Comeza a tempada de alto risco de incendios con alertas de "grave desorganización" nos equipos de extinción

Incendio forestal CC-BY-NC-ND Stegx

Este 1 de xullo comeza a campaña de alto risco de incendios forestais en Galicia, que chegará até o 31 de setembro. Coincidindo con esta data os profesionais do Servizo Público de Defensa contra Incendios Forestais volven poñer sobre a mesa as mesmas denuncias e demandas que levan meses repetindo, moi semellantes, ademais, ás realizadas en anos anteriores. En esencia, critican que a Xunta impoña un modelo "fragmentado, desorganizado e non consensuado" e esixen que a administración escoite as súas demandas dun "sistema único, profesionalizado e público". Medio Rural lembra a posibilidade de conectar co teléfono gratuíto 085 ou 112, en caso de ver algún incendio forestal.

Critican que a Xunta impoña un modelo "fragmentado, desorganizado e non consensuado" e esixen que a administración escoite as súas demandas dun "sistema único, profesionalizado e público"

Dende Apropiga (Asociación Profesional do Servizo Público de Defensa contra Incendios Forestais de Galicia) pregúntanse se "volveremos a asistir ao fracaso do modelo de prevención e extinción de incendios proposto pola Consellería", que en anos anteriores tivo como consecuencia os "catástroficos incendios forestais como os que tiveron lugar o ano pasado en lugares como Oia, Carnota ou Cualedro". A asociación, a través do seu secretario Sebastián Hernández Borrageros, denuncia unha situación de "desorganización estrutural grave" provocada porque "o modelo proposto pola Consellería de Medio Rural é inoperativo e desorganizado. Non ten en conta a experiencia dos profesionais con listaxes diferentes, moitas delas sen un criterio uniforme de selección e, aínda menos, público e transparente".

O modelo, recollido no Plan Pladiga, que segundo Apropiga debería "ser aprobado a comezos do ano" e "ser o resultado dun proceso de valoración minucioso e incluir as aportacións dos diferentes axentes sociais e profesionais", volveu ser aprobar no mes de xuño "sen atender ningún tipo de alegación e incidindo na súa aposta pola fragmentación desmesurada dos medios que participan na extinción e a  privatización dunha parte do dispositivo sen atender a razóns de peso que desaconsellan seguir adiante con este modelo".

Apropiga explica que -segundo o Pladiga- na extinción dun incendio tipo de nivel 1 poderían chegar a participar até 11 medios diferentes de empresas, organismos e administracións

Como exemplo desta fragmentación, Apropiga explica que -segundo o Pladiga- na extinción dun incendio tipo de nivel 1 poderían chegar a participar até 11 medios diferentes de empresas, organismos e administracións, entre traballadores do servizo profesional da Xunta, brigadas da empresa pública Seaga, de concellos, da empresa pública Tragsa, brigadas helitransportada da empresa privada Natutecnia, brigadas helitransportada do Ministerio de Agricultura, brigadas dunha Comunidade de Montes, brigadas do parque comarcal ou municipal de bombeiros urbanos (moitas delas en mans de diferentes empresas privadas), brigadas dun Grupo Supramunicipal de Emerxencias, de protección civil dun concello, ou da Unidade Militar de Emerxencias. 

Hernández Borrageros denuncia que "cando a Consellaría insiste en que os medios están ben estruturados e coordinados falsea a realidade" e que a Xunta e a Consellería "converteu en norma a precarización e desprofesionalización do dispositivo e iso redunda nunha menor eficacia na loita contra os incendios forestais". Explica que esta situación é produto de distintos factores, entre os que destacan a non cobertura de vacantes no servizo profesional e público de extinción, a precarización laboral á que están sometidos os traballadores da empresa pública Seaga, a municipalización dunha parte fundamental do dispositivo (ata o 45% dos medios), "que redunda nunha menor eficacia ó priorizar criterios de selección caciquís", ou a privatización das brigadas helitransportadas para beneficiar intereses empresariais.

Denuncia igualmente que a Consellaría "manipulou interesadamente a declaración dos incendios forestais de nivel 2 co fin de poder mobilizar medios alleos a Galicia"

Denuncia igualmente que a Consellaría "manipulou interesadamente a declaración dos incendios forestais de nivel 2 co fin de poder mobilizar medios alleos a Galicia, o que demostra que a consellería non é capaz de extinguir os incendios cos seus propios medios, sen ter que declarar o dito nivel de risco". Os representantes de Apropiga conclúen sinalando que "estamos fartos de recibir os parabéns e o ánimo hipócrita do presidente da Xunta, cando son eles os que nos precarizan e nos ignoran cando lles pedimos o que consideramos xusto e razoable".

Brigadistas traballando na extinción dun incendio © Apropiga
Imaxe dun incendio desde o aire Dominio Público @BrifLaza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.