A rebelión contra o copago farmacéutico bótase á rúa

Cabeceira da manifestación CC-BY-NC-SA BNG

"Unha batalla social" para que o novo copagamento sobre os medicamentos que os doentes crónicos recollen nos hospitais non entre en vigor en Galicia. É o proceso no que se atopan inmersa a Iniciativa Galega en Defensa da Gratuidade da Sanidade, a plataforma que xa aglutina unhas 150 entidades encabezadas por varios concellos do BNG. Despois de que arredor dunha trintena de municipios de todo signo político anunciasen a súa intención de asumir o custo destes medicamentos no caso de que a Xunta manteña a súa intención de aplicar o novo recorte, este domingo a Iniciativa sacou as súas demandas ás rúas de Compostela.

Secundada por centos de persoas, a mobilización transcorreu baixo un lema ben claro: "O copago mata, por unha sanidade galega e gratuíta". Tras esta faixa, representantes dos sindicatos sanitarios, de colectivos profesionais e tamén políticos clamaban por unha "sanidade pública e de calidade" ou contrapuñan as axudas á banca cos recortes aos servizos públicos de saúde. En vérperas da reunión que van manter coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, os membros da plataforma, por boca do alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez, xa advirten de as súas demandas non admiten "negociación": só pasan pola "derrogación do decreto que supón o berce do copagamento".

Mentres isto non se consegue, subliña Guitérrez, "ningún veciño dos nosos municipios" vai ter que "abandonar o seu tratamento por falta de medios para pagar". Para soster a sanidade pública, engade o alcalde de Allariz, Francisco García, "xa están os impostos" e se é necesaria unha maior achega ás arcas públicas esta ten que chegar a través do IRPF, para que así sexa "progresiva". Na mesma liña, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, advirte de que "estamos en contra do copagamento dos medicamentos hospitalarios" e tamén "contra toda a batería de medidas do PP que, pinga a pinga, saen cada día" para "reducir a calidade do servizo público, restando servizos" e "favorecendo a sanidade privada".

"O copago mata", advirte a plataforma, que ve en Feijóo "un perigo para os pacientes crónicos"

"Temos que esixirlle ao PP que free a avalancha de agresións á sanidade pública", apela Vence, para quen é "necesario que toda a cidadanía valore o que supuxo na calidade de vida de todos esta conquista, para que a saibamos defender e impidamos que os negociantes privavdos e os grandes fondos financeiros comercialicen coa nosa saúde". Coas verbas do portavoz do Bloque concorda Gutiérrez, para quen Feijóo, coa aplicación dos recortes estatais e dos seus propios, se está a converer "nun auténtico pesadelo para o pobo" e "nun perigo para os pacientes crónicos". Pero se persiste, subliñan os alcaldes, a Iniciativa Galega en Defensa da Gratuidade da Sanidade será tamén un "pesadelo" para o presidente.

Cabeceira da manifestación CC-BY-NC-SA BNG
Comitiva do BNG na manifestación CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.