Vilaboa, Calvos de Randín e Chantada lembran as vítimas da represión franquista

Canteira de Paredes, en Vilaboa © Concello de Vilaboa

78 anos despois do alzamento militar que acabou coa Segunda República, hai milleiros de vítimas que seguen esquecidas, moitos lugares en Galicia que foron escenario da represión franquista e nos que aínda hai homenaxes pendentes. Vilaboa, Chantada e a vila portuguesa de Tourem, próxima á Calvos de Randín son tres deses lugares, e esta fin de semana acollerán senllos actos en recordo daquelas persoas que sufriron a persecución e a morte. 

O colectivo A Regaduxa Memoria Histórica de Vilaboa, que vén de constituírse, organiza unha “Homenaxe ás vítimas da represión franquista en Vilaboa” que terá lugar vindeiro domingo, 16 de marzo, ás 18:30 horas, na canteira de Paredes (espazo desde o que contempla a illa de San Simón, con toda a súa enorme carga simbólica). O acto contará coas intervencións de Tareixa Carro, Pepe Álvarez Castro, Luís Bará e Pepe Cáccamo, e durante o mesmo, farase unha lectura colectiva dos nomes das vítimas da represión franquista no municipio. O grupo de pandeireteiras Adonairare porá o peche musical á homenaxe.

O colectivo A Regaduxa Memoria Histórica de Vilaboa, que vén de constituírse, organiza unha “Homenaxe ás vítimas da represión franquista en Vilaboa” que terá lugar vindeiro domingo, 16 de marzo, ás 18:30 horas, na canteira de Paredes

As liñas de traballo do colectivo A Regaduxa, que compoñen Pepe Cáccamo, Tareixa Carro, Tomás Boullosa, Ornela Fernández, Carlos Fontes, Carlos Ríos, Luís Bará ou Anxo Ricón, comezan por facer un traballo por parroquias recompilando a memoria oral e investigando nos arquivos para elaborar un arquivo da memoria democrática e do terror franquista en Vilaboa, partindo da listaxe de Nomes e voces. O obxectivo do arquivo é documentar as tipoloxías da represión e nomes das vítimas: persoas asasinadas, persoas encarceradas; represión física e psicolóxica, represión económica e exilio.

Tamén se quere dar a coñecer os lugares da memoria da represión franquista en Vilaboa, entre os que destacan o campo de concentración de San Simón e o do Cuartel de Figueirido. Ademais, outros lugares da represión na zona de Vilaboa son o Peirao de Santa Cristina, as curvas d´A Regaduxa, Portas (entre Paredes e Ponte Sampaio) ou A Revolta da Tiroida (Figueirido)... 

 

Os heroes e heroínas de Tourem

De igual xeito, a Fundación Lois Peña Novo, dentro das actividades do roteiro Luís Soto. Vieiros da Memoria, e coa colaboración do concello de Calvos de Randín, organiza un acto de homenaxe na vila portuguesa de Tourem aos homes e mulleres que en 1936 lles deron acubillo aos galegos que fuxían da represión franquista, entre eles o doutor Antonio Fernández Carnicero, o deputado Alfonso Pazos ou o poeta Delgado Gurriarán. O acto celebrarase este sábado 15 ás 12.30 horas.

 

Homenaxe ao Piloto 

Este sábado 15 o cemiterio de San Fiz de Asma (Chantada) acolle unha homenaxe a José Castro Veiga, O Piloto, o derradeiro dos guerrilleiros antifranquistas

Finalmente, este sábado 15 o cemiterio de San Fiz de Asma (Chantada) acolle unha homenaxe a José Castro Veiga, O Piloto, o derradeiro dos guerrilleiros antifranquistas, asasinado pola Garda Civil en 1965. A homenaxe celébrase "en réxime de convocatoria aberta", á que se poden sumar todas as persoas que queiran "para que siga viva a súa memoria e a de todos aqueles que loitaron e morreron polas liberdades". "Debe ser un acto no que participen e ao que acudan todas aquelas persoas que o desexen, independentemente da súa militancia política e da súa condición ideolóxica" -destacan os seus organizadores- "todos os que queiran terán tempo para falar, para cantar, recitar e, mesmo, para chorar. Só quedarán mal vistos aqueles que vaian con arelas de acaparar protagonismo político. Será un acto aberto, cooperativo, sincero, sinxelo  e de axuda á recuperación da memoria da Guerrilla e dos guerrilleiros".

Canteira de Paredes, en Vilaboa © Concello de Vilaboa
A fronteira entre Calvos de Randín e Tourem © turismoenportugal.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.