Aumenta a preocupación na Coruña pola creación das áreas de xestión clínica

Protesta, este luns, na área de Cardioloxía do CHUAC Dominio Público Praza Pública

Nos últimos días un ruxe-ruxe percorreu twitter e facebook, e saltou de whattsapp en whattsapp, alertando do perigo de privatización do servizo de Cardioloxía do CHUAC da Coruña e anunciando unha folga para o día 28 de novembro. Creceu a alarma, en parte inxustificada, aínda que a denuncia tiña unha base moi real. Referíase ao plan de creación de áreas de xestión clínica nos hospitais e centros de saúde galegos, que o SERGAS quere poñer en marcha antes de que remate o ano. Nun comezo, o obxectivo sería crear tres por área sanitaria, dúas en hospitais e unha en atención primaria. Na Coruña os escollidas para esta experiencia piloto serían os servizos de Cardioloxía e de Psiquiatría, e tamén o centro de saúde de Sada.

Existe a posibilidade de estas áreas poidan converterse en entidades xurídicas propias (fundacións, consorcios...) e despois privatizalas e de que os traballadores, polo tanto, perdan a súa condición de funcionarios

Que son as áreas de xestión clínica? Existe un risco real de privatización? Trátase de departamentos que estarán integrados por médicos, enfermeiros e administrativos, dirixidos por un administrador designado polo SERGAS, cos que se busca unha xestión máis eficiente e recortar o gasto, a cambio de incentivos salariais. Existe a posibilidade de estas áreas poidan converterse en entidades xurídicas propias (fundacións, consorcios...) e despois privatizalas e de que os traballadores, polo tanto, perdan a súa condición de funcionarios.

Asi consta na lei 10/2013, unha norma aparentemente inocua sobre cuestións de farmacovixilancia, na que, oculta, aparece unha disposición final que fai referencia á creación de Áreas de Xestión Clínica (AXC), cun réxime laboral distinto ao estatutario dos traballadores da sanidade pública. E, de feito, a Xunta de Personal da área sanitaria da Coruña denunciou este luns que a Xunta "pretende poñer en marcha áreas de xestión clínica que abren a porta á privatización de unidades médicas punteiras da sanidade pública". A presidenta da Xunta de Persoal, María Seijo, sinalaba que "como non lles permitiron privatizar os hospitais por unha vía, inténtano por outra" e denunciaba que “queren que sexamos os profesionais os que fagamos os recortes: en prestacións tecnolóxicas, en prestacións farmacolóxicas, en asistencia sanitaria”. De feito, o conflito xerado polo plan de creación destas áreas está no cerne da convocatoria de folga que o SERGAS vivirá os vindeiros 9 e 10 de decembro.

A presidenta da Xunta de Persoal, María Seijo, sinala que "como non lles permitiron privatizar os hospitais por unha vía, inténtano por outra"

Porén, no borrador do decreto co que o Goberno galego quere aprobar a creación destas áreas asegúrase que a integración do persoal nas unidades de xestión clínica "é totalmente voluntaria, e non suporá cambio ningún nas condicións laborais nin retributivas, polo que non suporá a conversión en persoal laboral dos profesionais de ningún servizo". O SERGAS, deste xeito, desmente que "a creación das unidades se oriente a ningún tipo de privatización da xestión sanitaria pública".

Ramón Veras, médico de familia no CS San Xosé da Coruña e delegado da CIG, cre precipitado falar de "privatización" en relación coa creación das áreas, pero de igual xeito lembra que dende o SERGAS, á vez que se desmentían os perigos de privatización, engadíase que a norma galega podería verse modificada non futuro próximo, unha vez que se aprobase a lei a nivel estatal, onde certos lobbies están presionando con dureza para que as unidades si se poidan transformar en fundacións privadas. Veras, en calquera caso, engade que se o obxectivo da Xunta é privatizar as AXC, non necesita modificación normativa ningunha, pois pode acollerse á lei 15/97 de creación de fundacións. 

"Agora que a xente desconfía dos políticos, desconfía dos gobernos, pero segue confiando nos profesionais sanitarios, isto podería ser moi negativo, perderían a confianza nos seus médicos"

Veras salienta que "hai moita preocupación no persoal" e non cre que moitas persoas vaian estar interesadas en participar na experiencia, polo que dubida que se poidan poñer en marcha demasiadas áreas de xestión clínica. Para este médico, o máis negativo da creación destas áreas a curto prazo é que lles "traslada os recortes aos profesionais”. Un dos obxectivos que se incentivarán será o de gastar menos que o ano anterior. "Eu non creo que ningún médico vaia modificar as súas decisión para aforrar cartos ou para conseguir un incentivo, pero un paciente si pode pensalo: pode pensar que non lle fai unha proba só por aforrar". E conclúe: "Agora a xente desconfía dos políticos e desconfía dos gobernos, pero segue confiando nos profesionais sanitarios; isto podería ser moi negativo, perderían tamén a confianza nos seus médicos".

Protesta, este luns, na área de Cardioloxía do CHUAC Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.