“Os homosexuais carecen de hombría e non poden educar”

Cartaz distribuído por ALEAS-EU © ALEAS-EU

“A sociedade está enferma e enganada pola homosexualidade, un tema do que xa non se pode opinar”, “Os homosexuais carecen de hombría e non poden educar" ou “A homosexualidade é contaxiosa”. Son algunhas das afirmacións que, segundo os seus alumnos e alumnas remite acotío o profesor da Facultade de Maxisterio da USC Domingo Neira García, que imparte a materia de Didáctica e profesión Docente. Algúns dos estudantes puxéronse en contacto coa Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida Compostela para denunciar unha situación que, aseguran, se repite dende hai anos.

Neira chegou a identificar a homosexualidade coa pederastia, e dixo que "non se pode permitir a parellas do mesmo sexo adoptar, posto que lles pasarían o seu mal aos seus fillos”

Porén, foi unha discusión concreta, motivada por un traballo presentado por un grupo de alumnos e alumnas sobre a pederastia o que fixo rebordar o vaso. Na súa intervención, o profesor Neira chegou a identificar a homosexualidade coa pederastia, para despois enumerar unha gran cantidade de afirmacións semellantes, chegando a asegurar que "non se pode permitir a parellas do mesmo sexo adoptar, posto que lles pasarían o seu mal aos seus fillos” ou que “as mulleres lesbianas teñen un Cromosoma XXX”, o que explicaría "o seu comportamento non normal". Tamén dixo que “os homosexuais carecen de hombría e non poden educar". Neira García asegurou ter "probas científicas e estudos" que demostraban o que el expoñía e non entendía que algunhas persoas de entre o estudantado decidiran marchar da aula, mentres que outros rebatían as súas afirmacións.

Os alumnos e alumnas denunciantes sinalan ademais que o profesor Neira obriga a usar como material de estudo case exclusivo un libro escrito e editado por el mesmo, titulado Didáctica para el Crecimiento Socio-personal, onde se repiten varios comentarios de carácter homófobo: dende sinalar como “desviacións condutuais" comportamentos como "a sodomía, o travestismo e as violacións”, situados ao mesmo nivel, unir a corrupción de menores coas “vodas gay” ou relacionar a zoofilia coa homosexualidade.

Denuncian que a USC non teña "un control serio das obras e temarios que o estudantado está a recibir nas clases, posto que a lectura deste libro nunca se debería ter dado na universidade pública"

Os estudantes xa comezaron unha recollida de sinaturas esixindo a toma de medidas por parte do Decanato da Facultade, da Reitoría da USC e do Valedor do Estudante. Pola súa banda, ALEAS-EU denuncia a situación, e sinaal que "non é a primeira vez que se realizan queixas ao respecto deste profesor na Facultade, sen que a día de hoxe se tomara algún tipo de medida ou sanción aos seus ataques e comentarios de odio". Ademais, denuncian que a USC non teña "un control serio das obras e temarios que o estudantado está a recibir nas clases, posto que a lectura deste libro nunca se debería ter dado na universidade pública". ALEAS-EU esixe finalmente "a expulsión de Domingo Neira García como docente da USC", posto que "esta persoa non está  capacitada nin debe seguir educando os e as mestras do mañá".

Cartaz distribuído por ALEAS-EU © ALEAS-EU

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.