0 Gardados para despois

A falla de servizos no hospital de Lugo obriga a trasladar 6.000 doentes en tres anos

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

A finais de 2010 a Xunta ultimaba os detalles para inaugurar o Hospital Lucus Augusti de Lugo e pechar definitivamente o vetusto Hospital Xeral. Naqueles días dende a Consellería de Sanidade presentábase como unha das principais novidades do centro que cada paciente podería acceder -previo pagamento- á televisión ou a internet dende un equipo informático instalado en cada cama, que tamén serviría para consultar os datos clínicos do doente por parte dos profesionais. Esa promesa tornou realidade e dende hai tres anos o denominado "entretemento multimedia para pacientes", instalado polas empresas Coremain e Sermicro, está a funcionar. Non aconteceu o mesmo con outra máis transcendente para o funcionamento do hospital: a posta en marcha dos servizos de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear, que en apenas tres anos provocou o desprazamento de, cando menos, unhas 6.000 persoas a outros hospitais.

Foi o propio presidente da Xunta quen, no acto de inauguración do centro, o 26 de febreiro de 2011, anunciou a licitación inmediata dos servizos pendentes. "Pacientes con doenzas de corazón ou de cancro que antes tiñan que desprazarse a Santiago ou á Coruña poderán ser atendidos no seu hospital público de Lugo ao longo deste ano", resumiu. Máis de tres anos e moitas mobilizacións cidadás despois a única das prestacións pendentes que funciona é a hemodinámica, indispensable para atender persoas que sofren infartos e doenzas semellantes, aínda que só en horario de mañá.

Dende o pasado marzo unha lei obriga a Xunta a dotar o HULA dos servizos pendentes

Ante a desidia gobernamental colectivos sanitarios, veciñais e políticos impulsaron unha iniciativa lexislativa popular para forzar a Xunta a cumprir as súas promesas. Dende o pasado marzo esta ILP ten rango de lei e agora, co apoio mesmo do PP, Sanidade está formalmente obrigadada a instalar no HULA os servizos que precisa. Non obstante, mentres isto non acontece non son poucas as persoas que, malia teren o centro lucense como hospital de referencia, son desprazadas en ambulancias a outras localidades -esencialmente, á Coruña e a Santiago- para recibiren os tratamentos que precisan.

Case 4.000 infartos e máis de 2.000 pacientes con cancro

Ante este panorama o pasado marzo, unha semana antes da aprobación da ILP, a deputada lucense do PSdeG Concepción Burgo solicitáballe formalmente á Xunta que a informase do número de pacientes que durante 2012 e 2013 tiveron que ser trasladados dende Lugo a outros puntos do país para recibiren a radioterapia que precisaban, así como os centros aos que foron enviados e o custo da derivación para o Sergas. A resposta, aínda que incompleta nalgúns puntos e con datos adicionais noutros, chegou hai poucos días ao Parlamento e permite coñecer algunhas cifras que resultan ilustrativas.

As viaxes, cuxo custo a Xunta non revela, prodúcense pola ausencia de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear

Así, por exemplo, Sanidade revela que entre 2011 e 2013 "foron trasladados a centros sanitarios doutras provincias" para recibir radioterapia un total de 2.082 persoas. "Máis do 90% destes pacientes son derivados ao Consorcio Centro Oncolóxico da Coruña", especifica o documento, que non revela os custos polos que preguntaba a deputada. Tampouco especifica, por exemplo, cantas destas persoas tiveron que viaxar para recibir quimioterapia -soa ou en combinación coa radio-, tratamento que tampouco se viña prestando en Lugo e que obrigaba a viaxar en compaña de efectos secundarios como náuseas, vómitos ou un gran cansanzo.

Mentres o departamento que dirixe Rocío Mosquera nega algúns dos datos solicitados pola vía dos feitos achega outros polos que Burgo non preguntaba: o número de pacientes trasladados por mor da ausencia da sala de hemodinámica. Segundo Sanidade cando menos 3.627 persoas que sufriron unha "cardiopatía isquémica" -un infarto ou unha anxina de peito e doenzas semellantes- nalgún concello da provincia de Lugo "foron trasladados a centros sanitarios doutras provincias" nos últimos tres anos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.