Vigo e Pontevedra, contra o desmantelamento da sanidade pública

Cabeceira da manifestación que este xoves encheu as rúas de Vigo © SOS Sanidade Pública

"Estamos fartas e fartos de que o raposo esté a cargo das galiñas e que traballe a favor de intereses privados preparando súa porta xiratoria ante un cese que chegara antes que tarde, para intentar salvar o presidente. O presidente Núñez Feijoo é o culpable, o aprendiz de bruxo da xestión sanitaria e é o obxectivo de esta manifestación. Ou cambia a súa política co Sur de Galicia ou sairá pola porta que as e os profesionais e o pobo de Madrid teñen aberto". Deste xeito pechábase o manifesto lido este xoves pola noite ao remate da gran manifestación "contra o demantelamento da sanidade pública" que percorreu as rúas de Vigo.

"O presidente Núñez Feijoo é o culpable. Ou cambia a súa política co Sur de Galicia ou sairá pola porta que as e os profesionais e o pobo de Madrid teñen aberto"

Ao redor de 40 mil persoas acudiron á convocatoria de SOS Sanidade Pública para protestar contra os recortes na sanidade pública, "a perda de calidade asistencial pola reasignación de pacientes" e a "descapitalización" da área sanitaria de Vigo, Pontevedra e O Salnés, tras a nova ordenación na que estas dúas últimas comarcas pasan a ter como centro de referencia Compostela, no canto da cidade olívica, unha medida que para SOS Sanidade Pública "non persegue mais obxectivo que a potenciación do Complexo Hospitalario de Santiago, a expensas do detrimento do de Vigo". Tamén se esixiu a finalización do concerto con Povisa e que o novo hospital público da cidade teñan un financiamento "100% público".

Ao redor de 40 mil persoas acudiron á convocatoria de SOS Sanidade Pública para protestar contra os recortes na sanidade pública, "a perda de calidade asistencial pola reasignación de pacientes" e a "descapitalización" da área sanitaria de Vigo, Pontevedra e O Salnés

A marcha partiu ás oito da tarde da Praza de España e tardou 45 minutos en chegar á Porta do Sol, onde se leu o manifesto final. A mobilización foi apoiada por todos os partidos políticos agás o PP, e na súa cabeceira, ademais dos representantes sindicais e doutras entidades que conforman a Plataforma SOS Sanidade Pública, puido verse a portavoz do PSOE no Congreso, Soraya Rodríguez, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e outros representantes e cargos de AGE, PSdeG-PSOE, CxG ou BNG. Ademais da faixa principal, metros máis atrás aparecían tamén outras, correspondentes por exemplo á xunta de personal do Chuvi, a xunta de personal de Galaria e a plataformas comarcais en defensa da sanidad pública.

O manifesto, lido por Manuel Martin, voceiro de SOS Sanidade Pública, fixo fincapé na reordenación decidida pola Consellaría de Sanidade, que divide Galicia en tres grandes áreas sanitarias (A Coruña, Compostela e Vigo), e que lle recorta a Vigo unha cuarta parte da súa poboación de referencia. O argumento empregado pola Xunta para a adscrición de Pontevedra e O Salnés a Compostela é a redución das listas de espera na cidade olívica, pero os manifestantes reclamaron investimentos, a fin dos recortes e a habilitación de novas infraestruturas para mellorar a atención sanitaria e reducir as listas de espera da primeira urbe de Galicia. "Subtraenlle aos Hospitais de Vigo áreas tecnolóxicas vitais, recursos humanos, a dotación tecnolóxica que os acompaña e afectará a calidade dos servizos prestados, o que demostra a continuada actitude da administración de infradotar a área viguesa. O Sur de Galicia nunca quixo nada mais que o que outras teñen pero non vai permitir que os xustos froitos do esforzo da súa cidadanía e da súa contribución económica a Galicia sexan subtraídos con esta nova agresión", denunciaba o texto.

O manifesto tamén destacaba o inicio "dun movemento de denuncia e loita, agora estendido xa por toda Galicia e tamén ao resto do Estado como a vitoria da marea branca madrileña demostra". E sinalaba que a paralización da privatización dos hospitais madrileños "é unha gran vitoria que celebramos enviando as e os profesionais e ao pobo de Madrid a nosa máis cordial noraboa porque pararon unha política que pretendía acabar coa sanidade pública primeiro alí, pero máis tarde, pouco a pouco, en todo o Estado, como a pertinaz política da Xunta demostra"

Tamén se volveu reclamar a construción dun novo hospital público, pois doutro xeito, Vigo "terá un hospital privatizado, encollido, con insuficientes recursos profesionais e tecnolóxicos para atendernos xa na actualidade, non falemos do futuro, tal como convén ao hospital privado, POVISA, que parasita e chantaxea dende a su apertura, fai décadas, á nosa Sanidade Pública".

Os colectivos en defensa da sanidade pública están preparando unha mobilización a nivel galego para o vindeiro xoves 27 de febreiro

Este venres 14 de febreiro está convocada en Pontevedra unha nova manifestación, con demandas idénticas á deste xoves en Vigo. A marcha partirá ás oito da tarde da Praza da Ferraría. De igual xeito, os colectivos en defensa da sanidade pública están preparando unha mobilización a nivel galego para o vindeiro xoves 27 de febreiro.

Visita de Feijóo ás obras do hospital de Vigo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.