A Xunta ordena paralizar o proxecto civil para recuperar o Monte Pindo

O Monte Pindo, antes e despois do incencio © Asociación Monte Pindo Parque Natural

Acabouse o "proxecto civil" para recuperar o Monte Pindo. Por orde da Xunta, a iniciativa civil xurdida en Carnota para "devolver a vida" ao bosque arrasado polo lume no verán tivo que ser paralizado inmediatamente, segundo vén de anunciar a asociación Monte Pindo Parque Natural, un dos impulsores deste traballo.

A Xunta ordena deter os traballos dos voluntarios ao considerar que o Monte Pindo "non é de todos"

"Nin fan, nin deixan facer", denuncian, tras aclarar que o Goberno galego púxose en contacto con SOS Monte Pindo a través da xefa do Distrito Forestal V para ordenarlles que detivesen as accións de voluntariado baixo o argumento de que o espazo "non é de todos", senón da Xunta, que alude a un contrato que aclara que todas as actuacións que se realicen deben contar co seu visto e prace. "É como se entran no meu piso a pintar", disque lles dixo Sara Romero, tras denunciar que SOS Monte Pindo empregou árbores de viveiro na repoboación, algo que negan os responsables, que aseguran que teñen recollidos todos os exemplares nos bosques naturais da contorna, agás doce ameneiros cedidos polo CSIC e que serían transplantados logo ao seu lugar definitivo.

"As parcelas nas que temos actuado son titularidade do Concello de Carnotae da Comunidade de Montes de Caldebarcos, que non só autorizan senón que están a colaborar co proxecto. O suposto convenio ao que se refire delegaría na Xunta a xestión deste espazo, cuns resultados tan desastrosos que as consecuencias saltan á vista. Despois de anos sen apenas facer ningunha actuación, o deterioro e abandono do Olimpo Celta era tan acuciante que en setembro ardeu na súa totalidade, a pesar de que existía unha asociación que levaba anos solicitando implacablemente actuacións e medidas de protección", denuncian agora os impulsores deste proxecto civil que nacera para "devolver a vida ao monte asasinado pola cobiza humana e o desleixo e a traizón dos representantes políticos elixidos para defendelo" e que se creou logo de que, malia as advertencias, as cinzas e os lodos danasen varias áreas da zona ante a ausencia de traballos que o evitasen.

O proxecto SOS Monte Pindo fora creado ante o "desleixo e a traizón dos políticos elixidos para defendelo"

"Nin o lume espertou unha Xunta que ignorou todos os avisos das previsíbeis escorrentías de lodos contaminantes que finalmente acabaron producíndose, afectando a bancos marisqueiros, o que obrigou á sociedade civil a tomar a iniciativa cun proveitoso proxecto de voluntariado que agora a Xunta intenta destruír", conta SOS Monte Pindo, que lembra que a a asociación pediu permisos e que, ao igual que o Concello de Carnota, leva meses esperando por unha reunión coa Xunta que teñen solicitada desde hai tempo. "Malamente pode consensuarse nada con quen se nega a falar contigo", insisten desde Monte Pindo Parque Natural.

O Goberno galego ameazou con formalizar denuncias se continuaban os traballos de recuperación

"A Asociación Monte Pindo vese obrigada a tomar a dolorosísima decisión de paralizar indefinidamente SOS Monte Pindo ante a ameaza de que se presenten axentes na próxima acción de voluntariado (prevista para a vindeira fin de semana) para formalizar denuncias, situación á que non imos expoñer nin ao voluntariado -que abondo esforzo fai con vir a botarnos unha man- nin á propia Asociación que non conta con recursos para facerlle fronte a unha posíbel avalancha de multas", explican.

As asociacións impulsoras denuncian a "crecente persecución política" por parte da actual Xunta

Agora, o Concello de Carnota e a Asociación Monte Pindo Parque Natural estudan que medidas adoptar para poder continuar os traballos. O alcalde Ramón Noceda xa advertiu que se fará responsable no caso de que finalmente a Xunta decida emprender accións legais contra o voluntariado. O colectivo denuncia "a crecente persecución política" á que din ser sometidos polo actual Goberno galego. "Nunca nada malo lles fixemos, só lles pedimos que cumpran co seu cometido, e que se non queren facelo, que cando menos se aparten e non molesten. Non merecemos que despois de tres anos esixindo que declaren dunha vez o Parque Natural, o PP siga inmóbil", aseguran.

"Non merecemos que cando pedimos actuacións urxentes para evitar as temidas riadas o PP se ría de nós facendo espectáculos televisivos na zona para simular que fan algo. Non merecemos que cando no Parlamento se piden actuacións e compensacións económicas no Parlamento para os veciños afectados, o PP diga que os veciños non as queren e non merecemos que cando empezamos a falar de voluntariado, o PP contraataque cun voluntariado máis simbólico que real", denuncia a asociación, que di tamén non merecer que "agora que agroma a solidariedade veña o PP a poñernos paus nas rodas".

O proxecto logrou plantar 2.500 castiñeiros e máis de mil carballos e tratou seis hectáreas para evitar as escorrentías

Nas dúas fins de semana que durou o proxecto participaron 55 voluntarios, plantáronse 2.500 castiñeiros e máis de mil carballos e tratáronse case 6 hectáreas con gramíneas de crecemento rápido para agarrar a terra e evitar riadas de cinzas e lodos. "A forza do noso amor non será inútil", finalizan tras traballar nun monte no que o lume arrasou 2.500 hectáreas.

© SOS Monte Pindo
O Monte Pindo, despois do incendio © Asociación Monte Pindo Parque Natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.