A marea de Nunca Máis volve á rúa contra a sentenza do Prestige

Manifestación de Nunca Máis en 2002 © Nunca Máis

Xusto once anos despois da gran manifestación contra a xestión da catástrofe do Prestige, a plataforma Nunca Máis volve chamar a cidadanía á rúa en contra da sentenza "inxusta e amarga" do Prestige, pronunciada pola Audiencia Provincial da Coruña o pasado 13 de novembro, e que, segundo o colectivo, "abre as portas á impunidade". Outro 1 de decembro, pero máis dunha década despois, as sete cidades e A Mariña encheranse dun pobo indignado.

"Galicia debe rebelarse e dicir que non cabe a impunidade", di a plataforma

Tal e como dixo o venres Rafael Vilar, un dos voceiros de Nunca Máis, Galicia debe "rebelarse e dicir que non cabe a impunidade" ante unha marea negra que "ten os seus responsables en quen tiñan responsabilidades directas nese buque que navegaba fronte ás costas galegas". "Hai responsables da armadora, da aseguradora, da sociedade de clasificación, pero tamén hai responsabilidades políticas por parte de quen ocupaba naquel momento labores de goberno, tanto no Executivo estatal como por parte da Xunta", asegurou, tras lembrar que os responsables políticos do PP quedaron "exonerados" co ditame.

Por todo isto, Nunca Máis xa anunciou que presentará un recurso de casación ante o Tribunal Supremo e "seguirá todas as vías xurídicas necesarias para que os responsables non queden impunes". "Chegaremos a Estrasburgo, chegaremos aos tribunais europeos a buscar a xustiza que hoxe non nos dá o Estado español", manifestou.

Nunca Máis insiste en que chegará ao Tribunal Supremo e a Estrasburgo se fai falta para "buscar a xustiza que non nos dá o Estado"

Porque para Nunca Máis, os recursos da Xunta e do Estado "son bágoas de crocodilo" xa que lembran que a primeira reacción de ambos os executivos ao coñecer a sentenza foi "estar exultantes" pero, na súa opinión, "víronse obrigados a anunciar un recurso debido á indignación que estaba a xerar o fallo no conxunto da sociedade".  "Se non estaba no banco dos acusados neste xuízo ABS non foi porque non quixese Nunca Máis, senón porque o propio Ministerio Fiscal buscou o seu desimputación a través dun xuízo civil custosísimo nos Estados Unidos cuxo resultado foi un sonoro fracaso", denuncia a plataforma.

"Galicia xógase unha batalla nacional sobre a súa existencia como país", di Suso de Toro

"Xunta e Estado son responsables de que se chegase a esta situación de ausencia de responsabilidades nesta sentenza e neste xuízo", destaca Nunca Máis, que cre que as manifestacións deste domingo son tamén importantes para o imaxinario social galego. "Galicia xógase unha batalla nacional sobre a súa existencia como país", asegura Suso de Toro.

"Hai once anos a sociedade galega demostrou que existía, demostrou que era capaz de defenderse por si mesma, e agora témolo que demostrar de novo", considerou Suso de Toro antes de defender que "Galicia ten que saír á rúa para responder ante agresións como a que supón esta sentenza".

Un intre da concentración de Vigo CC-BY-SA CIG-Avantarvideos
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.