0 Gardados para despois

Cuac FM levou a voz das radios comunitarias ao Parlamento europeo

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Os obstáculos para o desenvolvemento das emisoras comunitarias en Europa seguen sendo moi grandes, e a situación en Galicia é máis negativa aínda. Porén, aí seguen traballando un feixe de proxectos, facendo moito polo fomento da radio local, polo libre acceso da cidadanía á emisión radiofónica e, como consecuencia do anterior, pola potenciación da lingua galega. E, entre todos, pelexan por ver recoñecido o seu estatus legal, a súa función social e por ter a posibilidade de competir en igualdade de condicións coas emisoras comerciais.

O pasado 16 de xaneiro unha representación da Asociación Europea de Radios Comunitarias (AMARC-Europa) interveu no Parlamento europeo, no marco dunha xuntanza do Intergrupo para as minorías tradicionais, comunidades nacionais e línguísticas, para presentar as recomendacións das radios comunitarias para a defensa da pluralidade e diversidade cultural nos medios de comunicación. A reunión foi facilitada polo eurodeputado vasco Iñaki Irazabalbeitia, da Alianza Libre Europea. Na comparecencia ante os parlamentarios europeos interviron Davyth Hicks (secretario xeral da Rede de Europea as Linguas Rede de Igualdade-ELEN, CEO Eurolang), Sally Galiana (presidenta de AMARC-Europa) e Isabel Lema, coordinadora de Cuac FM, que ademais achegou a visión do grupo de traballo creado en AMARC-Europa sobre as linguas minorizadas.

Sally Galiana explicou a situación actual do terceiro sector da comunicación en Europa e destacou que a pesar da resolución 2008 do Parlamento Europeo e da Declaración do Consello de Europa de 2009 (titulada Promover a cohesión social. O papel das radios comunitarias), que apostaban por promover as radios comunitarias, a situación destes medios deteriorouse nos últimos anos.

Galiana sinalou que "os membros da comisión parecen ignorar as súas propias recomendacións e rexeitaron en dous anos consecutivos, a proposta dun proxecto piloto para os medios comunitarios que garantiría os recursos e o crecemento do Terceiro Sector da Comunicación"

Galiana sinalou que "os membros da comisión parecen ignorar as súas propias recomendacións e rexeitaron en dous anos consecutivos, a proposta dun proxecto piloto para os medios comunitarios que garantiría os recursos e o crecemento do Terceiro Sector da Comunicación". Na súa declaración de rexeitamento, o Consello afirmou que as radios comunitarias son "microestacións" con moi pouco impacto na sociedade, o que para Galiana "non reflicte a realidade do sector, pois as radios comunitarias contan co 70% do persoal (laboral e voluntario) de todas as emisoras do territorio da UE". Galiana concluíu que "houbo moi poucos avances no recoñecemento do sector nos estados membros da UE, e a pesar dalgúns avances en España, Polonia e República Checa, estes non se materializaron na concesión de licenzas ou frecuencias a emisoras comunitarias".

"En teoría temos dereito a, cando unha comunidade autónoma saque un concurso de licencias de emisión, solicitar que tamén se presente un concurso para radios comunitarias. Porén, isto non está sucedendo"

En España até a última reforma da Lei Xeral de Telecomunicacións, destaca Isabel Lema, "as radios comunitarias non estabamos contempladas, e agora si que o estamos, somos un suxeito de dereito. En teoría temos dereito a, cando unha comunidade autónoma saque un concurso de licencias de emisión, solicitar que tamén se presente un concurso para radios comunitarias". Porén, isto non está sucedendo e, por suposto, non sucedeu co último concurso de frecuencias de FM da Xunta, ante o que Cuac FM presentou un recurso contencioso-administrativo, aceptado polo TSXG.

Lema destaca que na reunión "houbo unha boa receptividade" por parte dos parlamentarios, que se comprometeron a mediar ante o Consello de Europa e a Comisións Europea. "Temos confianza", di Isabel Lema, "somos conscientes de que dende o Parlamento europeo non se pode intervir nas lexislacións estatais, pero si que se fan recomendacións e directivas. As radios comunitarias temos unha importancia social innegable e deberíamos ter cando menos os mesmos dereitos que as outras emisoras".

 

As radios comunitarias e as linguas minorizadas

Na xuntanza, Isabel Lema presentou as recomendacións e reivindicacións do terceiro sector para apoiar as linguas minoritarias e as culturas locais a través dos medios comunitarios

Na xuntanza, Isabel Lema presentou as recomendacións e reivindicacións do terceiro sector para apoiar as linguas minoritarias e as culturas locais a través dos medios comunitarios. Estas recomendacións céntranse na creación dun marco europeo común que garanta o desenvolvemento, crecemento e a sustentabilidade dos proxectos comunitarios, unha reserva de frecuencia de 33 % do espectro para as radios comunitarias que transmiten en linguas minoritarias e que o acceso ás frecuencias teña lugar en condicións de igualdade cos outros medios de comunicación locais (públicos ou privados).

Ademais, destacou que para garantir a sustentabilidade das radios comunitarias é preciso a eliminación das restricións técnicas e financeiras que non se aplican ás emisoras locais públicas ou comerciais, como a limitación de potencia e alcance de emisión, restricións no acceso ás licenzas ou a imposición dun orzamento máximo anual que pon en risco a súa existencia. Esta situación, dixo, vese agravada pola falta de mecanismos de financiamento público que garantan a sustentabilidade do Terceiro Sector da Comunicación, así como os requisitos financeiros que lles impiden ás radios sen ánimo de lucro acceder a fondos europeos.

Lema sinalou ademais que as radios comunitarias son a "única voz e fontes de noticias e información local" en moitas áreas. Coa tendencia das radios comerciais a reducir o seu contido local e ante a concentración dos medios en poucas empresas, “as radios comunitarias constitúen unha ferramenta fundamental para garantir o pluralismo e a diversidade nos medios de comunicación”. E isto afecta de forma directa á presenza da lingua galega na radio. Se as emisoras teñen cada vez menos emisións locais, reducida a unha ventás de cada vez menor duración, os contidos en galego tamén se ven afectados. En cambio, as radios comunitarias si están garantindo na actualidade unha utilización da lingua galega moi superior.

Lema sinalou ademais que as radios comunitarias son a "única voz e fontes de noticias e información local" en moitas áreas

Esta representación tamén fixo fincapé, a través de Davyth Hicks, secretario xeral da ELEN (European Language Equality Network), antiga Oficina Europea de Linguas Minoritarias, en que o Convenio Marco para a Protección das Minorías Nacionais (CMMN) "recoñece que o dereito á liberdade de expresión de toda persoa pertencente a unha minoría nacional inclúe a liberdade de soster opinións e recibir e impartir información e ideas na lingua minoritaria" e propón "a concesión de licenzas, sen discriminación e en base a criterios obxectivos, de radiodifusión sonora e televisión", mentres que a protección das persoas pertencentes a minorías nacionais lles outorga o dereito á creación e uso dos seus propios medios de comunicación.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.