Discriminación racista nas noites de festa en Galicia

Manifestación contra o racismo CC-BY-NC-SA Álvaro Herraiz San Martín

"É unha festa privada". Con esta frase foilles negada a entrada a tres parellas estranxeiras en dous locais de ocio da Coruña hai agora unha semana, unha discriminación racista que non é nada anormal en numerosos bares e discotecas galegas e do Estado pero que o colectivo SOS Racismo puido comprobar con detalle a través deste estudo enmarcado nun proxecto da Federación Estatal da ONG e subvencionado polo Ministerio de Emprego.

No 37% dos locais de ocio visitados en cinco cidades do Estado houbo casos de discriminación

Foi na madrugada do pasado domingo 8 de xuño cando SOS Racismo Galicia levou a cabo este testing en cinco pubs da Coruña, unha proba sobre a discriminación étnica no acceso a locais de ocio nocturno que se desenvolveu simultaneamente noutras catro cidades do Estado: Donostia, Zaragoza, Barcelona e Madrid. O resultado, logo de todas as experiencias, foi que no 37% dos establecementos visitados detectáronse casos de discriminación.

A acción -"un dos mellores métodos para demostrar a discriminación que se exerce nalgúns contextos", segundo SOS Racismo- consiste no intento de acceso de catro parellas a diversos locais en todas as cidades. Todos os grupos cumpren os mesmos requisitos: unha parella "de control" de mozos de rasgos europeos, outra de rapaces latinos, outra de africanos negros e outra máis de magrebís. E todos eles cumprindo unhas normas de vestiario e imaxes determinadas e idénticas, evitando outros posibles moitos de discriminación. "Se ningún elemento, agás os rasgos físicos que denotan a orixe, permite difernciar entre dous grupos, a difernza de trato só poderá explicarse a priori por detalles físicos", explica a ONG.

Catro parellas (unha galega, unha latina, unha africana e outra magrebí) intentan entrar en cinco locais de ocio para o experimento

No caso da Coruña, foron dous dos cinco locais visitados os que prohibiron a entrada a todas as parellas estranxeiras, ao tempo que si permitían o acceso ao grupo "autóctono" e con rasgos físicos de orixe europea. Todo, malia que a súa vestimenta e imaxe era semellante ao do resto dos acompañantes en todos os casos. No pub Studio 54, da zona do Orzán coruñés, a escusa foi a de case sempre. "Hai unha festa privada", dixéronlles os porteiros ás tres parellas de orixe estranxeira. Mentres, os rapaces galegos que colaboraron no estudo entraron sen problema ningún. As queixas do grupo por esta discriminación non serviron de nada e nin tan sequera lle foi entregada á parella magrebí a folla de reclamación exixida, que si se lles facilitou ao denominado "grupo de control".

Dous locais da Coruña prohibiron a entrada ás tres parellas estranxeiras alegando que había unha festa privada pero permitiron entrar o grupo galego

Algo semellante ocorreu no Dux Coruña, local situado nun centro de ocio ao carón do peirao. Negouse a entrada ás tres parellas estranxeiras. "Porque non me dá a gana; se non estás de acordo pide unha folla de reclamacións", explicáronlles no local. O grupo de control galego, cun vestiario e cunha imaxe similar ao resto de persoas que os acompañaban, si puido entrar. Os testemuños dos participantes neste estudo fan máis evidente aínda a discriminación racista, que lembran que adoita producirse neste tipo de locais e noutros lugares. Así ocorreu tamén en Donostia, Madrid ou Zaragoza e con argumentos semellantes. "É unha festa privada".

SOS Racismo Galicia advirte de que este testing implica tamén a posta en marcha de litixios para aqueles casos nos que se producise discriminación e sempre que os implicados queiran continuar pola vía xudicial. Serve, tamén, para "animar os que sofren ste tipo de abusos a que os denuncien nas instancias que correspondan".

"A discriminación por motivos raciais ou étnicos é unha realidade que en moitas ocasións se atopa oculta entre diversas escusas que supoñen un uso abusivo do dereito de admisión"

Segundo a ONG, estes resultados demostran que "a discriminación por motivos raciais ou étnicos é unha realidade que en moitas ocasións se atopa oculta entre diversas escusas que supoñen un uso abusivo do dereito de admisión". Por iso, SOS Racismo Galicia insta as administracións locais e autonómicas responsábeis das autorizacións deste tipo de locais a que "poñan en marcha protocolos de actuación que axuden a mellorar o servizo deste tipo de establecementos e á vez ofrezan ferramentas ás persoas que ven denegada a súa entrada".

"O tratamento que damos aos nosos veciños e veciñas chegados doutros lugares dános a medida dos principios éticos que rexen a nosa sociedade", finalizan.

Manifestación contra o racismo CC-BY-NC-SA Álvaro Herraiz San Martín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.