Francia tamén recorre a sentenza do Prestige

A sala do tribunal, antes de ler a sentenza do Prestige © Cerna

O Goberno francés tamén recorrerá ante a Xustiza española a sentenza do Prestige logo de que a marea negra tinquise tamén boa parte da costa francesa, a segunda máis afectada despois da do territorio español. París pretende "que se recoñeza a existencia dunha infracción penal de atentado contra o medio ambiente en razón dos actos cometidos polo capitán", segundo asegurou nun comunicado conxunto dos ministerios de Xustiza e Economía galos.

O Goberno francés pretende "que se recoñeza a existencia dunha infracción penal de atentado contra o medio ambiente en razón dos actos cometidos polo capitán"

Ademais, a Fiscalía da Coruña tamén vén de tomar a decisión de presentar recurso de casación no Tribunal Supremo contra a sentenza . Así o asegura nunha nota de prensa, na que aclara que a decisión de recorrer "conta co visto e prace da Fiscalía Xeral do Estado".

O Ministerio Fiscal -que pedía unhas indemnizacións de máis de 4.000 millóns polas consecuencias do sinistro- manifesta o seu "máis profundo respecto ás decisión xudiciais en xeral e a esta en particular", pero entende que a sentenza feita pública a pasada semana "non satisfai as peticións e as teses mantidas durante o xuízo" celebrado na Coruña durante os últimos meses. O recurso baséase na presunta "infracción de lei e do precepto constitucional".

A sentenza "non estende as súas consecuencias aos efectos da catástrofe ecolóxica"

Así, a Fiscalía "entende" que, "malia compartir algún dos argumentos que determinan a demanda do capitán Mangouras", a sentenza "non estende as súas consecuencias aos efectos da catástrofe ecolóxica". Por iso, o Ministerio Fiscal -"como defensora do interese social e das pretensións das vítimas españolas e francesas", di- entende que é "pertinente" soster que o "reproche penal alcance ao delito ecolóxico e aos danos que entendemos cometidos e, polo tanto, tratar de facer cumprir o mandato constitucional de reparación dos prexuízos ocasionados".

O fiscal xeral do Estado, Eduardo Torres-Dulce, xa mostrara o pasado martes a súa "absoluta discrepancia" coa sentenza ditada no caso Prestige e que absolveu o capitán, o xefe de máquinas e o ex director xeral da Mariña Mercante, José Luis López-Sors, de delitos medioambientais. "Non é axustada a dereito", dixera.

O recurso da Fiscalía e o do Goberno francés únense ao que tamén anunciou a Xunta este xoves, así como aos que presentarán a asociación ecoloxista Arco Iris e a plataforma Nunca Máis, que convocou tamén manifestacións en todas as cidades de Galicia para o vindeiro domingo 1 de decembro.

A sala do tribunal, antes de ler a sentenza do Prestige © Cerna

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.