0 Gardados para despois

"Ninguén cre que o castelán estea en perigo"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O ensino de Balears vive dende este luns unha folga indefinida. Coa vaga de recortes educativos como pano de fondo, o decreto trilingüe que o Govern das illas pretende poñer en marcha malia a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza que o suspendeu cautelarmente. Inspirado, en boa medida, nas políticas da Xunta, o gabinete que preside José Ramón Bauzá (PP) incendiou a comunidade educativa balear, na que o sindicato STEI é maioritario. María Antònia Font, a súa secretaria de política educativa e normalización lingüística, explica para Praza Pública que as protestas son o resultado da "suma de todos: sindicatos, asembleas, coordinadoras, plataformas...", unidos nunha soa voz en defensa da lingua propia.

O seguimento da folga no seu inicio semella un éxito... As cifras falan do 90%. Como a valoran?

"O Goberno ten unha especie de fobia á lingua e á cultura propias"

Está a ser un éxito, máis aínda porque é unha folga autonómica, con menos difusión e cobertura que as estatais. Aquí temos un laboratorio da LOMCE, sobre todo en temas lingüísticas. O Goberno do señor Bauzá eliminou inmersión en catalán, puxo máis horas de castelán, introduciu o inglés como escusa para quitar a lingua propia... É un laboratorio da LOMCE e aquí a xente sentiuse moi atacada. O presidente do Govern ten unha especie de fobia á lingua e á cultura propias de aquí e cada medio ano nos agasalla unha normativa, algo que vai contra a lingua: na administración pública, pechando medios de comunicación... ou no ensino, onde aplicou "a libre elección" e o tiro saíulle pola culata, porque o 90% dos pais escolleu ensino en catalán. Por iso agora quere impoñer o TIL (Tratamento Integral de Linguas), que é como o decreto do trilingüismo en Galicia. Pero a xente non o quere e el quéreo aplicar malia a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Balears. Todo isto acendeu moito á xente e a comunidade educativa está en pé de guerra.

E optaron por unha folga indefinida que supón un importante esforzo para o persoal docente, tamén económico...

No momento en que se propuxo a folga indefinida ergueuse a dignidade de todos: a universidade, os pais e nais, o alumnado... Imos perder 100 euros diarios, pero é para defender a educación de calidade, inclusiva e en catalán. A xente que defendemos o catalán, como quen defende o galego, somos moi belixerantes, tamén, e hai un momento no que dixemos: basta. Hai tanta xente que defendeu antes ca nós esta lingua, esta cultura, o mantemento desta idetnidade... que agora hai que moverse. E a xente, móvese.

Non calla, polo tanto, a idea de que o catalán é unha "imposición" e que o castelán está "en perigo"..

"Ninguén cre que o castelán estea en perigo"

Ninguén cre que o castelán estea en perigo. É unha consigna estatal da FAES para as comunidaes nas que goberna o PP, que aquí ademais nos cambia o nome das linguas para dividir. El [Bauzá] promociona moito as modalidades: "o mallorquín, o ibicenco...". As modalidades nunca estiveron en perigo en ningún lugar do territorio, pero temos moi clara a unidade da lingua catalá. Hoxe, por exemplo, estivéronnos apoiando os compañeiros do País Valencià, todos apoiando a mesma lingua, o catalán. Témolo claro.

E, neste contexto, o Govern, como aquí a Xunta, insiste no ensino en inglés. Están preparados os docentes e o alumnado? Substitúese o catalán polo inglés?

Din que é para saír da crise, para vencer o fracaso escolar... E auméntano, porque o alumnado de 1º da ESO, que non fixo ningunha materia en inglés, non pode agora dar as Matemáticas ou as Ciencias en inglés. Máis aínda nunha comunidade con moitísima emigración que non fala ningunha das tres linguas.

O detonante da folga é a lingua, pero a protesta esténdese tamén aos recortes educativos...

O tema da lingua mobiliza a moita xente, pero nesta reivindicación tamén están os planteis docentes, os recortes de axudas a transporte e comedor escolar, as listas de interinos... Tamén hai temas laborais, sobre todo porque en Menorca expedientaron tres directores de forma inxusta e, ata que non se corrixa, non sentaremos a negociar.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.