"A declaración da tauromaquia como 'patrimonio cultural' só busca a obtención de subvencións"

Anna Mulá © Fundación Franz Weber

A avogada Anna Mulá (Fundación Franz Weber) é unha referencia mundial en dereito animal, e de feito é decote reclamada dentro e fóra de España como asesora por distintas administracións e movementos sociais. Hai tres anos foi a encargada de defender no parlamento catalán a ILP que levou á prohibición das touradas en Catalunya. Este venres participará na Coruña, xunto con Ana Miranda e Leonardo Anselmi na xornada sobre Activismo contra o maltrato aos animaisorganizada por Libera, Galicia mellor sen touradas e a propia Fundación Franz Weber.

No tema das pexas "a Fiscalía traballou moito e hai lexislación, pero a Xunta está descoidando o seu cumprimento"

Anna Mulá terá unha intensa axenda nos días que estará en Galicia. Ademais da súa participación nesta xornada, reunirase coa Fiscalía para falar sobre as pexas dos cabalos en semiliberdade. "Neste caso, aínda que o asunto está denunciado e a Fiscalía traballou moito neste tema, o problema é que non está clara a autoría, a identificacións dos animais e dos seus propierarios. Hai lexislación, pero a Xunta está descoidando o seu cumprimento", denuncia. Tamén se reunirá co Valedor do Pobo, que xa no pasado realizou unha recomendación para que os menores de idade non puidesen acceder ás touradas, "está en debate a Lei de Espectáculos Públicos, nos que debería entrar este tema, e queremos que se fixe a prohibición", destaca.

 

Avances na lexislación

O seu traballo, xunto ao doutros avogados e activistas, unido ao de numerosas entidades sociais, está conseguindo que, de xeito paseniño pero continuado, a lexislación protexa cada vez máis os dereitos dos animais. "Todos son avances, nos últimos dez anos houbo un cambio moi importante na lexislación e na sociedade, pero aínda son insuficientes", destaca, aínda que alerta de que "isto pódenos dar unha falsa seguridade xurídica, pero hai que harmonizar a lexislación, e deben crearse estruturas administrativas para facer cumprir a lei: organismos que dependan das consellarías de medio ambiente e que respondan ante as denuncias e fagan cumprir a lei".

Entre as tarefas a desenvolver no futuro está a de elevar esa protección a rango constitucional, como de feito xa figura nas cartas magnas de Alemaña, Suíza, Austria ou Luxemburgo, ou no propio Tratado de Lisboa. "O artigo 13 do Tratado de Lisboa recoñece os animais como seres sentintes, que non son cousas. É un principio constitucional que afecta a todos os Estados e debería ter unha aplicación directa nos códigos civís. Así foi recoñecido polo Consello de Estado, pero a única comunidade autónoma que o incluíu no seu código civil foi Catalunya", destaca.

"Necesitamos lexislación, pero sobre todo que as administracións velen polo seu cumprimento. Necesítanse recursos suficientes e organismos de control"

Porén, Anna Mulá fai fincapé, máis que en novas modificacións, na aplicación que da lei fagan as administracións e poderes públicos: "Necesitamos lexislación, pero sobre todo que as administracións velen polo seu cumprimento. Necesítanse recursos suficientes e organismos de control". Iso, e educación, conciencia social de que os animais non son cousas, senón seres con sentimentos e dereitos. "Cada vez temos máis datos, máis evidencias científicas de que, por exemplo, os animais sentes, de que son seres sentintes, de que poden experimentar sensacións e emocións complexas. Canto máis información teñamos, haberá unha maior implicación. Cando hai esta información é a propia sociedade a que reclama medidas de protección", subliña.

Por iso, demanda que se realicen" políticas preventivas, políticas de concienciación e sensibilización. campañas públicas para a identificación, a adopción  a tenencia responsables. É un investimento, porque aforra o gasto de cartos públicos en sacrificio de animais". E que se avance cara á definitiva prohibición dos espectáculos nos que se maltrata, coma as touradas ou os circos con animais: "Nos circos os animais son adestrados con prácticas moi crueis, dende a privación de comida ou o illamento. Non é unha violencia explícita, á vista dos espectadores, pero o maltrato existe". Porén, sinala con optimismo, o tempo neste caso xoga a favor. Destaca que o rexeitamento social, tanto das touradas coma doutras prácticas de maltrato, cada vez é maior, sobre todo entre as xeracións máis novas: "Non hai relevo xeracional. É unha cuestión de tempo, que a súa desaparición se produza antes ou despois dependerá da contía das subvencións públicas".

 

Touradas, sen relevo xeracional

"Nos circos os animais son adestrados con prácticas moi crueis, dende a privación de comida ou o illamento. Non é unha violencia explícita, á vista dos espectadores, pero o maltrato existe"

Hai tres anos Anna Mulá foi a encargada de defender no parlamento catalán a ILP que levou á prohibición das touradas en Catalunya. Hai unhas semanas o Goberno central aprobou a Lei para a regulación da Tauromaquia como patrimonio culturalque en boa medida busca (así o reflectía a ILP na que naceu) reverter os efectos daquela lei do parlamento catalán. Porén, Mulá amósase confiada. 

Destaca que "en Calalunya as touradas prohibíronse, non por unha cuestión política ou ligada á identidade, senón por unha cuestión ética; no debate interviron expertos en distintas materias e disciplinas" e que o PP, a pesar de ser o único valedor desta ILP e de aprobar o seu debate no Congreso, "modificou completamente o texto". A ILP tiña como principal obxectivo que volvesen as corridas de touros a Catalunya; outro dos obxectivos era que se incluíse a tauromaquia nos contidos da educación obrigatoria; e o terceiro obxectivo era unha petición ao Goberno para que buscase o recoñecemento na UNESCO das touradas como patrimonio inmaterial da humanidade.

"Non sabemos que pode implicar isto ou que buscan, máis aló do que xa sospeitabamos: a obtención de axudas públicas e subvencións en base a esa consideración sen base legal de patrimonio cultural"

No entanto, a lei aprobada polo PP é ben distinta. "O PP é consciente de que non pode traspasar certas liñas vermellas con este tema e por iso non lles outorgou a consideración de BIC", destaca Mulá, "no seu lugar declarou a tauromaquia como patrimonio cultural, pero patrimonio cultural non é unha figura xurídica existente. Non sabemos que pode implicar isto ou que buscan, máis aló do que xa sospeitabamos: a obtención de axudas públicas e subvencións en base a esa consideración sen base legal de patrimonio cultural". A avogada conclúe que "o texto non pode contentar o lobby taurino. Lexislaron de maneira imprecisa e supeditado ao futuro: “O Estado aprobará un Plan Nacional da Tauromaquia”, “O Estado ditará normativas...”, etcétera". Mulá salienta que "o propio Goberno xa deixou caer que non acudirá á UNESCO, mentres non haxa algún outro Estado que o defenda".

Mulá engade que "é unha vergoña que en dous anos de lexislatura esta sexa a primeira lei aprobada promovida polo Ministerio de Cultura"

Mulá engade que "é unha vergoña que en dous anos de lexislatura esta sexa a primeira lei aprobada promovida polo Ministerio de Cultura". E lembra que "os propios datos do Ministerio recoñecen que a asistencia a espectáctulos taurinos descendeu nun 50%. Non ten apoio social e por iso ten que rescatalos con medidas que están en contra da opinión maioritaria da sociedade"

Anna Mulá © Fundación Franz Weber

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.