A igualdade de dereitos das ensinanzas artisticas cos graos universitarios pasa por Santiago e Madrid

Mobilización de alumnado e profesorado, en 2013 © Escola de Conservación e Restauración

Si pero non. Equivalentes a estudos universitarios pero lonxe -nalgúns aspectos esenciais- de que esta equivalencia sexa real na práctica. Esa é a situación na que dende hai dous anos se atopan o alumnado e profesorado das chamadas ensinanzas artísticas superiores, como Música, Deseño, Artes Plásticas, Deseño ou Conservación e Restauración. En 2009 acadaron por fin a vella reivindicación de integrarse no Sistema Universitario; porén, en 2012 unha sentenza do Tribunal Supremo devolveunos á súa condición previa de estudos técnicos superiores, equiparables legalmente aos graos e postgraos universitarios, pero non integrados no seu sistema, e con meirandes dificultades para que os alumnos e docentes vexan recoñecida esta condición á hora de solicitar bolsas, Erasmus ou residencias.

Nos últimos dous anos buscaron que a Xunta de Galicia apoiase a súa adscrición á Universidade. A LOE recollía (e tamén o fai a LOMCE) que os centros que imparten ensinanzas artísticas podían iniciar ese proceso, e que a decisión dependía de cada autonomía. Polo tanto, a responsabilidade recaía na Xunta, pero o Goberno galego mirou cara a outro lado. O pasado mes de outubro, no Parlamento, o PP votou en contra da adscrición da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra á Universidade de Vigo.

A negativa da Xunta a adoptar calquera decisión e mesmo practicamente a debater sobre o asunto levounos a mirar tamén a Madrid, cara ao Ministerio de Educación, para forzalo, xunto coas escolas e plataformas do resto de España, a adoptar unha solución de conxunto para todas

Os centros galegos afectados por esta situación: Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) e os Conservatorios de Música de Vigo e A Coruña, mudaron a súa estratexia hai uns meses. A negativa da Xunta a adoptar calquera decisión e mesmo practicamente a debater sobre o asunto levounos a mirar tamén a Madrid, cara ao Ministerio de Educación, para forzalo, xunto coas escolas e plataformas do resto de España, a adoptar unha solución de conxunto para todas.

"Ninguén se atreve a dar o paso, pero no momento en que alguén o dea, sexa o Ministerio ou sexa unha consellaría, da comunidade autónoma que sexa, o resto o seguirán"

Fernando Carrera, director da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, subliña que "ninguén se atreve a dar o paso, pero no momento en que alguén o dea, sexa o Ministerio ou sexa unha consellaría, da comunidade autónoma que sexa, o resto o seguirán". "Por iso -engade- estamos traballando en frontes distintas, tocando moitas persoas, para buscar unha solución".

Esta loita vaise reactivar nas vindeiras semanas. O venres 14 constituirase en Compostela a plataforma de pais e nais do alumnado prexudicado pola actual situación. Como salienta Manuel Vieites, da Plataforma Galega pola Integración na Universidade, "pretendemos xerar un movemento galego, tamén cos pais, un movemento potente que se sume aos que se conformen noutras comunidades autónomas, por exemplo en Andalucía. Para despois plantarnos en Madrid e forzar que o Ministerio mova ficha". Dende a Plataforma lembran que a incorporación das ensinanzas artísticas superiores á universidade "de acordo co marco do Espazo Europeo de Ensinanza Superior" era unha promesa electoral do Partido Popular, que figuraba na páxina 157 do seu programa para as eleccións de 2008.

O venres 14 constituirase en Compostela a plataforma de pais e nais do alumnado prexudicado pola actual situación

Vieites espera que a este movemento se sumen tamén "os pais e nais dos nenos e nenas que agora están nos conservatorios, por exemplo, preocupados polo futuro dos seus fillos. Váleme a pena enviar os meus fillos aos conservatorios superiores se despois van ter un recoñecemento menor? Non será mellor que realicen no estranxeiro estes estudos?", pregúntase. "Esta situación só se explica polo spain is different, por este insularismo hispánico carpetovetónico", denuncia.

No fondo, salienta Vieites, o único que se busca é equiparar a situación destas ensinanzas en España á que teñen na meirande parte dos países de Europa, agás Italia e algunha outra excepción. Unha menor consideración que está levando á procura de solucións alternativas, que pasan pola marcha ao estranxeiro (moitos a Portugal, pola súa proximidade con Galicia) ou pola picaresca. Na Plataforma teñen noticia de varios casos de alumnos e alumnas (por exemplo, un de Ourense e outro da Coruña) ao que universidades privadas lles ofreceron unha convalidación automática e ad hoc da súa formación en conservatorios superiores para que teñan a consideración de graos universitarios. E polo módico prezo de 3.500 euros (unha cantidade que pode ser moi superior noutros casos), ademais de perder un ano de formación. Porén, é unha fórmula á que moitos acabarán recorrendo no caso (como sucede no devandito exemplo ourensán) de querer continuar os seus estudos nunha prestixiosa escola de música de Londres, que require ese título universitario.

Dende a Plataforma tamén sinalan que a actual situación está a provocar atrancos de moitos tipos, que tamén afectan á concesión de bolsas de estudo. Este ano as ensinanzas artísticas superiores quedaron excluídas do pago da matrícula por parte do Ministerio de Educación. A convocatoria de bolsas 2013-14 engade unha disposición adicional que sinala que o Ministerio "eximirá do pago de taxas de matrícula ao alumnado matriculado en centros públicos dependentes do mesmo que resulte beneficiario dalgunha das bolsas ou axudas ao estudo convocadas por esta resolución para cursar ensinos non universitarios". As escolas artísticas públicas dependen economicamente de cada comunidade autónoma, polo que o Ministerio se desentende do pagamento destas bolsas, que pasan a depender de cada comunidade autónoma. Os alumnos e alumnas comezaron a recibir nas últimas semanas cartas que os informan da resolución negativa da súa solicitude de bolsas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.