"Os nosos clientes buscan o alimento que perdeu o seu verdadeiro sabor na comercialización convencional"

O posto de Lentura no mercado de Lusco e Fusco, en Compostela © Lentura Agricultura Sostible

Lentura Agricultura Sostible son un grupo de labregos e labregas da comarca de Santiago que se uniron, segundo eles e elas mesmas destacan, "para ofrecer produtos de horta sans, de calidade e locais". Fan cestas e distribúenas a domicilio e ademais venden en varios mercados e feiras da contorna, coma o mercado de Lusco e Fusco, no parque compostelán de Belvís, os martes pola tarde. Ou no mercado de Bertamiráns dos sábados pola tarde. Ou na Feira de Brión, o segundo e o curto sábado de cada mes, pola mañá, no centro comercial Monte Balado. 

Moitos deles proceden do Proxecto Amorodo e as bases da súa filosofía de traballo están na produción sostible e con prácticas de agricultura ecolóxica, "comprometidos a non usar ningún agroquímico nin fitosanitario que puidese alterar o sabor ou a calidade das nosas hortalizas". Os produtos? Moitos, case calquera que unha horta poida dar, sempre de acordo coa tempada e a estación do ano. E, ademais, ovos, queixo, mel...

Ademais, entre os seus obxectivos está tamén o de "compartir saberes", a través de iniciativas de formación nas que se realiza unha convocatoria para o encontro nalgún lugar (nunha horta, nunha casa), para a posta en común de coñecementos sobre un tema determinado e a especialización nesa técnica. Dende o cultivo da horta ou de froiteiras, á elaboración de conservas, de cervexa, cestería ou o aproveiramento de cogumelos ou plantas silvestres

Credes que cada vez hai máis persoas concienciadas e interesadas por de que xeito se producen os alimentos que consumen?

É certo que existe un interese por coñecer tanto o xeito coma a procedencia, o próximo enténdese cunha percepción de valor engadido e de calidade, moitas veces con independencia do xeito no que se cultiva. A concienciación da importancia dos alimentos sans ven determinado por moi diferentes vías: o especial coidado do alimentos que lle damos aos nenos, as persoas maiores que valoran recuperar os verdadeiros sabores dos alimentos especialmente da froita, as persoas concienciadas na necesidade de consumir en local como xeito de colaborar de xeito efectivo na economía a nivel local, persoas que consideran a alimentación sa e producida sen agrotóxicos como unha opción de consumo...

"Existe un interese por coñecer tanto o xeito coma a procedencia, o próximo enténdese cunha percepción de valor engadido e de calidade, moitas veces con independencia do xeito no que se cultiva"

De que forma está afectando a crise económica a este respecto?

Nos mercados e feiras locais, nas tendas de alimentación ás que lle servimos, máis que nas cestas familiares (cun compromiso máis certo), estase a notar unha diminución do que se gasta na comida diaria, depauperamos a calidade e a frescura dos alimentos que consumimos, antes que outras necesidades secundarias, e diso xa se encarga de manter a publicidade do sistema de consumo irracional no que estamos.

Que produtos son os máis demandados ou apreciados polos vosos clientes?

Sen dúbida, o máis apreciado e o que buscan os nosos clientes é o alimento que perdeu o seu verdadeiro sabor na comercialización convencional. A froita e sobre todo as variedades que se están a perder de croia, pexegos, ameixas, cirijuelas,... e sen dúbida tamén, os amorodos e os tomates.

Cal é o perfil dos vosos compradores?

O perfil dos clientes varía en relación co xeito de achegarse a nós. Os consumidores e consumidoras das cestas responden máis a unha (xeneralizando) parella moza, con traballo liberal e moi consciente da importancia de ter unha alimentación sa e local, tamén entra o perfil nos grupos de consumo de xente nova estudante. Nos mercados a este perfil engádese o das mulleres e homes de máis idade que están a demandar alimentos moi concretos que valoran a calidade e a frescura (ovos, queixo, froita).

Para os pequenos produtores coma vós, a unión fai a forza?

A forza e tamén a consciencia de que o mercado global o que pretende é que de desaparezamos. O compromiso de traballar xuntos e xuntas, en adoptar decisións de xeito concertado, en recuperar a capacidade de decidir que facemos e sobre todo a importancia de como o facemos, é a ligazón que nos permite existir e aínda ser máis despois de nove anos.

Compartir os saberes sobre a terra, os produtos, como se cultivan... é a forma de que non se perda ese coñecemento tradicional?

É un coñecemento tradicional, precisamente porque ten a dimensión humana que necesitamos recuperar no xeito de alimentármonos e no xeito de comunicármonos, é humana porque non pode ser só un intercambio comercial, é unha relación achegada aos homes e mulleres que estamos na asociación e tamén das persoas con quen nos relacionamos no acto de facilitarlle os nosos alimentos.

Algúns dos produtos de Lentura © Lentura Agricultura Sostible
O posto de Lentura no mercado de Lusco e Fusco, en Compostela © Lentura Agricultura Sostible
Algúns dos produtos de Lentura © Lentura Agricultura Sostible
Algúns dos compoñentes de Lentura, compartido saberes © Lentura Agricultura Sostible

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.