Vía libre á reforma do Barrio do Cura, en Vigo, despois de 11 anos de trámites

O 'barrio do cura' ubícase no mesmo centro de Vigo CC-BY-NC-SA Septem Trionis

O pleno do Concello de Vigo aprobou este luns por unanimidade, cos votos de PSdeG-PSOE, PP e BNG, o plan urbanístico do proxecto de reforma integral do Barrio do Cura, un espazo situado no mesmo centro da cidade. O proxecto, promovido pola empresa Karpin y Asociados SL, leva once anos enriba da mesa, e só hai tres meses obtivo o visto bo da Xunta, unha vez que o departamento de Patrimonio da Consellaría de Cultura levantou as cautelas que pesaban sobre el. Prevese o derrube da meirande parte dos edificios preexistentes na zona, agás a fachada neoclásica do antigo asilo de Pi i Margall, e a construción de 300 vivendas (un cento deles de vivenda protexida), nun investimento total que rolda os 130 millóns de euros.

Os seus defensores argumentan que unirá o Berbés e o Casco Vello coa zona alta da cidade, e inciden no estado de abandono no que se atopa o lugar. De feito, a propia Fundación Karpin Vivienda, en colaboración coa Universidade de Vigo, elaborou un estudo que denunciaba que case a metade dos edificios residenciais do casco vello de Vigo están "absolutamente abandonados" ou en "moi mal estado de conservación" e que polo tanto necesitan "actuacións que rachen a imaxe de deterioro que vén ofrecendo dende hai décadas". Unha idea na que incidiu Carmela Silva, concelleira de Urbanismo, que sinalou que aprobar o proxecto era "fundamental para encher o baleiro urbano estratéxico para a cidade". E, de igual xeito, José Manuel Figueroa (PP) cualificou o plan de "peza clave no desenvolvemento da cidade".

Os seus defensores argumentan que unirá o Berbés e o Casco Vello coa zona alta da cidade, e inciden no estado de abandono no que se atopa o lugar

Os seus detractores, no entanto, falan de "especulación urbanística" e de "obra innecesaria". De feito, o pleno no que o o plan urbanístico foi aprobado, tivo que ser interrunpido ante as protestas dun grupo de veciños e veciñas, que foron desaloxadas. Sexa como for, Karpin y Asociados SL di estar á espera para o inicio das obras do resultado dunha auditoría que describa a situación económica e xurídica do plan, unha esixencia do investidor ruso que prometeu financiar a operación, e que quere estar seguro da viabilidade legal e económica do proxecto.

O proxecto corresponde ao arquitecto Alfonso Penela, que recentemente tivo que incorporaralgúns cambios solicitados pola Dirección Xeral de Patrimonio. Algúns dos edificios chegarán ás sete alturas, e no conxunto tamén se inclúe a construción dunha praza e a ampliación do mirador actualmente existente. Tamén se construirá un centro sociocultural e un centro comercial de doce mil metros cadrados. A diferenza en altura de 36 metros entre O Berbés e o Paseo de Alfonso quedará salvado coa instalación de varios elevadores.

No blog Xentrificación Vigo denúnciase que o proxecto "responde unicamente a un proceso especulativo de interese privado" e "complementa o proceso especulativo de rehabilitación que está tendo lugar no resto da zona vella da cidade". Para os seus responsables, "a súa construción provocaría a revalorización e o aumento do valor das vivendas circundantes, incrementando deste xeito o prezo das vivendas e dos alugueiros no resto da zona vella e, isto, á súa vez, agudizaría o proceso de xentrificación e revalorización das vivendas en toda a zona". No lugar tamén funcionou o C.S.O. Barrio do Cura, que mantivo durante anos hortas colectivas, e que tamén denunciou con insistencia o abandono ao que foi sometida a zona e os intentos de "expulsar" os habitantes do barrio a través dos "enganos dos comerciais de Karpin".

Dende o blog apóstase por "outras formas de facer cidade, formas onde exista unha maior participación cidadá e onde a recuperación dos espazos públicos sexa o factor principal"

Os autores de Xentrificación Vigo engaden que "tendo en conta que en Vigo existen máis de 18.000 mil vivendas baleiras, a construción de 350 no Barrio do Cura non responde a unha necesidade real da cidade". Tamén critican que "a apertura dun centro comercial provocaría na área un polo de atracción do consumo que desfavorecería o pequeno comercio, tanto o novo que se está instalando no barrio como o comercio máis tradicional ou menos especializado". De igual xeito, subliñan que "a construción de pisos de até 7 andares racha literalmente a integración urbanística e paisaxística dentro da contorna do barrio vello". Dende o blog apóstase por "outras formas de facer cidade, formas onde exista unha maior participación cidadá e onde a recuperación dos espazos públicos sexa o factor principal".

 

O proxecto prevé un investimento de máis de 130 millóns de euros Dominio Público Praza Pública
Está prevista a construción de 300 vivendas Dominio Público http://faltadeingenieria.wordpress.com/
O proxecto conta co rexeitamento, dende hai anos, de varios colectivos sociais © vigolandia.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.