"Dicir 'non' a Porto Cabral é posicionarse a prol do sentido común"

Alfonso Álvarez Canella, historiador e investigador dos montes veciñais © O monte é noso

Alfonso Álavez Canella é profesor de Historia, nos últimos anos centrou o seu ámbito de investigación nos montes veciñais galegos, unha fórmula de propiedade comunal e democrática propia de Galicia e do norte de Portugal e que aínda segue representando un terzo do monte do noso país. Nos últimos meses implicouse tamén na loita que veciños e comuneiros mantiveron para evitar que o espazo de Liñeiriños fose entregado á británica Eurofunds para a co construción dun macrocentro comercial. Defende o monte como "unha grande oportunidade para o progreso do noso país" e chama a "poñer en valor o monte veciñal".

Cres que o Concello se atreverá a seguir adiante con Porto Cabral, levando a cabo unha expropiación, plan parcial de desenvolvemento de área... ?

Na xustificación legal da expropiación forzosa os bens poderán ser obxecto de tales actuacións só por causa de utilidade pública ou interese social prevalente sobre dos propios bens. Neste senso cando algunha acción é declarada de utilidade pública debe contar cunha formulación legal. Un típico exemplo de acción que pode ser declarada de utilidade pública son as instalación das liñas eléctricas, que contan coa Lei do Sector Eléctrico, e aínda contando con facilidades legais, xa que as instalacións eléctricas son de utilidade pública, non en todos os casos é posible a expropiación ou imposición de servidumes.

Seguindo con este razoamento, mentres non existe formulación legal expresa de expropiación forzosa para construír áreas comerciais, os montes veciñais en man común (MVMC) son protexidos por varias disposicións legais: Leis de MVMC de 1968, 1980 e 1989, tamén o recoñecemento desta realidade na Lei do Dereito Civil de Galiza de 2006, o Regulemento de MVMC de 1992, e mais tamén existe unha ampla documentación xurisprudencial como testemuño do interese social que esta realidade ten en Galiza. Como se dixo antes a lexislación protexe o que debe ser protexido, por iso, dende o principio e até o final deste proceso os MVMC terán plenas garantías na súa defensa.

No caso concreto de Porto Cabral, estamos a falar dunha iniciativa privada por parte dunha empresa comercial, denominada Eurofund Investiments que pretende, coa connivencia do Concello, capitalizar este proceso. De se producir isto, esta empresa conseguiría a compra dunha extensión de terreo de aproximadamente cincuenta hectáreas, e destas cincuenta hectáreas un mínimo de trinta serían de monte veciñal en man común. Se falamos de propiedades privadas ninguén pode obxectar a outros que vendan as súas terras a quen eles quixer, mais ao falar dos montes veciñais a capacidade de vender ou allear estas terras está prohibida por lei. Isto da venda non se podería conseguir legalmente, mentres que unha expropiación de monte veciñal ten que cumprir unhas condicións legais.

"O único camiño de Porto Cabral sería o de unha ilegalidade consentida coa connivencia total das partes implicadas"

Daquela, e como adianto do que se está a expoñer, hai que dicir que o único camiño de Porto Cabral sería o de unha ilegalidade consentida coa connivencia total das partes implicadas mediante compra de terreos por parte da empresa, o consentimento de tal venda por parte dos comuneiros quen renunciarían tamén a se alzar posteriormente nun contencioso, dereito que os comuneiros poderían exercer se eles quixer na defensa do monte. Tal sucesión de acontecementos en principio estaría ben vista polo Concello, xa que doutro xeito perante un “non” á venda de terreos, como tal foi, debería tratar de executar a expropiación e isto é difícil que vaia poder realizar sen o acordo cos comuneiros.

Os MVMC son propiedades de carácter comunitario que pertencen ao común dos veciños dunha aldea, parroquia ou lugar e contan con características que os asemellan ás propiedades públicas, así falamos dos catro “is” deste tipo de propiedades: inalienabilidade, indivisibilidade, inembargabilidade e imprescritibilidade.

Tendo en conta todo o anterior, podemos responder á pregunta de se o Concello se atreverá a seguir adiante con Porto Cabral e de se haberá ou non expropiación. Para isto é moi ilustrativo e rechamante a posición enganosa tanto dos medios de comunicación locais coma do Concello, e dende logo tamén da Xunta Reitora actual da Comunidade de montes de Cabral.

Que posición enganosa?

"O monte veciñal, por lei, non se pode vender, e segundo a custodia dos montes veciñais é da Xunta de Galicia, polo que ante un eventual intento de expropiación esta debe pronunciarse"

Hai que se fixar sobre todo nas mensaxes que se pronuncian antes e despois do plebiscito que no seo da propia Comunidade se vén de celebrar o anterior día 10 de novembro no que os comuneiros rexeitaron afortunadamente o proxecto de Porto Cabral. En primeiro lugar parece mentira que se teña celebrado dita votación, xa que en realidade o que se desprendería dun “si” na votación era a venda (ilegal) do propio monte. Isto era o que pretendía a actual Xunta Reitora. Pola súa banda, unha vez máis temos que facer unha crítica da prensa local, a súa práctica común de non contrastar a información en beneficio normalmente das partes interesadas nun proceso, neste caso as voces e versións cubertas pola información xornalística foron as do Concello e as da empresa interesada, mais non as dos comuneiros, veciños, e asociacións e organizacións que discrepan deste proxecto.

A mensaxe que se trasladou dende a prensa foi que existía a posibilidade de vender o monte por sesenta ou corenta euros o metro cadrado e que, se non, a expropiación forzosa por parte do Concello sería feita por cinco euros o metro. Pero en realidade existen dous principios reais, fóra de calquera apriorismo ideolóxico, que non poden ser ignorados, primeiro o monte veciñal por lei non se pode vender, e segundo a custodia dos montes veciñais é da Xunta de Galicia, polo que ante un eventual intento de expropiación esta debe pronunciarse e axustarse a dereito cun acto de prevalencia que xustifique a utilidade pública ou interese social prevalente do obxecto polo que é expropiado o monte. Nada disto se dixo na prensa local antes daquela votación.

"Esa votación foi a pantalla pseudolegal dun proceso non transparente no que poderían existir intereses compartidos entre, cando menos, a empresa e a Xunta Reitora"

Cales serán os próximos pasos neste proceso?

Agora que é oficial a postura dos comuneiros en contra do proxecto de Porto Cabral tralo “non” da súa Asemblea e malia a súa Xunta Reitora, a pelota está no tellado do Concello. Nestes intres dise que a votación dos comuneiros non era vinculante e que levará a cabo a expropiación. Todo isto demostra que esa votación foi a pantalla pseudolegal dun proceso non transparente no que poderían existir intereses compartidos entre, cando menos, a empresa e a Xunta Reitora.

Fronte a este estado de cousas que se manifesta aos ollos da xente, por unha banda, falta de transparencia da Xunta Reitora, información parcial e interesada dos medios de comunicación, intento de venda do patrimonio común inalienable dos veciños e finalmente o “non” da Asemblea, e por outra banda o feito xurídico de que para expropiar un monte veciñal hai que contar coa “declaración expresa” da Xunta de Galicia, “unha vez escoitadas as partes e só por utilidade pública ou interese social prevalente sobre o do propio monte” (art.6 do RMVMC de 1992), estas cuestións pois redundan nunha conciencia de que a expropiación concibida nos termos que se está a falar sería unha decisión non axustada a dereito.

Como se podería xustificar a utilidade pública?

"Ten lóxica aceptar que determinadas actividades empresariais privadas van procurar un beneficio colectivo, mais tamén hai que saber que sobre a base do principio da “libre competencia” empresarial, inevitablemente sempre haberá sectores beneficiados e outros prexudicados"

O que está claro é que as iniciativas que se fagan dende os distintos axentes sociais e económicos deben fomentar o desenvolvemento económico, o progreso e o emprego. Mais estes obxectivos deben ser entendidos dentro dunhas coordenadas socioeconómicas e históricas concretas propias de cada momento. Non se trata só de xustiza, senón tamén de sentido común. É dicir se é expropiado un monte veciñal por causa de utilidade pública, isto pode ser aceptado en tanto que será para fomentar unha actividade cuxo rendemento será capitalizado polo conxunto da cidadanía. Isto porén pode ser un razoamento abstracto ou suxeito a discusión, é dicir decidir aquilo que redunde no beneficio colectivo independentemente de quen capitalice o proceso.

Neste senso ten lóxica aceptar que determinadas actividades empresariais privadas van procurar un beneficio colectivo, mais tamén hai que saber que sobre a base do principio da “libre competencia” empresarial, inevitablemente sempre haberá sectores beneficiados e outros prexudicados. Velaquí o complicado da situación ao aceptar que unha empresa privada sexa o principal usufrutuario dun hipotético proceso de expropiación. É sabido por exemplo que a partir de grandes áreas e centros comerciais o prexudicado é o pequeno comercio de proximidade, mesmo que algúns centros comerciais están a pechar porque non poden competir con outros de maior influenza etc;…

Pero ademais hai que pensar nas coordenadas socioeoconómicas e históricas actuais, hoxe o modelo empresarial xa non pode funcionar con garantías sobre a base dun capitalismo expansivo propio do “boom” inmobiliario dos anos anteriores. Por iso un modelo de desenvolvemento baseado na construción de grandes infraestruturas comerciais a través de investimentos estranxeiros é máis que cuestionable, senón se fomentan políticas que procuren o aumento do consumo interno. Non é descabelado pensar que este proxecto, a teor da realidade que estamos a vivir con tal nivel de desemprego, puidera ser un fracaso sen se converter finalmente nunha actividade claramente beneficiosa para o conxunto da cidadanía, xa que probablemente contaría, hoxe por hoxe, cun cativo desenvolvemento con beneficios cuestionables para Vigo e a súa comarca.

Mais sexa como se quer concibir este debate, o que agora está claro é que os comuneiros de Cabral, despois do “non” da súa Asemblea, teñen unha posición de forza e de negociación que antes non tiñan. O Concello debería ser consciente disto se quere actuar para negociar que é aquilo que pode ser declarado de utilidade pública.

Está a cuestión do fomento de emprego, coido que unha das principais, que pode ser de utilidade pública. Mais nunha economía de libre mercado como a nosa, é ben difícil asegurar postos de traballo a un determinado colectivo, neste caso aos comuneiros e veciños de Cabral. Sería bastante inusual que se establecer un protocolo que asegurase a este colectivo traballo estable na construción e funcionamento deste proxecto. Esta vía aínda que se comentou algunha vez por parte da empresa e da Xunta Reitora, preguiceiramente explicada, sen compromisos serios, sen protocolo ningún etc;… sería de seguro só propaganda sen constituír un pacto serio por parte das entidades contratantes.

"Nesa zona de Liñeiriños ou noutros lugares da contorna de Vigo existe moito solo industrial abandonado, que ben podería ser empregado para se revalorizar con novas actividades de tipo empresarial"

En segundo lugar, outro aspecto clave é que, de se producir a expropiación, o cal sería difícil, habería, neste hipotético caso, que establecer un concurso público no que se adxudicaría a aquel ente empresarial que fose desenvolver a actividade ou conxunto de actividades máis convenientes dentro do PXOM.

Tamén cabería a posibilidade, a estudar polo Concello, de establecer esta área comercial nalgún outro lugar da zona que non abranguese monte veciñal e que non levase aparerellado un dano socioambiental elevado. Nesa zona de Liñeiriños ou noutros lugares da contorna de Vigo existe moito solo industrial abandonado, que ben podería ser empregado para se revalorizar con novas actividades de tipo empresarial.

O conflito xurdido a raíz de Porto Cabral abriulles os ollos a moita xente sobre o gran problema que representa o PXOM en Vigo?

"As necesidades de desenvolvemento socioeconómico teñen outras prioridades distintas ás da época en que se empeza a redactar este PXOM hai case máis de dez anos"

En principio o PXOM conta coa legalidade que lle outorga ser un plan que é aprobado non só polo Concello de Vigo senón tamén pola Xunta de Galicia, o que leva consigo implicitamente a declaración de utilidade pública, mais isto é así en principio. É dicir, cando se aproba o PXOM a área de Liñeiriños é declarada como área dotacional para uso comercial. Esta área de un millón e medio de hectáreas tamén abrangue boa parte do monte veciñal en man común de Cabral. Cando se redactou anos atrás de seguro existía unha mentalidade moito máis proclive a interpretar como de “interese xeral” este tipo de actuacións de carácter inmobiliario e comercial.

Mais hoxe, como dixemos, as necesidades de desenvolvemento soicoeconómico teñen outras prioridades distintas ás da época en que se empeza a redactar este Plan hai case máis de dez anos. No 2008 e 2009 prodúcese a súa aprobación definitiva mediante sendas ordes que así o estipulan, en pleno inicio desta crise.

Por outra banda, de se levar adiante Porto Cabral non só tería lugar esta actuación, senón tamén outras en concepto de acondicionamentos e accesos que de seguro suporían a expropiación de algunhas decenas de casas e propiedades particulares e mais tamén significaría un importante impacto socioambiental na zona de monte que acubilla o prezado recurso da auga desta contorna afectando a varias comunidades de augas de Cabral.

"De se levar adiante Porto Cabral non só tería lugar esta actuación, senón tamén outras en concepto de acondicionamentos e accesos que de seguro suporían a expropiación de algunhas decenas de casas e propiedades particulares"

Cómpre axeitar as actuacións futuras do PXOM para responder ás necesidades reais das persoas, por outra banda no que atinxe ao terreo de monte veciñal é precisa unha “declaración expresa” por parte da Xunta que declare as actuacións do PXOM como de interese social prevalente sobre o do propio monte veciñal.

Cres que xerou un novo sentimento de apego ao monte, de defensa do común?

"Non cabe dúbida que o que se está a vivir en Cabral é unha defensa do monte en man común. Pero isto pasa por un obrigado debate da función que os MVMC deben xogar na sociedade galega actual"

Non cabe dúbida que o que se está a vivir en Cabral é unha defensa do monte en man común. Pero isto pasa por un obrigado debate da función que os MVMC deben xogar na sociedade galega actual. Este debate aínda non está plenamente desenvolvido na nosa sociedade, por ser unha realidade que precisa ser entendida mediante a súa posta en valor, entender o monte veciñal coma un recurso ao servizo do común, do colectivo, do común dos veciños e tamén da sociedade en último termo.

Trátase de se encamiñar cara o establecemento nos montes veciñais en man común de novas fórmulas de comunitarismo moderno que permitan un desenvolvemento sustentable a nivel local. Ademais e cun carácter máis xeral é posible cunha boa parte da sociedade, nomeadamente a mocidade, estea a procurar un cambio do modelo social e disposta, nunha época de crise coma esta, a apertar alternativas que signifiquen un cambio cara a un novo modelo de desenvolvemento sustentable.

"Trátase de se encamiñar cara o establecemento nos montes veciñais en man común de novas fórmulas de comunitarismo moderno que permitan un desenvolvemento sustentable a nivel local"

O interesante sería procurar o desenvolvemento sustentable dos montes veciñais dentro dun comunitarismo como forma de gobernanza atendendo á súa vez a multifuncionalidade do monte, na súa dimensión económica, cultural, social e ambiental. Procurando esta multifuncionalidade mediante novas formas de gobernanza, xa sexa mediante a autoxestión comuneira, xa sexa mediante organizacións empresariais de carácter social e local, que tivesen como base a cooperación dos axentes intervintes nos recursos que os montes posúen, poderíase así obter rendementos e aumentar a eficiencia destes sociosistemas en dous sentidos, permitindo o aumento das rendas familiares, estimulando o desenvolvemento local, e favorecendo un desenvolvemento sustentable do monte no longo prazo mediante a valoración da dimensión ambiental e social deste recurso.

A sociedade galega, comuneiros ou non, valoran os montes comúns como deberan?

"Mais alá de posicionamentos románticos ou vitalistas, o certo é que na actualidade queda moito por facer para poñer en valor o monte veciñal, e por extensión o monte como recurso en Galiza"

Os MVMC sempre foron un recurso fundamental na economía agraria tradicional galega. De tal xeito que case todo o monte en Galiza era de titularidade veciñal nun pasado non moi afastado. Hoxe, sobre todo por mor dun proceso de individualización da terra dentro dunha dinámica propia dunha economía de mercado capitalista, grande parte do monte é de propiedade privada. Mais aínda hoxe se conservan un terzo do monte como monte veciñal, aproximadamente unhas setecentas mil hectáreas. Este tipo de propiedade de carácter xermánico, propiedade comunitaria ou colectiva existe no noso País, no norte de Portugal e nalgún outro lugar en Europa, mais trátase dunha singularidade case única, un rasgo característico da nosa Nación.

Mais alá de posicionamentos románticos ou vitalistas, o certo é que na actualidade queda moito por facer para poñer en valor o monte veciñal, e por extensión o monte como recurso en Galiza. Para isto hai que establecer novas formas de organización económica destes recursos, na medida en que a participación dos titulares na súa xestión pode significar asegurar a sustentabilidade dos montes veciñais.

A ninguén se lle escapa que o monte podería ser unha grande oportunidade para o progreso do noso país, porén na actualidade grande parte dos montes están nunha situación de abandono ou de subexplotación, cuxa consecuencia final é a gravísima extensión de lumes que Galiza sofre a cada verán, estragándose as posibilidades que se podan derivar dunha explotación sostible deste recurso.

"A ninguén se lle escapa que o monte podería ser unha grande oportunidade para o progreso do noso país, porén na actualidade grande parte dos montes están nunha situación de abandono ou de subexplotación"

Esta situación vén do pasado inmediato, da política forestal do período franquista, que tratou o monte coma unha explotación de monocultivo de especies forestais alóctonas, piñeiro e eucalipto, en beneficio dos intereses madereiros e papeleiros. Mais houbo unhas expectativas que sobredimensionaron todo isto, e así este mercado non pode absorber tal produción. Por isto se produce o abandono e a mala xestión dos montes.

Pero o monte debe ser considerado coma unha peza clave en Galiza para conseguir no futuro un desenvolvemento sustentable, a través da súa multifuncionalidade. Entre os obxectivos e principios débese procurar: a creación de emprego e o desenvolvemento rural, o fomento da política forestal sobre todo aumentando o valor engadido das transformacións neste sector e dos seus sectores económicos asociados, tamén o fomento de actividades non madereiras como as actividades agrogandeiras e a protección ambiental e cultural co fomento do ecoturismo, entre os principios máis destacables.

Estes obxectivos poderían facer do monte un sector estratéxico sobre todo se se valora e concentran os esforzos en destacar o interese estratéxico e social dos montes veciñais mediante o fomento e a colaboración coas comunidades veciñais. Nestas organizacións que temos en Galiza, as comunidades de montes, é posible estimular a democracia participativa cidadá e ademais aumentar os beneficios para a sociedade, coa protección destes recursos, e os rendementos das economías familiares favorecendo os aproveitamentos individuais.

"Nestas organizacións que temos en Galiza, as comunidades de montes, é posible estimular a democracia participativa cidadá e ademais aumentar os beneficios para a sociedade, coa protección destes recursos, e os rendementos das economías familiares"

Para isto hai que saber pasar da teoría á práctica, para así dotar de recursos as comunidades de montes e capitalizalas. Así, hai que aumentar o capital humano mediante o ingreso da xente nova nestas comunidades, ter un coñecemento e manexar as subvencións que se podan obter e proceder a orientar de maneira óptima a Lei de Ordenación do Territorio e as Leis de Monte e de Montes Veciñais a prol dos intereses das comunidades de montes veciñais en man común.

Que podemos aprender para outras loitas sociais da experiencia dos últimos meses en Cabral?

"Dicir “non” a Porto Cabral, cando menos tal como este proxecto está a ser promocionado, é dicir "non" á inxustiza ao tempo que é posicionarse a prol do sentido común"

O que está a quedar claro e que en Cabral está a xurdir unha nova forma de organización veciñal en relación co monte. Mais é algo que pode ter unhas connotacións máis amplas. Dicir “non” a Porto Cabral, cando menos tal como este proxecto está a ser promocionado, é dicir "non" á inxustiza ao tempo que é posicionarse a prol do sentido común.

Nunha orde máis xenérica a xente non quere empregos precarios, que se fomentan nestas grandes superficies, non quere ou non cre que se vaia saír desta crise insistindo nun modelo de negocio baseado na privatización dos beneficios que provoca un proceso de desenvolvemento non sustentable derivado unicamente das rendas dos grandes investimentos dunhas poucas empresas, sen aumentar as posibilidades reais de xeración de emprego estable que derive na creación de riqueza real, é dicir sustentable, a partir das rendas derivadas do traballo.

Por iso, nun plano máis concreto existe unha necesidade real de valorar o monte veciñal de Cabral, de proceder a unha xestión sustentable sobre este recurso e de establecer un modelo ambiental, económico e social sobre el, que permita beneficiar á veciñanza no seu conxunto. Para empezar sería posible a través de estudos técnicos proceder á elaboración de distintos proxectos, ben forestais, ben agrícolas ou gandeiros que puideren poñer en valor o recurso. Ben unha parte podería seguir como parque forestal e outras ao tempo estar a cumprir funcións agrícolas, xestionadas e explotadas mediante a xeración de emprego local e sen alterar a titularidade veciñal do recurso sempre na procura de novas formas de organización de comunitarismo moderno no seo da Comunidade e ou na súa contorna máis próxima.

Protestas ante o IFEVI Dominio Público Praza Pública
O monte de Liñeiriños (Vigo) Dominio Público O monte non se vende
Alfonso Álvarez Canella, historiador e investigador dos montes veciñais © O monte é noso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.