Os traballadores sociais advirten dos perigos da reforma local para os servizos públicos

Un momento do coloquio do COTSG © COTSG

"Estamos nun momento de profundo cambio de modelo das políticas sociais que pode incidir directamente na concepción da atención social á cidadanía, tal e como estaba configurada ata o día de hoxe”. Esa é a advertencia que o pasado venres lanzou Diana María Parada, presidenta en funcións do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), durante unha xornada de análise sobre o impacto da reforma local celebrado en Compostela.

"É preciso un esforzo na racionalización deste sistema, pero cunhas liñas vermellas que non se deben pasar”, advirte o Colexio

Durante o coloquio, titulado O traballo Social ante a Reforma da Administración Local, Parada advertiu de que o Colexio cre "fundamental" ter un sistema de servizos sociais "sostible" e considera que "é preciso facer un esforzo na racionalización deste sistema, pero cunhas liñas vermellas que non se deben pasar”. Así, advirten ante unha reforma prevista polo Goberno -e fortemente contestada polos concellos- da que se pode derivar a privatización dos servizos sociais que ofrecen os pequenos municipios, ademais doutras moitas consecuencias sobre as que a Fegamp xa amosou o seu claro rexeitamento.

Os traballadores sociais incidiron moito na “proximidade”, non só como concepto territorial, senón como “o coñecemento da situación das persoas, das familias, dos grupos en situación de discriminación ou desvantaxe social”. Por iso, advirten de que os concellos "facilitan, permiten e potencian esta necesaria proximidade". Segundo Parada, “os servizos sociais comunitarios non poden deixar de ser públicos, vai contra a lóxica da sociedade de benestar e vai contra a lóxica económica”.

“Os servizos sociais comunitarios non poden deixar de ser públicos; vai contra a lóxica da sociedade de benestar”

Dende o COTSG son "partidarios duns bos servizos sociais e non duns servizos sociais máis baratos, o cal ninguén demostrou aínda que poida facerse sen ir contra a redución de salarios dos profesionais, contra os postos de traballo ou contra a redución das prestacións sociais”. Na dependencia, segundo engade Diana Parada, hai un exemplo "ben claro e ben recente".

Os traballadores sociais levan manifestado xa tempo o seu "rexeitamento" a como se está a tramitar a reforma local porque advirten de que se "podería potenciar a privatización dos servizos sociais de base, co argumento dos criterios económicos, cando todos e todas sabemos que o privado non ten que ser máis barato que o público”, insiste Parada. Ademais, dende o COTSG apúntase non só á privatización como un elemento a ter en conta, senón tamén "a redución de servizos, de recursos humanos e a recentralización que supón, rompendo cun dos valores máis destacados da rede municipal de servizos sociais, que é a proximidade coas familias".
 

Un momento do coloquio do COTSG © COTSG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.