Sarria segue (e seguirá) a mollarse polo seu río

Manifestación en Sarria contra as obras na ribeira do río CC-BY-SA Plataforma Sarriana polo Río

Séguense a mollar polo río. Medio milleiros de veciños de Sarria protestaron este martes á noite ante a casa do alcalde contra a corta de árbores e o desaloxo dos activistas que os protexían. Foi unha mobilización máis masiva, ruidosa e reivindicativa aínda que as que desde hai un mes convoca a Plataforma Sarriana polo Río rexeitando o proxecto de encanamento. Desta vez, ademais das proclamas habituais, a cidadanía pediu explicacións ao rexedor José Antonio García sobre o reinicio das obras na área que afecta ao Camiño de Santiago, que foron paralizadas cautelarmente por unha xuíza ao carecer da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio.

Medio milleiro de veciños saíron á rúa para protexer o río e denunciar a corta de árbores e o desaloxo dos activistas

O intento por comezar a corta de árbores, que levou por diante xa algún amieiro, chegou logo de que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) e o Concello anunciaran un acordo que implicaba que se aceptasen varias das demandas da Plataforma, entre elas manter a illa Tolleiro na súa actual configuración e "manter a práctica totalidade da superficie arbórea existente". Non se cumpriron todos os requisitos da veciñanza, pero si moitos deles, algo que os contrarios ás obras consideran "un paso adiante". "Sálvanse o 95% das árbores, pero ese 5% estano cortando sen autorización e sen o coidado nin as precaucións necesarias", destacan.

A CHMS insiste en que conta "con todos os permisos", incluído o da Dirección Xeral de Patrimonio para traballar nas inmediacións do Camiño de Santiago, e aclara que a cifra de árbores eliminados será "a mínima necesaria para que as máquinas se poidan mover".

"É unha obra absurda que nada ten que ver coas enchentes, senón co desbalde dos cartos europeos", denuncia a Plataforma

Non obstante, a Plataforma Sarriana polo Río insiste nun comunicado en que a cidadanía "prefire as árbores e as pontes vellas ao formigón" e cualifica de "absurda" unha obra que "leva por diante a natureza, o patrimonio cultural e mesmo a cohesión social da vila". Ademais, neste manifesto lembran que o proxecto "non ten nada que ver coas enchentes nin co río, senón co desbalde dos cartos europeos arrasando o noso pasado, presente e futuro".

"Polo menos o 80% da sociedade sarriá rexeita indignada este proxecto: uns maniféstanse en contra e outros non, por medo, pero unha amplísima maioría está en contra", reivindica a Plataforma, que denuncia que "ningunha instancia administrativa reaccionou aínda" ante as súas reivindicacións e que advirte de que a Xustiza "antes ou despois" lle dará "a razón". "Algunhas persoas que hoxe ocupan cargos públicos veranse encausadas por prevaricación, pero será demasiado tarde porque as pontes derrubadas e árbores cortadas xa non existirán. A lenta maquinaria administrativa funciona á mesma velocidade que a de Felipe II, e iso xoga na nosa contra", engade o colectivo, que alerta dunha posible multa da UE "cando descubra o que se fixo cos seus cartos". "Pero habémola pagar entre todos nós, tamén entre os que estamos en contra", di.

"Algúns cargos públicos veranse encausados por prevaricación, pero será demasiado tarde porque as pontes e árbores xa non existirán"

"A administración pode facer o que lle veña en gana sen informes preceptivos, incumprindo sistemáticamente a legalidade, con total opacidade e coa connivencia de tódolos organismos implicados. Están cortando árbores mentras as aves nidifican, os expertos da Universidade de Santiago advírtenlles que é un erro gravísimo... Que importancia ten iso?", pregúntase a Plataforma, que denuncia que "ninguén" os representa nin os escoita. "Estamos actuando para defendernos dos propios representantes nosos. Isto é escandaloso", insiste.

O colectivo denuncia que se estean a derrubar xa árbores do Toleiro e advirte de que "non están salvadas a Ponte de Ferro nin a Ponte Ribeira", malia que esta última está no propio trazado do Camiño de Santiago. Ante esta situación e ante o desleixo denunciado das administracións, a Plataforma Sarriana polo Río avisa de que "non se vai deter" ata "levar ante a Xustiza" aos xestores responsables "para que respondan do que fixeron".

"Levaremos ante a Xustiza aos responsables para que respondan polo que fixeron"

"Deben ter presente esta agonía que está vivindo Sarria este ano cada vez que haxa eleccións. Pensen se isto é o desexable, se estes son os gobernantes e os representantes que queremos, as persoas que velan polo ben público e polo cumprimento da lei, ou polo contrario, xentes que se aproveitan de ocupar un cargo público para facer ou desfacer coma se fosen reis absolutistas", remata.

Manifestación en Sarria contra as obras na ribeira do río CC-BY-SA Plataforma Sarriana polo Río

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.