Galicia sae á rúa por 'dignidade'

Un intre da concentración de Vigo CC-BY-SA CIG-Avantarvideos

Varios milleiros de persoas participaron en cidades e vilas do país nas concentracións convocadas por Nunca Máis en protesta pola sentenza que deixa sen responsables a catástrofe do Prestige. Ao redor de tres mil persoas na Coruña, dúas mil en Vigo ou Ferrol e mil en Compostela ou Ourense. Non esquecemos. Non á impunidade. Mareas negras Nunca Máis foi o lema que presidía todas elas, buscando amosar o anoxo e a indignación por un auto que exime de culpa a todos os responsables políticos dun dos accidentes con consecuencias máis graves para o medio ambiente das últimas décadas.

Nunca Máis decidirá este martes se recorre xudicialmente a sentenza do Prestige. Este venres pola mañá a comisión xestora da plataforma mantivo unha longa xuntanza na que quedou claro que hai unha gran diversidade de posicións dentro da plataforma sobre a conveniencia da manter a batalla xudicial, complexa e custosa, e na que hai unha "marxe moi estreita" para unha modificación da sentenza, segundo os expertos. O seu voceiro, Xaquín Rubido, sinalaba que “a intensidade do tema e a amplitude da plataforma non nos permite tomar unha decisión aínda”, polo que esta quedou adiada até o martes, cando terá lugar unha nova reunión.

"O tema segue aberto", destaca Rubido, "temos tempo para presentar o recurso, e as decisións hai que tomalas con todos os elementos enriba da mesa". Entre elas, de forma destacada, a mobilización social, "un elemento capital" para Rubido. “A sociedade non debe acatar esta sentenza, por inxusta e porque nos deixa desamparados”, di, e por iso subliñaba que hoxe por hoxe a prioridade da plataforma era a organización das manifestacións convocadas. En certa maneira, apunta Rubido, da resposta que dese a sociedade dependerá a decisión que finalmente adopte a plataforma.

Concentración en Vigo CC-BY-SA CIG-Avantarvideos
Concentración en Vilagarcía Dominio Público @madialevo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.