E se reconvertemos a praza de touros de Pontevedra nunha auténtica 'Praza da Cultura'?

Praza de touros de Pontevedra CC-BY-SA Davisuke

Que facer cunha infraestrutura coma a praza de touros de Pontevedra, un espazo situado no centro da cidade e que apenas é utilizado ao longo do ano, fóra da feira taurina que se celebra durante cinco días do verán? Que facer, sobre todo, tendo en conta o escaso interese amosado pola sociedade galega por este espectáculo (só o 0,8% afirmou ter asistido a unha tourada, segundo datos do INE de 2011), sobre todo polas xeracións máis novas? Unha actividade, polo tanto, que hoxe en día é sostida a través de subvencións públicas. Son as cuestións ás que Galicia, Mellor Sen Touradas e a Fondation Franz Weber queren ofrecer unha solución, cunha proposta de reconversión das instalacións.

O proxecto pasaría por "abrir o espazo para a cidadanía", convertendo o edificio nun espazo para eventos musicais, culturais, empresariais e deportivos de audiencia ampla, do que na actualidade "a cidade carece", destacan. A proposta prevé o uso tanto das súas instalacións interiores como do actual coso, que a través de módulos permitiría actividades diversas, con distintas necesidades de espazo: música, teatro, deporte, exposicións, promoción dos artistas emerxentes e do novo circo galego, ou de iniciativas empresariais emprendedoras son algunhas das ideas postas sobre a mesa.

Galicia, Mellor Sen Touradas propón para o espazo "unha xestión independente, coa participación do Concello de Pontevedra, axentes sociais e económicos da cidade", que a través da creación da Fundación Cultura "garantirá o obxetivo sociocultural da infraestructura, que funcionará baixo o nome Praza da Cultura”. Destacan que este contedor cultural tería unha actividade superior aos 200 días ao ano e, polo tanto, converteríase nun xerador de emprego para a cidade, contraposto á infrautilización que actualmente sofre.

"Temos a oportunidade de decidir entre un lugar onde na actualidade torturan, martirizan e matan animais por diversión, cun emprego precario e escasos días de ocupación, ademáis de estar subsidiado con cartos públicos; ou un contenedor cultural que xerará emprego e sinerxía na cidade. A escolla non debería ser complicada, conclúen. Estas dúas entidades presentaranlle a súa proposta ao Concello de Pontevedra de forma oficial nas vindeiras semanas, acompañada dunha petición de que o Goberno municipal se comprometa co obxectivo da fin das touradas na cidade.

 

Exemplos en cidades de todo o mundo

En Pontevedra optaron por propoñer un proxecto cultural e de ocio e non un centro comercial, "sabendo que xeran moito emprego pero non é nin de calidade nin de continuidade"

Nos últimos anos foron varias as antigas prazas de touros, habitualmente situadas no centro das cidades, que polo seu escaso uso ou outros motivos foron reconvertidas noutros usos. O exemplo témolo en Barcelona, onde este espazo é hoxe un centro comercial, Las Arenas, "capaz de xerar centos de empregos e miles de horas de traballo efectivas" e cuxo "volume de negocio multiplica en moitas veces ao seu uso anterior", destacan dende Galicia Mellor Sen Touradas, que sinalan no entanto que en Pontevedra optaron por propoñer un proxecto cultural e de ocio e non un centro comercial, "sabendo que xeran moito emprego pero non é nin de calidade nin de continuidade".

En Catalunya, onde este espectáculo de tortura animal foi prohibido en 2012, as antigas prazas de touros (que xa arrastraban anos de inactividade) están sendo reconvertidas noutros usos

Pero o de Barcelona non é o único caso. En Catalunya, onde este espectáculo de tortura animal foi prohibido en 2012, as antigas prazas de touros (que xa arrastraban anos de inactividade) están sendo reconvertidas noutros usos. Por exemplo, en Tarragona o espazo acolle concertos e outras actividades culturais. De igual xeito, en Lloret o antigo coso é agora un centro comercial e aparcamento; en Figueres transformouse nun pavillón polideportivo; en Girona é agora a Audiencia provincial de Xustiza; e en Sant Feliu de Guíxols a praza funciona agora como estación de autobuses.

Pero tamén en Cartagena o lugar será reconvertido no novo Museo de Arte Contemporánea da Rexión de Murcia, onde os restos romanos convivirán con parte da estrutura do coso taurino. E atopamos igualmente exemplos destas actuacións en Évora (Portugal), hoxe un hotel; en Trujillo (Perú), onde se está a construír un centro comercial na antiga praza; ou en Zacatecas (México), hoxe igualmente un establecemento hoteleiro. 

A antiga praza de touros de Barcelona, hoxe reconvertida nun centro comercial © http://blog.construmatica.com/
A antiga praza de touros de Cartagena acollerá o Museo de Arte Contemporánea da Rexión de Murcia © Ayuntamiento de Cartagena
En Tarragona a antiga praza de touros emprégase para concertos e outras actividades culturais Dominio Público http://www.urbetarragona.com/
Unha das antigas prazas de touros de Évora, hoxe un hotel © http://www.hotelbb.pt/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.