Cinco consellos para un nadal "máis verde"

Imaxe da campaña © Adega

Como vén sendo habitual nos últimos anos, ADEGA lanza unha campaña para promover unhas celebracións máis respectuosas co medio ambiente e nas que o consumo sen control non sexa o protagonista. “Neste Nadal... os meus agasallos sen pilas”,“Carta das raíñas magas” ou "Por un Nadal máis ecolóxico" as campañas dos últimos anos. E nesta ocasión a entidade chama a ter "Un Nadal máis verde: Consellos para non consumirte nas festas", promovendo unha contención do consumo.

Aínda que sinala que "probablemente a crise económica contribúa a reducir o impacto", as sociedades desenvolvidas, sobre todo nestas datas, caracterízanse por "un gasto de enerxía superior ao necesario, unha produción de residuos esaxerada, o aumento do uso do transporte privado, o incremento de emisións de efecto invernadoiro e da contaminación en xeral". "Síntomas dunha sociedade en perigo", conclúe.

En primeiro lugar, pide que se aposte por "produtos locais e de tempada, sen esaxerar en cantidade para non ter que tirar despois a comida"

Por ese motivo a asociación ecoloxista lanza cinco consellos ou recomendacións, para limitar os efectos prexudiciais desta febre consumista. En primeiro lugar, pide que se aposte por "produtos locais e de tempada, sen esaxerar en cantidade para non ter que tirar despois a comida", evitando "aqueles alimentos que percorreron moitos quilómetros até o noso prato procedentes de monocultivos en zonas taladas de bosque tropical, como son as ananás, ou ben de ecosistemas fráxiles, como o caso da cría de lagostinos nos manglesais ou capturados con pesca de arrastre".

En segundo lugar, ADEGA recomenda que os cidadáns "innoven" e "muden de menú", mercando "produtos ecolóxicos, de pesca artesanal e de comercio xusto".

A terceira recomendación vai dirixida a que se consoman "produtos galegos e etiquetados en galego", pois "o consumo de alimentos, artesanía, etc. feitos en Galiza, por pequenas empresas, e de xeito artesán, contribúe a reducir emisións e inviste nos teus veciños e veciñas máis próximos".

ADEGA pide que "non se espolie o monte", evitando "arrincar seres vivos para os adornos naturais"

O cuarto consello ten que ver sobre todo cos adornos e a decoración. ADEGA pide que "non se espolie o monte", evitando "arrincar seres vivos para os adornos naturais" e lembra que "especies como o acivro ou a xilbardeira (ruscus) foron comunmente arrincados para este fin". "Mellor que eles fiquen no medio natural e nós lle botemos imaxinación á hora de engalanar a casa por exemplo con materiais reciclados", conclúe.

Tamén pide que no caso de agasallar mascotas, se aposte por adopcións procedentes dun refuxio de animais

Finalmente, ADEGA tamén pide que no caso de agasallar mascotas, se aposte por adopcións procedentes dun refuxio de animais, e que se teña en conta se a persoa á que vai destinada poderá coidala axeitadamente todo o ano. Tamén pide "evitar agasallos de animais ou plantas exóticas porque poden provir de ecosistemas en perigo".

Imaxe da campaña © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.