Activistas sociais propoñen unha candidatura "unitaria e de ruptura" para as europeas

Asemblea do 15M na Coruña CC-BY-NC-SA Maribolheras

"É tempo de valentía e de non deixar que se peche a fiestra de oportunidade que o compromiso de tanta boa xente abriu. Necesitamos unha candidatura unitaria e de ruptura, encabezada por persoas que expresen novas formas de relacionarse coa política e que supoña unha ameaza real para o réxime bipartidista do PP e do PSOE e para quen secuestaron a nosa democracia". Unha trintena de activistas sociais asinan un manifesto, titulado Mover ficha: converter a indignación en cambio político, que supón o inicio dun proceso "participativo e aberto" que quere levar a esa "candidatura unitaria e de ruptura".

"O manifesto é o de menos. O importante é que se mova algo na esquerda" sinala un dos seus asinantes, o profesor de Ciencia Política Raimundo Viejo Viñas

"O manifesto é o de menos. O importante é que se mova algo na esquerda" sinala un dos seus asinantes, o profesor de Ciencia Política Raimundo Viejo Viñas. Segundo Viejo Viñas, o proceso ten "unha folla de ruta aberta. O que todos temos claro é que non nos gusta o panorama electoral que se abre para a esquerda, unha crónica dunha morte anunciada, na que PP e PSOE baixarán algo pero seguirán sendo as forzas máis votadas, e IU e UPyD subirán algo, pero iso non cambia nada, non afecta ao guión da troika e todos os actores quedan contentos".  "Unhas eleccións son unha ventá de oportunidade, e aínda que sexa unha xanela pequena, hai que aproveitala. Agora todo isto depende de que a xente se identifique con isto", di.

A iniciativa presentarase este venres no Teatro do Barrio de Lavapiés, en Madrid. O manifesto está asinado por Juan Carlos Monedero, profesor de Ciencia Política na Complutense; o actor Alberto San Juan; Jaime Pastor, profesor de Ciencias Políticas na UNED; o escritor Santiago Alba Rico; Albano Dante-Fachin, editor da revista Café amb Llet; ou o ecosocialista Jorge Riechmann, ademais dos activistas galegos Antón Gómez Reino-Varela e Raimundo Viejo Viñas. Porén, os seus promotores subliñan a importancia de ir alén deste texto, do que mesmo sinalan as súas eivas: "parece escrito nos anos setenta, cunha gramática política do século XX e deixa fóra temas como a renda básica", sinala Viejo Viñas, "isto dos manifestos é moi propio no nivel activista: os activistas danlle moita importancia, pero á cidadanía non lle importa nada".

O texto inclúe referencias directas ao movemento 15M: "movementos de indignación política coma o 15-M conectaron cunha clara vontade popular: non sacrificar máis dereitos no altar duns mercados guiados pola especulación e a rapiña"

No proceso semella que pode ter un papel importante o profesor de Ciencias Políticas da Complutense Pablo Iglesias e nos vindeiros días está prevista a incorporación de novos nomes, apoios e movementos sociais, a través de artigos de opinión, comunicados e novos manifestos. O texto presentado este martes inclúe referencias directas ao movemento 15M: "movementos de indignación política coma o 15-M conectaron cunha clara vontade popular: non sacrificar máis dereitos no altar duns mercados guiados pola especulación e a rapiña".

Tamén salienta que "é a cidadanía a que ten que decidir, non a minoría egoísta que nos trouxo até aquí, que, fronte a uns gobernos ao servizo da minoría do 1% reivindique unha democracia real e que defenda os salarios e pensións dignas, unha fiscalidade progresiva para que paguen máis os que máis teñen, que persiga a fraude fiscal, que rexeite os despedimentos en empresas con beneficios, e que aposte pola repartición de todos os traballos, incluído o traballo doméstico e de coidados non remunerado". O texto tamén sinala como primordiais "o dereito a unha vivenda digna" e "o dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo" e conclúe destacando que "quen asinamos este manifiesto estamos convencidos de que é o momento de dar un paso adiante e de que dándoo imos atopar moitas persoas máis".

Asemblea do 15M na Coruña CC-BY-NC-SA Maribolheras

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.