O grupo de sanidade privada HM Hospitales desembarca en Galicia

Hospital Modelo da Coruña © Grupo Hospitalario Modelo

Xa están aquí. HM Hospitales, un dos maiores grupos da sanidade privada de España, que posúe seis hospitais en Madrid, vén de desembarcar en Galicia a través da adquisición do Grupo Hospitalario Modelo, propietario dos hospitais Modelo e a Maternidad Belén na Coruña. Faino, ademais, sinalando que esta compra supón o primeiro paso dun proxecto de expansión por toda Galicia, como destacou este luns na cidade herculina o presidente e conselleiro delegado do grupo, Juan Abarca: "imos comer o mercado galego, enteiro", afirmou.

Esta compra supón o primeiro paso dun proxecto de expansión por toda Galicia, como destacou o presidente e conselleiro delegado do grupo, Juan Abarca: "imos comer o mercado galego, enteiro"

Nun acto celebrado no Colexio Médico da Coruña Abarca explicou que a compra do Modelo será "o embrión dun gran proxecto galego", no que pretenden integrar asistencia médica, docencia e investigación. A operación, na que HM Hospitales vai investir uns cen millóns de euros, implica o mantemento dos 400 postos de traballo dos actuais centros sanitarios. 

Na actualidade HM xestiona os hospitais universitarios Madrid, Montepríncipe, Torrelodones, Sanchinarro e Nuevo Belén, ademais de contar con sete policlínicos propios, e mantén un acordo coa universida católica San Pablo CEU. HM foi, ademais, un dos grupos empresariais candidatos (xunto con Bupa-Sanitas, Asisa, Adeslas, Ribera Salud e Capio) a facerse cos hospitais públicos que a Comunidade de Madrid pretendía privatizar até a paralización xudicial do proceso hai uns meses. O director do Grupo HM Hospitales, Juan Abarca, é tamén secretario xeral do Instituto para el Desarrollo e Integración de la Sanidad, un lobby promovido polas empresas e seguros dedicados á sanidade privada en España, e destinada a fomentala fronte á sanidade pública.

 

Coincidencia coa entrada en vigor da lei que lle pasa pacientes á privada

HM foi, ademais, un dos grupos empresariais candidatos (xunto con Bupa-Sanitas, Asisa, Adeslas, Ribera Salud e Capio) a facerse cos hospitais públicos que a Comunidade de Madrid pretendía privatizar até a paralización xudicial do proceso hai uns meses

En decembro o PP aprobou en solitario a Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias, que entrou en vigor hai unhas semanas, e que abre unha vía de transvasamento de pacientes cara á sanidade privada. Baixo a aparencia dunha lei que defende os intereses dos pacientes, garantindo que ninguén poderá agardar máis de 60 días por unha intervención cirúrxica nin máis de 45 para unha consulta externa ou proba diagnóstica, agóchase unha panca para o fomento da sanidade privada en Galicia, e para o seu financiamento con cartos públicos.

Os obxectivos fixados pola lei semellan imposibles de cumprir neste momento, cunhas listas de espera para operarse que superan os 84 días de media, un prazo que mesmo se incrementou no último ano. A lei prevé que ao chegar ao límite previsto, o Sergas "deberá ofertar a realización da prestación noutro centro da rede pública ou nun centro concertado". En caso de "rexeitamento do centro ou centros alternativos ofertados para a realización de asistencia", "quedarán sen efecto as garantías" establecidas na propia lei. Pero se o Sergas non realiza esta "oferta" alternativa, o doente pode ir directamente á sanidade privada e adiantar os cartos, que o Sergas "reembolsará" posteriormente. A lei foi duramente criticada polos grupos da oposición, que consideran que "pon en igualdade de condicións a sanidade privada e a pública" e que criticaron que forza a cidadanía a enfrontarse á "coacción" de ir á privada ou ficar sen atención "en tempo e forma".

Baixo a aparencia dunha lei que defende os intereses dos pacientes agóchase unha panca para o fomento da sanidade privada en Galicia e para o seu financiamento con cartos públicos

Casualmente, este desembarco en Galicia dun dos maiores grupos da sanidade privada de España coincide co inicio dunha nova folga indefinida en Povisa, un dos meirandes hospitais privados galegos. A pesar de tratarse dun centro privado, Povisa atende ao redor de 140 mil pacientes da área sanitaria de Vigo, ante a limitada capacidade das estruturas públicas. Un acordo de cesión de servizos, pagados con cartos públicos, do que a empresa se vén beneficiando nos últimos anos, pero que é criticada por entidades sociais, partidos políticos e sindicatos, e que xerou en máis dunha ocasión denuncias de deficiencias na atención e críticas por parte dos traballadores, que acusan a empresa de incumprir o convenio laboral ao que está obrigada.

Sinatura do acordo entre os responsables de HM Hospitales e o Grupo Hospitalario Modelo © HM Hospitales
Hospital Modelo da Coruña © Grupo Hospitalario Modelo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.