Portas abertas ás farmacéuticas, tamén na saúde mental

'Foto de familia' dos participantes na xuntanza, entre eles os altos cargos de Sanidade © Fundación Bamberg

O Movemento Galego da Saúde Mental denuncia que o pasado 2 de xuño un grupo de altos cargos da Consellaría de Sanidade, entre eles a súa máxima responsable, Rocío Mosquera, ademais do Xerente do SERGAS, o Director Xeral de Asistencia Sanitaria e os responsables asistenciais da saúde mental, comezando polos xefes dos Servizos de Psiquiatría de todas as áreas sanitarias, participaron nunha xuntanza promovida pola Fundación Bamberg e patrocinada por un laboratorio farmacéutico. A plataforma critica especialmente a participación dos cargos públicos no acto, celebrado no Hostal dos Reis Católicos, por tratarse dun evento do laboratorio dinamarqués Lundbeck, que buscaba a promoción dun novo fármaco para o tratamento do alcoholismo.

A reunión estivo organizada por Saned, unha empresa promocionadora e facilitadora do éxito comercial, que a dota, destaca a plataforma, dunha enganosa apariencia técnica, convidando os convidados a debatir un cuestionario no que a metade das preguntas aludían á cuestións que interesan ao laboratorio patrocinador. O pasado ano Lundbeck recibiu a autorización da Comisión Europea para comezar a comercializar o seu medicamento Selincro, un tratamento para a redución do consumo de alcohol en pacientes adultos con dependencia desta substancia.

A plataforma critica especialmente a participación dos cargos públicos no acto por tratarse dun evento do laboratorio Lundbeck, que buscaba a promoción dun novo fármaco para o tratamento do alcoholismo

Segundo destaca o Movemento Galego da Saúde Mental, "non teríamos nada que dicir se os protagonistas deste encontro foran particulares dispoñendo do seu tempo privado, e sen conflicto de intereses. Mais son os máximos responsables públicos da saúde mental, que van ser nin máis nin menos que convocados por esa entidade privada, coa lexitimidade que lle outorga a presenza da Conselleira". O pasado mes de abril Aquilino Morelle, o principal asesor do presidente francés François Hollande, dimitiu por un conflito de intereses relacionado con esta farmacéutica. Mediapart revelara que Morelle traballara ao mesmo tempo para Lundbeck e para a Inspección Xeral de Asuntos Sociais.

A plataforma cre que o acto constitúe "un movemento máis na preparación da introducción de intereses privados na sanidade pública galega"

O Movemento sinala que esta xuntanza se produce "xusto cando se critica públicamente a carencia de planificación da atención á saúde mental, e a redución dos recursos e o deterioro da asistencia, cando se advirte do agravamento dos indicadores de saúde". Engade que "nunca antes se fixo unha xuntanza deste nivel por iniciativa da Conselleira para definir o plan de saúde mental que se necesita". Os responsables do Movemento Galego da Saúde Mental cualifican o acto de "deplorable, desconsiderado coa xente e as súas necesidades, irresponsable por quen debe dar exemplo de austeridade e seriedade na súa función pública, favoritista cunha empresa farmacéutica concreta, e expresivo da incapacidade dos nosos gobernantes sanitarios para dar unha resposta planificadora e asistencial acaída ás necesidades urxentes en saúde mental".

Tamén alertan de que este acto "facilitador do establecemento de contacto directo entre os grandes intereses privados no negocio da atención sanitaria e os responsables asistenciais" chega nun momento en que dende a Consellería "se pretende un cambio na organización sanitaria", polo que considera que constitúe "un movemento máis na preparación da introdución de intereses privados na sanidade pública galega".

'Foto de familia' dos participantes na xuntanza, entre eles os altos cargos de Sanidade © Fundación Bamberg

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.