0 Gardados para despois

Prolingua revela o nome do hotel que desprezou o galego nun curriculum

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"Del todo ridículo, absurdo e innecesario". Así foi como os responsables do Hotel Rural Arredondo, de Llanes (Asturias), cualificaron o feito de que a madrileña Esther García salientase no seu currículo que posúe un dominio alto da lingua galega. Unha actitude que a propietaria deste establecemento hoteleiro tentou matizar ou explicar nunha entrevista que este mércores publicou La Voz de Galicia, na que a pesar de sinalar que na súa resposta non había "acritude", recuncou na súa actitude ofensiva con frases do tipo "sólo tendría futuro en su amada Galicia" ou "en Asturias se habla una cosa que se llama bable que es inventada absolutamente".

Prolingua lémbralle que "saber unha lingua sempre é un valor engadido" e subliña que a súa actitude de "desprezo" pódelle "restar clientes de Galicia e tamén doutras partes do Estado, tal como se deduce dos numerosísimos comentarios suscitados"

A plataforma Prolingua vén de publicar unha carta aberta na súa web na que, ademais de revelar o nome do hotel, expresa a súa visión sobre as opinións vertidas pola súa propietaria. A carta comeza sinalando que "ten plena liberdade de escoller o persoal segundo os criterios que considere; pero non ten ningún dereito a desprezar unha persoa por indicar que ten un bo dominio da lingua galega". E cualifica de "intolerable" a utilización dos adxectivos ridículo, absurdo e innecesario para cualificar a presenza do coñecemento do galego nun currículo. Prolingua lémbralle así mesmo que "saber unha lingua sempre é un valor engadido" e subliña que a súa actitude de "desprezo" pódelle "restar clientes de Galicia e tamén doutras partes do Estado, tal como se deduce dos numerosísimos comentarios suscitados".

Tamén contesta á frase de “el gallego lo puede utilizar en Galicia nada más creo", recollida na devadita entrevista, e salienta que "o galego pode empregarse alí onde o atendan ou entendan nesa lingua". Lémbralle o uso do galego en áreas de prestixio, o seu estudo en 36 universidades de todo o mundo, ou a súa presenza na etiquetaxe de produtos exportados a todo o mundo. De igual xeito, a carta responde á defensa que a propietaria do hotel fai dos "idiomas elementais”.  "A función máis elemental de calquera lingua é a comunicación e, xa que logo, tanto para nós o galego é a nosa lingua elemental como o foi para a persoa que lle enviou o currículo para poder traballar no seu hotel", din.

"Tamén somos clientes e gústanos que nos traten con respecto, e aínda que coñezamos outras linguas, para nós o galego é a elemental"

Finalmente, a carta tamén constesta aos ataques que a propietaria do hotel dirixiu contra o idioma asturiano: "no tengo nada en contra del gallego ni de los dialectos, aquí en Asturias se habla una cosa que se llama bable que es inventada absolutamente”. Prolingua dille que "vostede tamén ofende a tantos defensores da lingua asturiana, sobre todo aos que nos últimos 40 anos, navegando case sempre co vento pola proa, moito levan feito para construír e facer visible unha lingua literaria de calidade, que é tan inventada como o é a lingua castelá ou a francesa, que no seu día eran simples dialectos do latín, como tamén o eran o galego ou o asturiano".

A carta péchase dicindo que "oxalá vostede reconsidere a súa actitude negativa cara ao galego (e ao asturiano e ás outras linguas minorizadas españolas), porque tamén somos clientes e gústanos que nos traten con respecto, e aínda que coñezamos outras linguas, para nós o galego é a elemental".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.