Sés, Caxade e Davide Salvado "sementan" ensino galego

Unha actividade educativa na Semente de Compostela CC-BY-SA Semente

"A Gentalha tem um sonho que já se pode tocar: umha escola em Compostela onde as nossas filhas podam crescer em galego". O pasado xaneiro a compostelá Gentalha do Pichel facía dez anos e, ao repasar esta década de traballo, as persoas que a impulsan destacaban entre os seus éxitos, tan "humildes" como "reais", que xa deran sacado adiante a primeira Semente, unha escola de ensino galego autoxestionada que "regamos" porque "queremos que se torne floresta". "Neste momento já há duas assembleias constituídas em Ferrol e Vigo e temos notícias de outras localidades do país que querem continuar a senda", explicaban. Este domingo, 16 de marzo, a Semente seguirá a medrar apoiada en destacados artistas do país.

Neste 2014 o proxecto educativo celebra o terceiro ano de vida da súa primeira escola e tamén o terceiro concerto Sementes de música, que desta volta mestura rock, pop, folk e indie nos instrumentos e voces de Sés, Caxade e Davide Salvado, a quen lles corresponde a sementeira do que aposta por ser non só unha escola ou unha rede delas, senón tamén "um projeto de transformaçom social". O Auditorio de Galicia servirá como escenario para un evento no que "todo o apoio recaudado" irá parar ás escolas, unha rede "sem ánimo de lucro que pretende conformar as bases necessárias para a criaçom da Escola Nacional Galega".

A escola foi promovida pola Gentalha do Pichel e xa ten dúas asembleas constituídas en Ferrol e Vigo

A fin esa escola é que "a nossa lingua própria se consolide à vez que se cria um espaço de interculturalidade, formentandose a importáncia do respeito a outras culturas". Ademais, explican, a Semente baséase nos "princípios da coeducaçom, da laicidade, do assemblearismo, da interaçom com a natureza, do respeito pola autoregulaçom da criança e da integraçom no contexto do bairro e da cidade".

O concerto, pensado para "gozar em familia", mesturará o "enorme carisma e força pessoal" de Sés co "indiefolk" de Caxade e a voz e a percusión de Davide Salvado, tres referentes nos seus respectivos ámbitos musicais que recollen o testemuño de artistas como Guadi Galego, Uxía Senlle, Ugia Pedreira, Xoán Curiel ou Narf, que en edicións anteriores xa lle puxeron voz ao futuro da Semente. A cita é o domingo dende as seis da tarde e quen queira "colaborar e/ou gozar da música destes grandes músicos, pode adquirir os bilhetes em Miranda (Trás Salome 1) ou na Gentalha do Pichel (Sta Clara 21) anticipada por 10€ ou na bilheteira por 12€".

Cartaz do concerto CC-BY-SA Semente

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.