ardendo © Asociación Monte Pindo Parque Natural
Os servizos de extinción traballaron durante toda a noite © Asociación Monte Pindo Parque Natural
As lapas están a escasos metros das vivendas no Pindo © @franhermida1

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.