"As grandes beneficiadas do 'taxazo' son a banca, as aseguradoras e a propia administración"

Xulgado Dominio Público Praza Pública

Este mércores fai un ano da entrada en vigor da Lei 10/2012, que introduciu as taxas xudiciais. No momento da súa aprobación, diversos colectivos sociais e tamén entidades profesionais de avogados e xuíces, alertaron de que o taxazo suporía na práctica unha limitación do acceso dos cidadáns á xustiza, creando en consecuencia unha xustiza para ricos, e outra xustiza para pobres. 

Doce meses despois, xa hai datos que confirman esta advertencia: preséntanse ao redor dun 25% menos de causas nos xulgados, isto é, ao redor de 250 mil persoas en toda España renunciaron á xustiza, sobre todo no que respecta ás segundas instancias e ás apelacións. Isto é, a xustiza virou unha carreira de obstáculos na que os máis febles quedan polo camiño, como unha loita de desgaste. Moitos cidadáns directamente renuncian ás vías xudiciais ou a apelar unha sentenza, simplemente porque a taxa que deben pagar é superior ao obxecto da súa demanda. Mentres nas primeiras instancias das ordes social e civil os descensos son mínimos, nas segundas instancias as caídas son dun 20% e de case un 40%, respectivamente.

As grandes beneficiadas do taxazo ían ser a banca, as aseguradoras e a propia administración, que agora teñen o campo aberto para todo tipo de arbitrariedades, abusos e impunidades na súa actuación

En canto á contencioso-administrativo, as reducións son dun 25% tanto en primeira como en segunda instancia. "Isto é especialmente grave, porque é aquí onde se ventilan todos os asuntos que teñen que ver coa administración", sinala o avogado vigués Fabián Valero, que destaca que se está a cumprir unha das cousas das que xa advertiron os críticos coa lei hai meses: "que as grandes beneficiadas do taxazo ían ser a banca, as aseguradoras e a propia administración, que agora teñen o campo aberto para todo tipo de arbitrariedades, abusos e impunidades na súa actuación. Como empresas que son, poden deducir fiscalmente o que pagan por taxas".

Engade que "estamos vendo que a administración non resolve nada por vía administrativa, xudicializa todo, sabendo que vas ter que pagar as taxas. E a maior parte da xente renuncia, porque ou ben non pode asumir o custe, ou a taxa é superior ao obxecto da súa reclamación, por exemplo unha multa de tráfico". Valero sinala, así mesmo, que "en primeira instancia de civil e social os datos están inflados, non houbo moito descenso, porque a meirande parte dos preitos os sosteñen a banca e as aseguradoras".

"Se ti non permites que os cidadáns cheguen a segundas instancias e creen xurisprudencia, a única xurisprudencia que haberá será a que beneficie ás grandes empresas e á administración contra os cidadáns"

Fabián Valero impulsou hai meses unha protesta a través de change.org en contra da Lei de Taxas. Conseguiu reunir case 200 mil sinaturas, que presentou en abril ante o Ministerio de Xustiza. "Que en plena crise se produza un descenso dos asuntos civís, a pesar das preferentes, as cláusulas solo, as hipotecas, os produtos financeiros..., imaxina cal é a realidade", di, e subliña que o problema afecta mesmo á xurisprudencia, deixando un pouso moi negativo de cara ao futuro: "Se ti non permites que os cidadáns cheguen a segundas instancias e creen xurisprudencia, a única xurisprudencia que haberá será a que beneficie ás grandes empresas e á administración contra os cidadáns".

Nestes meses convocouse algunha concentración en contra da norma, e a derrogación do taxazo foi unha das principais reivindicacións que presidiron as mobilizacións dos avogados e profesionais da xudicatura. De igual xeito, esta semana coñeceuse que o Tribunal Constitucional admitiu a trámite unha cuestión de inconstitucionalidade sobre a Lei de Taxas, tras un recurso presentado en setembro pola asociación de defensa de condutores Dvuelta, que entendía que a norma pode condicionar o acceso dos cidadáns a este servizo público.

O primeiro paso para conseguir que se faga xustiza é mobilizarse contra a inxustiza. E iso é algo que temos que facer como cidadáns, non como profesionais do dereito", di Valero

Hai opcións reais de reverter a norma? "O que está claro é que se non te moves, vai ser difícil que cambien as cousas. O primeiro paso para conseguir que se faga xustiza é mobilizarse contra a inxustiza. E iso é algo que temos que facer como cidadáns, non como profesionais do dereito", di Valero, que engade que "fomos moi cautos, fomos benévolos de máis". Para Valero, o dereito á xustiza é "un ben básico, do mesmo nivel, como mínimo, que a sanidade ou a educación. Sobre todo tendo en conta que ante calquera abuso o único recurso que che queda é a xustiza. Se renunciamos a ela, estamos fomentando todo tipo de arbitrariedades".

Lembra que "hai que facer un gran movemento social en defensa da xustiza e do dereito dos cidadáns a acceder á xustiza. Vimos como a mobilización social paralizou a privatización de hospitais, como as bolsas Erasmus se volven dar. Hai exemplos de que cando os cidadáns se mobilizan, poden cambiar as cousas". Este mércores 20 de novembro, ás 12 horas, están convocadas concentracións ante todos os órganos xudiciais de España para protestar contra esta Lei.

Xulgado Dominio Público Praza Pública
Manifestación contra as taxas xudiciais en Ferrol Dominio Público @subiendoelpan

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.