Medio Rural presenta o Pladiga, entre críticas á falta dunha auténtica política de prevención

Brigadistas traballando na extinción dun incendio © Apropiga

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, presentoulle este martes ao Consello Forestal de Galicia o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2014), que será aprobado este mércores polo Consello da Xunta. O Plan prevé un leve incremento do dispositivo de loita contra os incendios, que pasará a estar formado por 5.767 persoas (59 efectivos máis que o pasado ano). A cifra é inferior, con todo, ao dos dispositicos dos anos anteriores: en 2008 estaba formado por 6.119 traballadores, un número semellante ao de 2009 (6.070), 2010 (6.085) e 2011 (6.052). En 2012 producírase un gran recorte de efectivos, até os 5.689. 

Polo demais, o plan mantén a fragmentación do dispositivo de loita contra o lume, que o pasado ano recibiu numerosas críticas por parte de traballadores, expertos e entidades do sector. Deste xeito, mantense a actuación de brigadas municipais de prevención e defensa. 

O Pladiga 2014 presenta como novidade a delimitación de 79 parroquias declaradas como de alta actividade incendiaria. A meirande parte das parroquias atópanse na provincia de Ourense, con 48 de 30 concellos; seguida por Pontevedra, con 17 parroquias de 4 concellos; a Coruña con 13 parroquias de 11 concellos e Lugo cunha única parroquia. Nestas parroquias levaranse a cabo unha serie de medidas extraordinarias tales como o seguimento exhaustivo das actividades desenvolvidas no territorio, a exclusión das autorizacións extraordinarias para pastoreo en terreos queimados e un control rigoroso das axudas públicas concedidas.

08 09 10 11 12 13 14
6.119 6.070 6.085 6.052 5.689 5.708 5.767

Integrantes do dispositivo de loita contra o lume

O plan mantén a fragmentación do dispositivo de loita contra o lume, que o pasado ano recibiu numerosas críticas por parte de traballadores, expertos e entidades do sector

A Plataforma en Defensa do Monte, da que forman parte sindicatos, organizacións ecoloxistas, organizacións de comunidades de montes e organizacións profesionais, denunciou xa este luns, a falta de coñecer o contido exacto do Pladiga, "a tardanza" coa que a Consellería lle presentou o plan ao Consello Forestal de Galicia, "xa que estamos a punto de entrar na época de máximo risco de incendios forestais". E sinalan que o plan debe ser elaborado "a comezos de cada ano" e de forma consensuada "coas organizacións profesionais, sindicais, asociativas e políticas implicadas no monte galego e que temos moito que dicir". Roberto Jorge Correa, vicepresidente de Apropiga, esixiulle este martes ao Goberno galego que escoite as achegas que estas entidades lle poden facer ao plan, en lugar de deseñalo e aprobalo sen consultar con eles.

O plan debe ser elaborado "a comezos de cada ano" e de forma consensuada "coas organizacións profesionais, sindicais, asociativas e políticas implicadas no monte galego e que temos moito que dicir"

Para a Plataforma, o plan non pode ser un simple “corta e pega de medidas lexislativas ou tablas, mapas e diagramas sobre medios de extinción", senón que debería conter unha serie de elementos dos que na actualidade carece e que son imprescindibles para funcionar como unha ferramenta que de verdade sirva para evitar os lumes. Para as entidades que conforman a Plataforma, o Pladiga debería construírse sobre un modelo de prevención e extinción de incendios forestais "baseado nun servizo público e único". Así mesmo, debería ter en conta "a multifuncionalidade do monte galego nos eidos ecolóxico, productivo e medioambiental" e pensarse "con políticas a medio e longo prazo". "Son políticas que requiren consenso e que non se poden andar a cambiar en cada lexislatura, son políticas que deben pensar a 30 ou 35 anos anos vista", sinala o representante de Apropiga.

"Son políticas que requiren consenso e que non se poden andar a cambiar en cada lexislatura, son políticas que deben pensar a 30 ou 35 anos anos vista", sinala o representante de Apropiga

Debería, ademais, ter en conta "o papel fundamental dos propietarios e productores agrarios e forestais, así como as comunidades de montes", polo "papel indispensable que cumpren no mantemento dun mundo rural vivo". Debería incorporar tamén "a necesidade de que haxa campañas de concienciación e educación durante todo o ano" e así mesmo marcar "liñas claras e prontas de axudas á prevención" que "aínda non se levaron adiante a pesar de que estamos a punto de entrar no pleno verán". Para a Plataforma, os plans de loita contra o lume elaborados polo Goberno galego "están pensados só para os tres meses do verán, sen entender a cada vez maior diversificación dos lumes ao longo de todo o ano", en palabras de Roberto Jorge Correa. Conclúen que "un documento consensuado e acordado entre todos redundará, sen dúbida, na súa mellora e representará un paso cara adiante na progresiva extirpación dun problema de país como é o dos incendios forestais".

Brigadistas traballando na extinción dun incendio © Apropiga

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.