San Pedro: primavera de traballo e festa

Vista dun treito da feira CC-BY-SA Praza Pública

A mañá amenceu fría en Compostela. Polo barrio de San Pedro apenas circulaban os últimos festeiros da noite e os primeiros traballadores da mañá cando aos membros da comisión de festas do barrio e da asociación veciñal A Xuntanza xa lles sobraban as chaquetas. Esforzábanse en ultimar os detalles da Feira da Primavera, a mesma que contra ás 10 da mañá xa facía que o barrio estourase en cores, as dos máis de 300 postos que, entre comerciantes, artesáns e o tecido asociativo da cidade, lle gañan a partida aos coches nesta xornada nunha rúa que devece por ser peonil.

Na Feira da Primavera non hai dous produtos iguais. É un mar de diversidade no que o rock dos 60 cantado en galego con acento de Ourense ameniza os bailes dos monicreques que fai a rapazada do IES Pontepedriña. Quen tamén bailan, e moito, son nenos e nenas como os da antiga Galescola de San Roque, cuxa ANPA se achegou á feira para vender xoguetes achegados de balde polos pais e nais para. Co recadado organizarán actividades para o alumnado e repararán o patio do centro. “As nosas cotas son de cinco euros e con iso non abonda”, explican.

Pola igualdade

Polos seus fillos e fillos e fillas viñeron tamén á feria as nais que impulsan cada día a asociación ASPANAES para, explican, “traballar pola calidade de vida” das persoas con transtorno do espectro autista. Ante unha mesa inzada de coloridas pezas de artesanía elaborados polos propios rapaces explican que, “ata hai non moitos anos, esta era unha doenza descoñecida” e dende a asociación tentan “que teñan a maior integración posible na vida social”. Nisto seguen “malia aos recortes”, eses “que nos deixan todo o peso ás familias”. “Que os altos cargos se decaten do que precisa a xente”, reivindican.

As familias dunha antiga Galescola e de ASPANAES acoden á feira polos seus fillos e fillas

As familias e profesionais de ASPANAES pulan por que os seus nenos e nenas sexan uns máis na sociedade e algo semellante é o que procuran dende Xiara, unha asociación que agrupa traballadoras do fogar na súa loita por “ser un oficio como todos os demais”, a comezar por “conseguir cotizar na Seguridade Social”, un obxectivo que xa lograran, “pero veu este Goberno, aprobou unha lei e botóunolo todo abaixo”.

No caso de Xiara a reivindicación combínase con bolsas de tea ben coloreadas e unha ampla gama de doces elaborados ao longo de toda a noite previa á feira que agora teñen á venda. “Temos que subvencionarnos, que non hai subvencións”, explican, nun contexto no que “os soldos son mínimos, a xente non ten traballo e traballa polo que lle dean”. “Antes protestábannos porque había moitos cartos en negro e agora cada vez teremos máis, porque hai que comer e darlles de comer aos fillos”.

Grandes e pequenas

A estrutura concebida pola organización da feira permite que nela participen en pé de igualdade organizacións de dimensión internacional xunto a outras puramente locais e colectivos consolidados  a carón doutros que dan os seus primeiros pasos. Así, por exemplo, os visitantes poden comezar o seu paseo participando no concurso de títulos de canción organizado por Os da Ría e rematalo apoiando a campaña de Amnistía Internacional a prol do dereito de manifestación e reunión.

A combinación de veteranía e mocidade no que ao percorrido da asociación se refire ofrécena, por exemplo A Gentalha do Pichel e Xanela Social. A Gentalha vén de facer dez anos de traballo e activismo cultural e, unha vez máis, achéganse a San Pedro co seu posto para xantar ben rico nunha rúa na que destacar no ámbito gastronómico é todo un mérito.

Na feira participan en pé de igualdade organizacións de dimensión internacional xunto a outras que están a nacer

Xanela Social, pola súa banda, celebra nestes días o seu primeiro ano de vida. Impulsada por dúas educadoras sociais cunha década de experiencia ás súas costas no ámbito socioeducativo centra o seu traballo na infancia, na mocidade e nas familias. Na feira combinan a venda das súas “chapas que protexen”, con coloridos deseños que amosan paraugas, tellados e apertas, coa explicación da actividade de educación emocional que lles están a presentar ás ANPAS da cidade. Quen o desexe pode parar no seu “videomatón” e contestar a unha pregunta que é todo un mundo: “Que te fai feliz?”.

Se cadra non a felicidade, pero si unha vida mellor é o que buscan outros dous grupos de veciños e veciñas tamén presentes na feira: un deles está en pleno lanzamento da campaña #SanPedroPeonil que reclama, nin máis nin menos, que a rúa que é arteria do barrio se libere definitivamente dos coches. O segundo tamén se despraza, pero en bicicleta e por toda a cidade e por iso recollen sinaturas: “considérannos un vehículo e moitas veces iso ponnos en risco”. De fondo soa Non todo é o que parece, a mítica canción do Xabarín Club versionada por The Tetas Band. Todo un mundo nunha feira.

Xoguetes da ANPA de San Roque CC-BY-SA Praza Pública
Posto de Praza na feira CC-BY-SA Praza Pública
A Xuntanza atende a Irmandade TV CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.