O presidente da comunidade de montes de Cabral, imputado por apropiación indebida

Intervención da xunta reitora da Comunidade de Montes de Cabral Dominio Público O monte non se vende

"Apropiación indebida na súa modalidade de xestión desleal" é a acusación que a Fiscalía realiza contra Luis Rodríguez, presidente da Xunta Reitora da Comunidade de Montes de Cabral, por unha permuta ilegal de terreos. A fiscal xefe da área de Vigo, Susana García-Baquero, segue unha denuncia dos comuneiros opostos á xestión de Rodríguez, que nos últimos meses puxeron en coñecemento da xustiza outras actuacións irregulares da actual directiva, comezando polo desvío de dous millóns de euros nas contas da entidade.

A Comunidade de Montes entregoulle á inmobiliaria Grucave 3.100 metros cadrados de solo industrial cunha moi boa ubicación, a cambio de 4.300 metros cadrados de solo rústico de escaso valor, e que ademais era terreo comunal

A acusación da fiscal refírese a unha operación iniciada en 2006, en pleno auxe da burbulla inmobiliaria, e que chegou até 2012, mediante a cal a Comunidade de Montes de Cabral lle entregou á inmobiliaria Grucave S.L. máis de 3.100 metros cadrados de solo industrial cunha moi boa ubicación, na zona de Puxeiros, a cambio de 4.300 metros cadrados de solo rústico de escaso valor, e que ademais era terreo comunal. Ademais, antes da permuta a comunidade tivo que gastar 240 mil euros para mercarlle ao Concello unha parcela de 714 metros cadrados (a 335 euros o metro cadrado) que completaba o predio que lle interesaba á promotora. Se se aplicase ese prezo a todo o solo industrial entregado a Grucave, este tería un prezo total de máis dun millón de euros. En cambio, o solo rústico e comunal que recibiu a Comunidade non superaría os 100 mil euros no mercado. A Xunta emitiu un informe contrario á operación, pero esta levouse a cabo finalmente.

Esa documentación do Goberno galego, ao igual que a declaración dun enxeñeiro que en varias ocasións advertiu das irregularidades na operación forman xa parte da investigación. Tamén se lle tomará declaración aos responsables de Grucave, a quen lles esixen presentar a declaración de compra das fincas que permutou. "Pero non a ten e non a vai ter", salienta Fernando Molares, un dos voceiros dos comuneiros opostos á actual xunta reitora, que lembra que os terreos que entregou Grucave "eran comunais".

"Confiamos en que a xustiza non pare, en que siga investigando, porque compras como esta hai máis" -destaca Molares- "En ano e medio gastaron dous millóns de euros en compra de terreos, e van estar moitos nestas condicións"

"Confiamos en que a xustiza non pare, en que siga investigando, porque compras como esta hai máis" -destaca Molares- "En ano e medio gastaron dous millóns de euros en compra de terreos, e van estar moitos nestas condicións". Os comuneiros opostos a Luis Rodriguez levan anos denunciando estas irregularidades e nos últimos meses presentaron unha demanda xudicial polo desfasamento de máis de dous millóns de euros entre o orzado pola entidade e os gastos reais nos dous últimos anos. O grupo opositor ten fundadas sospeitas de que boa parte deste desfasamento se debe á compra de terreos en Liñeiriños (o orzamento para a compra de terreos era de 350 mil euros e o gasto foi de 2,1 millóns de euros). No ano 2008 estaba proxectado un desenvolvemento do polígono de Liñeiriños e unha inmobiliaria comprou uns terreos, pero como o polígono non se desenvolveu, a Xunta Reitora tivo que mercarllos, seguramente por un acordo entre eles, denuncian, sumando un pago de 2,3 millóns de euros en dous anos.

A denuncia da Fiscalía produciuse hai xa uns días, aínda quen non foi até este mércores que se filtrou aos medios de comunicación. Preguntado por La Voz de Galicia, Luis Rodríguez asegura descoñecer a denuncia e mantén a súa defensa da permuta ilegal de terreos, da que di que "é a mellor que fixen, xa que nos deron catro metros cadrados por cada metro cadrado da comunidade".

 

"Segunda primavera en Cabral"

Este sábado os comuneiros en defensa do monte de Cabral organizan unha xornada de andaina e concertos "para conmemorar un ano de mobilizacións" contra o intento de construción do macrocentro comercial de Porto Cabral. "Chamámoslle segunda Primavera de Cabral", destaca Fernando Molares, que lembra que van facer doce meses das primeiras asembleas (algunha na que se viviron momentos de auténtica tensión) nas que os comuneiros conseguiron paralizar o proxecto. 

"O nome de Primavera de Cabral responde ao xurdimento dun movemento social, cunha alta participación de xente nova, que tomou conciencia da defensa do seu patrimonio natural fronte aos intentos dunha especulación urbanística que ameaza con extinguir o monte comunal"

"O nome de Primavera de Cabral responde ao xurdimento dun movemento social, cunha alta participación de xente nova, que tomou conciencia da defensa do seu patrimonio natural fronte aos intentos dunha especulación urbanística que ameaza con extinguir o monte comunal", destacan. Engaden que "por una banda o evento busca avivar a concencia dos veciños contra o proxecto Porto Cabral, pero ademais tamén é unha chamada á convivencia festiva e ao tempo reivindicativa, un alegato a prol do valor social que ten o monte comunal en Galicia, un berro de unión contra a apatía". "Érguete veciño, non deixes que outros decidan por ti o futuro da terra dos teus maiores!", conclúen.

O evento comezará cun acto de presentación ás 19.30 no parque forestal de Cotogrande, seguido dunha curta andaina (30 minutos) até a Igrexa de Cabral, e alí, no adro, ás 21 horas, procederase á lectura dun manifesto que dará paso aos concertos de música. Tonhito de Poi presentará as actuacións dos grupos de música: O Leo Arremecaghona, Pandereteiras de Urdime, Fume de Caroso, Gaita&Cía, Tino Baz, e a Sanamá.

Intervención da xunta reitora da Comunidade de Montes de Cabral Dominio Público O monte non se vende
Protestas ante o IFEVI Dominio Público Praza Pública
Andaina contra o proxecto de Porto Cabral Dominio Público Galiza non se Vende

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.