A Xunta deixou sen executar o 40% das axudas sociais de emerxencia en 2013

Rolda de prensa de Juan Fajardo © AGE

“Cruel, mediocre e arrogante”. Deste xeito define AGE a actitude que o Goberno galego mantén ante o incremento da pobreza en Galicia, mentres "só é sensible" cos grandes empresarios e banqueiros. Asegurouno o deputado Juan Fajardo este xoves nunha rolda de prensa na que denunciou que ao longo de 2013 a Xunta deixou sen executar o 42 por cento do orzamento destinado a axudas sociais de emerxencia e o 36 por cento da partida de Axudas e subvencións de servizos sociais.

Fajardo denunciou tamén "o colapso que se está a vivir nos departamentos de servizos sociais nos concellos que está a provocar que desde que unha persoa acode ao seu municipio para solicitar a Renda de Integración Social de Galicia e o momento no que se abona esta axuda están a transcorrer seis e sete meses deixando a estas persoas sen ningún tipo de ingreso durante todo este tempo". “Semella que para o PP unha persoa é capaz de sobrevivir sen comer durante máis de medio ano, habería que lle deixar sen ningún tipo de ingreso nin aforro algún ao señor Feijóo durante seis meses a ver se era capaz de sobrevivir” sinalou Fajardo.

"As consecuencias destes retrasos están a levar aos afectados a situacións límite como é o caso da muller de Vilagarcía que iniciou hoxe unha folga de fame que leva dez meses esperando a que se lle trámite a solicitude desta axuda" -engadiu- “os gobernos do Partido Popular apresúranse a rescatar a banca, as autovías, as grandes empresas. Pero cando son persoas as que precisan ser rescatadas optan por mirar cara outro lado ou negar a realidade”.

O deputado lembrou tamén a discusión mantida a semana pasada na cámara polo Alberto Núñez Feijoo e a viceportavoz do seu grupo, Yolanda Díaz, na que o presidente da Xunta desprezou os datos achegados por Cáritas nas que esta entidade alertaba da existencia de 650.000 persoas en situación de exclusión social en Galicia, 120.000 delas en pobreza severa. Unhas declaracións que se unían a outras realizadas noutros momentos, nos que o Executivo chegara a asegurar que en Galicia "ninguén pasa fame". Nesa intervención de Núñez Feijoo xustificou Fajardo o apelativo de "arrogante" para o Goberno popular, que se unía aos cualificativos de "cruel pola evidente falla de humanidade ao nin se inmutar ante os milleiros de persoas que se atopan nunha situación crítica" e "mediocre pola súa incapacidade xa non só para poñer fin a este tipo de situacións senón de evitar incluso que se incrementen os casos de xeito alarmante día tras día".

Sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza, en 2010 CC-BY-SA Silvia Muíña
Referencia á pobreza nunha imaxe de Castelao Dominio Público Castelao
Rolda de prensa de Juan Fajardo © AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.