As cinzas do Pindo cobren o banco marisqueiro da Berberecheira

O banco marisqueiro da Berberecheira (Caldebarcos) © AMPPN

O banco marisqueiro da Berberecheira (Caldebarcos) amenceu este venres cuberta por unha grosa capa de cinza procedente do incendio que hai unhas semanas arrasou o Monte Pindo. As mariscadoras da Confraría do Pindo comezaron a retirar de inmediato este chapapote de monte, por iniciativa propia, subliña a asociación Monte Pindo Parque Natural, para tratar de evitar que a cinza deixe sen osíxeno e acabe con toda a produción marisqueira, "como xa aconteceu hai dez anos" co petróleo do Prestige.

Sinalan que "a falta de análises científicas descoñecemos polo momento se xa se rexistran problemas de contaminación tamén no mar e por tanto nun dos caladoiros de polbo de máis calidade da costa galega", pero engaden que "o aspecto cada vez máis turbio e enlodado das augas abertas disparan a preocupación porque a contaminación acabe por danar tamén esta produción" e que "terra adentro, o lodo xa asulaga casas, parcelas agrarias e está a causar problemas en ríos e pontes".

A asociación denuncia, igualmente, que a Xunta lles segue negando axunda aos veciños e veciñas da zona afectadas polo lume e as súas consecuencias. Alternativa Galega de Esquerda presento unha iniciativa parlamentar para dotar de investimentos e actuacións urxentes a zona, e declarar a zona catastrófica para indemnizar e resarcir a veciños que viron danados os seus fogares e o seu medio de vida a consecuencia do incendio, e tamén que declare dunha vez o Parque Natural. Ao igual que sucedeu hai 15 días cunha iniciativa semellante presentada polo BNG, os votos do PP tumbaron a proposta.

A entidade amósase convencida de que "son a veciñanza e as persoas sensibles co medio ambiente os que temos que dar resposta á petición desesperada de socorro que nos está a lanzar o Monte Pindo". E lembra que está ultimando o proxecto civil de voluntariado SOS Monte Pindo para que as persoas preocupadas polo futuro do Monte Pindo poidan achegar a súa axuda nos traballos de coidado e restauración do espazo arrasado polo lume.

 

O banco marisqueiro da Berberecheira (Caldebarcos) © AMPPN
O "chapapote de monte" en Caldebarcos © AMPPN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.