0 Gardados para despois

"Para saber que pasaba en Astano, había que poñer Radio Fene"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


27 de setembro de 1984. Radio Fene comeza oficialmente as súas emisións, despois de estar en probas durante o verán. Uns días máis tarde o ciclón Hortensia varre a comarca, todo un primeiro reto técnico e informativo para a emisora acabada de nacer. Non sería o único: eran anos moi movidos en Ferrolterra, no medio da reconversión naval e unha constante mobilización social e electoral ou o mesmo referendo da OTAN (no que en Fene o non obtivo máis do sesenta por cento dos votos). 

Nese ano o Concello de Fene, gobernado por Xosé María Rivera Arnoso (BNG) dende 1979, toma a iniciativa de crear unha emisora municipal, sendo concelleiro de cultura César Martinez Yáñez. Nese momento non había ningunha en funcionamento en Galicia, aínda que anos atrás, en 1980, en Oleiros intentárase botar a andar Radio As Mariñas, unha emisora impulsada por un moi novo Manuel Rivas, que estivo unha hora en antena, até que a Garda Civil irrompeu nos estudios para interromper a emisión. No resto de España a catalá Radio Areyns (1979) e as andaluzas Radio Pizarra (1979), Radio Lebrija (1981) e Radio Aljarafe (1983) foran abrindo un camiño para a radio municipal, entendida en todos os casos como emisoras comunitarias, espazos abertos para a comunicación local e o debate.

"Radio Fene naceu co obxectivo de promover a lingua e a cultura galega, ademais de poñer unha ferramenta de comunicación ao servizo da cidadanía"

"Radio Fene naceu co obxectivo de promover a lingua e a cultura galega, ademais de poñer unha ferramenta de comunicación ao servizo da cidadanía. Eran momentos, en setembro de 1984, onde non había ningunha radio que emitise integramente en galego", lembra Henrique Sanfiz, director de Radio Fene e que leva ligado á emisora dende o seu nacemento.

"Os primeiros meses de actividade foron frenéticos" -lembra Sanfiz- "aos poucos dias de nacer, o 5 de outubro, chegou o ciclón Hortensia, as casas quedaron sen suministro eléctrico, árbores caidas, estradas cortadas, e Radio Fene, cun xenerador realizou naquela noite un programa especial que fora un aldabonazo na comarca. Aos poucos dias de nacer veuse a tremenda utilidade dunha radio local". Sanfiz salienta que "eran os anos da reconversión naval, e Radio Fene convertiuse en altavoz da problemática e dos plantexamentos dos traballadores, realizando un seguemento exhaustivo de asembleas e manifestacións. A nosa cota de audiencia daquela, penso que rebasaba o 90% da poboación en Fene e con porcentaxes moi altas no resto da comarca. Para saber que pasaba en Astano, había que poñer Radio Fene".

Para conmemorar este 30 aniversario, a emisora está realizando un amplo conxunto de actividades ao longo deste ano, que esta fin de semana inclúen a iniciativa Mar e Ferro, unha xornada de intervención artística na que Radio Fene e o Centro de Promoción Social (CPS) de San Valentín xuntarán 30 pintores e pintoras de Fene, da comarca e de toda Galicia, para que pinten nas paredes deste barrio obreiro murais relacionados co mundo do mar, co mundo do ferro, co mundo da construción naval. "Trátase dunha iniciativa artística para reclamar a construción de barcos, actividade que se ven realizando na ría de Ferrol desde hai 400 anos e que conta con futuro en todo o mundo. 30 artistas van retomar a mellor tradición do arte urbano, de denuncia social e de convite á reflexión, para trasladar ás paredes de San Valentín a súa visión do mundo do mar e dos barcos", destaca Sanfiz.

"Eran os anos da reconversión naval, e Radio Fene convertiuse en altavoz da problemática e dos plantexamentos dos traballadores. A nosa cota de audiencia daquela, penso que rebasaba o 90% da poboación en Fene e con porcentaxes moi altas no resto da comarca"

Os actos continuarán ao longo dos vindeiros meses, até chegar ao aniversario oficial, xa no outono. "Queremos organizar ao longo deste ano un evento en colaboración cunha entidade de cada unha das parroquias, para festexar os trinta anos de comunicación local", adianta Sanfiz, que tamén sitúa como obxectivo "consolidar a programación de Radiofusión de apoio ás emisoras municipais" e tamén "levar adiante colaboracións con radios de fora de Galicia, e coa radio escolar, que se van iniciar cunha retransmisión da experiencia Ponte nas ondas a finais do mes de maio".

 

30 anos de historia

O seu carácter pioneiro serviu de exemplo para moitos concellos de todo o país, e Fene impulsou a creación dunha asociación de Emisoras Municipais Galegas, que co tempo se converteu na actual Radiofusión. Os oitenta foron anos duros, nos que estas emisoras tiveron que superar moitos obstáculos, traballando ás veces nunha situación de inseguridade xurídica e de alegalidade. "Gastamos moitas enerxias na pelexa por unha cobertura legal acaída que permitise a sustentabilidade da radio local" -sinala Sanfiz- "Logrouse unha lei, a LOCEM, que cando menos, abría a porta dos ingresos comerciais, tamén para a emisora municipal. Tamén dedicábamos atención á formación e á reciclaxe e o traballo penso que deu os seus froitos".

"Gastamos moitas enerxias na pelexa por unha cobertura legal acaída que permitise a sustentabilidade da radio local" -sinala Sanfiz

Para Sanfiz "as radios municipais contribuen á vertebración social, ao eloxio do próximo, do cercano. E iso temos que logralo aspirando á excelencia e á calidade informativa, igual que o artesán fai con todo o seu agarimo unha peza única". Os tempos, a tecnoloxía evoluciona, pero a radio municipal mantén a súa función. "O principal reto é adaptarse ás novas tecnoloxias" -di- "A radio, como medio, conserva a súa maxia especial, a súa capacidade de suxerencia, de incentivar a imaxinación. Pero ademais é o medio que mellor se fusiona coas redes sociais e cos novos dispositivos electrónicos"

Ao longo destes trinta anos pasaron por Radio Fene milleiros de voces e entrevistados, centos de colaboradores e colaboradoras e iniciativas e programas que poderían competir en pé de igualdade coas grandes emisoras comerciais. Por exemplo o Carrusel Volta á Ría, percorrido en directo por todos os partidos dos equipos de fútbol da comarca, mesmo de segunda e terceira rexional (e que se realizaba mesmo antes de haber teléfonos móbiles). Ou o certame de Cartas de Amor, que se vén celebrando o 14 de febreiro dende 1989, e que conta entre os premiados con autores como Emma Pedreira, Adela del Río, Xosé Montero, Dolores Couceiro, Emilio Ontañón, Francisco Maceira, Alicia Fernández Rodriguez, Pablo Jablonski e Jorge Melero. E un xurado polo que pasaron, entre outros, Bieito Iglesias, Xosé Manuel Sarille, Manuel Forcadela, Estíbaliz Espinosa, Cesáreo Sánchez Iglesias, Mario Regueira, Iria López Teijeiro, Xosé Leira, Rosa Aneiros e Dulce López Rivera. 

"A radio, como medio, conserva a súa maxia especial, a súa capacidade de suxerencia, de incentivar a imaxinación. Pero ademais é o medio que mellor se fusiona coas redes sociais e cos novos dispositivos electrónicos"

Se Henrique Sanfiz tivese que escoller tres momentos ou tres imaxes da historia de Radio Fene, el escollería "os días que vou ao comercio dos chinos da localidade e vexo que teñen sintonizado Radio Fene", ou cando "vou a unha tenda de electrodomésticos e dimen que acaba de ir unha señora de 90 anos pedindo unha radio onde se escoitara Radio Fene, que lla colocaran nese punto do dial, que xa non o ía mover nunca". Ou tamén "cando se achegan pola radio os nenos e nenas do Colexio Centieiras de Perlío, co seu guión radiofónico para facer a locución do programa sobre a actualidade do centro educativo".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.