"Era a puta do colexio, esa que os rapaces pensaban que podían levar á cama"

A autora do proxecto, na actualidade © El Diario

Emily Lindin aínda non aterrara na adolescencia cando pasou polos momentos máis difíciles da súa vida. Durante varios anos estivo no punto de mira de todos os seus compañeiros e compañeiras de colexio. A súa forma de vestir, de camiñar e de comportarse xulgábase nos corredores, nos baños e até dentro das aulas.

En 2013, xa adulta e con aquel traumático recordo pixelado polo tempo, a muller cuxa identidade se esconde baixo o pseudónimo de Emily Lindin abriu un blog onde comparte co mundo as páxinas do diario que escribiu entón, sumida en sentimentos de inferioridade e culpa. Foi o primeiro paso dun proxecto, The Unslut Project, que promove a concienciación social para a loitar contra ese estigma que negativiza a sexualidade feminina e a converte en obxecto de insulto e acoso. Porque 15 anos despois do inferno que condenou a Emily ao illamento, o bullying sexual segue reproducíndose, sen importar as fronteiras, en todas as escolas do mundo.

Todo comezou cando Lindin, unha nena estadounidense de apenas 11 anos, iniciou unha relación cun mozo da súa clase. "Non sabía moi ben que era iso do amor. Estaba a experimentar cos meus sentimentos e cría que estaba namorada. El e os nosos amigos convencéronme para que probásemos a ter relacións sexuais. Era curiosa e non o fixen obrigada", relata coa tranquilidade de quen traballou intensamente para a superación dun transo vital. O que Emily descoñecía é que aquel feito se ía converter no cordón umbilical de todo o que veu despois. "O meu mozo contoullo a todos os amigos. As miñas compañeiras, e mesmo a miña mellor amiga, sumáronse ao meu linchamento público. Era a puta do colexio, esa que os mozos pensaban que podían meter na súa cama con só un chasquido de dedos".

O illamento social, agravado pola vergoña de compartir o problema, expuxo a Emily a idea do suicidio

"Todo se volveu na miña contra. A presión anuloume como persoa e a miña única vía de escape era o meu diario. Non podía contarllo aos meus pais e tampouco aos profesores do colexio. Pensaba que non me apoiarían, que de verdade pensarían que era unha puta". O illamento social, agravado pola vergoña de compartir o problema, expuxo a Emily a idea do suicidio. "Nunca o fixen, non me atrevín. Pero agora que releo as notas do diario recordo o que pasaba pola miña cabeza". Revive as súas sensacións daquel momento con dificultade, tatexa e cústalle pór en palabras o tifón de sentimentos que nin sequera lle daba tregua polas noites.

Contra o slut shaming

O proxecto de Lindin contra o slut shaming -ou, o que é o mesmo, o escarnio da puta- pretende culminar con Slut: A documentary filme, cuxa estrea está previsto para finais deste ano. A cinta contará co punto de vista de expertos, psicólogos e sexólogos que, fronte á cámara, exporán como cambiar como sociedade os prexuízos cara á sexualidade feminina.

O proxecto distribúe unhas camisetas coa lema Define Slut (Define puta) que convidan a xente a "exporse ao uso deste termo"

Para iniciar unha reflexión sobre o termo 'puta', tan utilizado para descualificar ás mulleres, a web do proxecto distribúe unhas camisetas coa lema Define Slut (Define puta) que convidan a xente a "exporse ao uso deste termo e, sobre todo, a ser conscientes de como pode chegar a ferir".

O extremo desa dor é a propia morte, o maior acto de violencia contra un mesmo. "Cando escoitei a historia do suicidio de Rehtaeh Parsons, unha moza de Canadá que sufriu unha violación en grupo e tivo que ver como as fotos da súa agresión sexual circulaban en redes sociais, convencinme definitivamente da necesidade dun documental coma este". Non era a primeira vez que a oídos de Emily chegaba unha brutalidade deste tipo. Outras mozas norteamericanas como Audrie Pott, Amanda Todd ou Phoebe Prince tamén quitaron a vida despois de ser sinaladas como a "puta do instituto".

A culpa segue recaendo sobre as mulleres

Nin a escola, en particular, nin a sociedade, en xeral, están aínda preparadas, segundo Emily, para abordar este tipo de problemas. "Nos colexios, en lugar de loitar contra o bullying, tratan de controlar a sexualidade dos mozos e mozas para que non se desvíen do que se considera o importante: os estudos. Mesmo se dan leccións de moralidade, obrígase a vestir de forma decorosa...". Na rúa, a situación non é moito mellor. "Que roupa levabas? ou que facías soa con ese home? son preguntas que un policía formulou a unha moza que, aterrorizada, denunciaba unha violación", indígnase Emily, co convencemento de que a culpa segue recaendo nas mulleres mesmo nos casos máis aberrantes.

"Déixase os homes fóra, cando hai que educalos na idea de que os nosos corpos nos pertencen. Non somos un obxecto sobre o que se poida opinar"

Por iso, insiste en que, aínda que moitos homes o consideren un problema alleo, eles teñen tamén a chave do cambio. "Déixase os homes fóra, cando hai que educalos na idea de que os nosos corpos nos pertencen. Non somos un obxecto sobre o que se poida opinar".

Varios homes, concienciados en contra da violencia sexual, puxéronse en contacto con ela por mor da iniciativa The Unslut Project. Entre eles empézase a fraguar a idea de crear unha nova masculinidade que rompa cos estereotipos que tamén acoutan os comportamentos dos homes en público. "Os hábitos de non mostrar emocións, exercer o liderado na familia ou demostrar forza física como símbolo de poder teñen que ir, aos poucos, gardándose nunha gabeta en favor da empatía".

A solución non é atemorizar as mozas

Infundir temor ás mozas como método para polas a salvo do acoso ou, no peor dos casos, da violación, non é para Lindin o método máis recomendable para loitar contra o bullying sexual. Varias expertas, ademais, coinciden en apuntar que desde nenas se nos ensina a defendernos de inimigos difusos, pero non de relacións sentimentais insás.

Non se pode culpar ás redes sociais de certas condutas de control sobre as mulleres

Na mesma liña, tampouco se pode culpar ás redes sociais de certas condutas de control sobre as mulleres. "É verdade que Twitter ou Facebook poden utilizarse para exercer acoso sobre as persoas, pero non debemos esquecer que tamén son vías marabillosas e moi útiles para outros obxectivos". A clave, sinala Emily, está en facer conscientes aos adolescentes do impacto que a publicación de calquera material en redes pode ter, para que as usen con responsabilidade.

De feito, Lindin atopou en internet o medio para dar a coñecer o seu diario e, agora, tamén a forma para difundir Slut: A documentary film. Grazas ao boca a boca e a un chamamento á colaboración mediante crowdfunding, o documental conseguiu recadar máis de 20.000 dólares para a súa produción e rodaxe.

De momento, expertos e expertas en varios campos sumáronse ao proxecto que, desde hai uns meses, percorre a xeografía estadounidense en busca de persoas que queiran compartir as súas experiencias. "Queremos facer ver ás mozas que están a pasar por un calvario similar ao que eu vivín que esta situación non é o fin. A idea é iniciar unha conversación real para que a xente sexa consciente de que o slut shaming é unha realidade", sostén a impulsora do documental.

"Con The Unslut Project non quero tomarme a vinganza"

A súa experiencia persoal tamén formará parte da cinta. Farao en clave de crítica, pero sen sinalar os responsables que hai 15 anos a condenaron á situación máis extrema da súa vida. "Este proxecto non é unha forma de vinganza. A denuncia da miña situación nunca estivo relacionada con ese desexo de tomarme o desquite. De feito, os nomes que aparecen no meu diario non son reais. Non quero apuntar aos que me acosaron nin recrearme no meu caso persoal porque o bullying sexual é un problema estrutural e non individual".

Desenvolver un talento e, a partir del, formar unha identidade sobre as cinzas da autoestima destruída foi o camiño tomado pola impulsora de The Unslut Project, agora cantante profesional, para superar o trauma ocasionado polo bullying. "Con apoios, traballei para ir construíndo a miña propia identidade á marxe dos xuízos e prexuízos dos demais. É o consello que sempre dou: define quen es e que é o que podes achegar ao mundo".

A autora, nos seus anos de instituto © The Unslut Project

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.