Galicia berra Nunca Máis e segue en pé contra a impunidade

A manifestación de Nunca Máis, na Quintana © Nunca Máis

Galicia segue en pé. Segue en pé contra a xestión da catástrofe do Prestige e contra unha sentenza -a que absolveu o Estado e o capitán e o xefe de máquinas do buque- ante a que a cidadanía amosou este domingo a súa radical disconformidade. Xusto once anos despois daquela masiva marcha que ateigou Compostela de xente e paraugas en 2002, milleiros de persoas volveron saír ás rúas neste 1 de decembro en oito localidades galegas. A dignidade do pobo, tal e como reclamaba a plataforma convocante, quedou demostrada outra vez.

"Once anos despois, a cidadanía galega segue en pé", destacou Suso de Toro

Non só en Galicia, senón tamén en cidades como Barcelona, Madrid ou Londres, volveuse escoitar un berro unanime, o de Nunca Máis, que tamén atronou con forza o sábado en Riazor e en Balaídos. Berraron os cidadáns contra unha sentenza "deliberadamente inxusta", tal e como destacan os convocantes, e para reclamar "medidas correctoras" para que a catástrofe do Prestige, que encheu de chapapote as costas galegas e que supuxo un custo de máis de 4.000 millóns de euros, non volva ocorrer.

"Despois de once anos, a cidadanía galega segue en pé", asegurou o escritor Suso de Toro antes do comezo da manifestación en Compostela, onde se puideron ver representantes políticos de todas as forzas da oposición, ao igual que no resto de marchas en Galicia, como a de Ferrol, onde se uniu a defensa do naval e do emprego da comarca ás reivindicacións de Nunca Máis. Unhas 25.000 persoas na cidade departamental, máis de 10.000 na Coruña e Vigo e máis de 5.000 en Compostela deixaron clara a súa indignación co ditame xudicial que deixou a maior catástrofe ecolóxica da historia de Galicia sen responsable ningún.

 

"Non é tempo de resignarse"

Co manifesto lido ao remate das diferentes manifestacións, os encargados de ler as reivindicacións da cidadanía advertiron de que o país "segue á dervia, sen goberno de seu con competencias propias para enfrontar novas catástrofes marítimas". "Galiza segue á intemperie", asegurou, por exemplo, Suso de Toro en Compostela, tras destacar que os tribunais de xustiza "seguen a ditar a inxustiza nas súas sentenzas". "E mentres tanto, o mar segue aí, fronte ás nosas costas, bruando inverno tras inverno o seu canto desesperado, a súa soidade, temendo que outro petroleiro como o Prestige se adentre nel e invada as súas augas de negrura, de alcatrán, de morte", dixo.

"O país segue á deriva e á intemperie", advirte o manifesto da plataforma lido ao final das manifestacións

"Non é tempo de quedar na casa, de resignarse, de renunciar á xustiza, ao dereito e á loita", pediuse nas marchas, logo de asegurar que "aínda navega un petroleiro cargado de mentiras", en referencia á "burocracia e ao poder" que intentan "afogar o clamor da xente". A mesma xente que, tal e como se di no manifestou, observou con "carraxe e estupefacción" aquela xestión política do goberno do Estado e da Xunta, "cada día e a cada hora máis disparatada". Ante aquilo, lembran, Nunca Máis xurdiu como a resposta "dunha sociedade viva fronte ao tópico da resignación do pobo galego".

Por todo isto, e ante a sentenza absolutoria do Prestige, a plataforma Nunca Máis exixe "os medios necesarios para lle facer fronte a calquera outro accidente marítimo, a xestión definitiva para o fueo do pecio, o seguimento da saúde das persoas que limparon o chapapote, competencias propias en seguranza e salvamento marítimo e o retorno da Seguridade Marítima á xestión pública".

Nunca Máis exixe medios para posibles accidentes e competencias propias en seguranza e salvamento marítimo

Ademais, no peche das manifestacións tamén se acusou a Feijóo e Rajoy de presentar un recurso ao ditame do Prestige ante o Supremo para "acalar as nosas voces e as nosas conciencias da dignidade con trinta moedas de ouro". Así, Nunca Máis aclara que recorreuu tamén ante o mesmo tribunal "non por ter confianza na xustiza española", senón para "saír do labiritino do aparello desta xustiza e seguir até o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo até conseguir unha sentenza exemplar que sinale un antes e un despois no delito ambiental".

A plataforma pide o apoio económico da cidadanía para afrontar os custos dos recursos xudiciais "do pobo galego"

Ante esta iniciativa nos tribunais, a plataforma anima ao pobo galego a facelo de forma "autoorganizada e colectiva", polo que solicita "a axuda económica de todos e todas nós" para afrontar os custos que leva consigo a presentación deses recursos. "Este ten que ser o recurso de Galiza, o recurso do pobo galego, ao que temos que contribuír cada un e unha de nós cos seus propios euros, cada quen co que libremente desexe. Ou recorremos nós esta inxusta sentenza ou ninguén o vai facer por nós", remata o manifesto, que cre evidente que "nin Rajoy nin Feijóo van procurar que se faga xustiza". "Nunca Máis á incompetencia política! Nunca Máis mareas negras de chapapote! Nunca Máis mareas negras de manipulación e de mentiras!", rematou o manifesto.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Cabeceira da manifestación en Compostela Dominio Público @pnuncamais
Manifestación de Nunca Máis na Coruña Dominio Público @BNGacorunha

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.