A Plataforma Sarriana polo Río ve nas multas por manifestarse "un acto desesperado" da Confederación Hidrográfica

Unha das manifestacións de protesta polo encanamento do río © Plataforma Sarriana polo Río

35 expedientes sancionadores, 35 multas por un importe total de 20.550 euros. Son os castigos que a Subdelegación do Goberno en Lugo lles impuxo a unha parte dos veciños e veciñas de Sarria que nos últimos meses viñeron participando nas mobilizacións contra o proxecto de encanamento do río ao seu paso pola vila. A Plataforma Sarriana polo Río, organizadora destas protestas, leva varios días recadando fondos, a través dunha conta bancaria, para poder facer fronte a estas multas, e destaca o "bo ritmo de apoios e solidariedade que vén recibindo".

A Plataforma salienta que as multas están motivadas "por tremendísimos delitos" como "facer fotos dunha manifestación" ou "acudir a ela". "Por que non se pode ir a unha manifestación completamente pacífica? Críamos que se podían expresar libremente as ideas. Resucitou Franco e non nos enteramos?", pregúntanse.

Anuncian que van recorrer as multas e "se non gañamos, o que parece imposible dado o disparatado dos fundamentos e das cantidades, hémolas pagar entre todos ao estilo Fuenteovejuna", engadindo que "esta plataforma sempre se comportou pacificamente e cun respecto exquisito á orde pública, pero iso si, avanzamos con paso firme sen retroceder nunca fronte ás presións".

Os integrantes da Plataforma sinalan que "nos últimos meses, con motivo das pretendidas obras de encanamento do río Sarria, asistimos a varias manifestacións de prepotencia por parte daqueles que, en teoría, velan pola orde pública". E acusan a policía e Subdelegación do Goberno de buscar "intimidarnos" e "asustarnos". "Tamén nos enteramos de que o Concello de Sarria presionou a algúns provedores, varias asociacións e algún club por simpatizar coa Plataforma, como se non fosen cidadáns libres de ter opinións", din. "Non o conseguiron", engaden, "esta plataforma continuou defendendo o río, as pontes e as árbores".

A Plataforma conclúe que "estas multas" son un "acto desesperado" da Confederación Hidrográfica "que ve agonizar un plan de encanamento cada vez máis difícil de defender"

Tamén lembran que a manifestación do 25 de marzo, que motiva moitas das multas se saldou "sen ningún tipo de incidente" como destacan que declarou o mesmo responsable da Subdelegación do Goberno, que en declaración á prensa destacaba que "houbo que identificar a dúas persoas que se negaban a saír nun primeiro momento, pero que ao final saíron sen provocar altercados”.

A plataforma reitera que "a talla proxectada e iniciada pola Confederación é ilegal" e que os veciños e veciñas de Sarria "recorreron aos medios ao seu dispor para evitar que se cometera unha ilegalidade ante a impasibilidade da Administración" e acusa "as forzas da orde pública e a Subdelegación do Goberno" de ser "utilizadas para crear as condicións que lle permitiran á Confederación Hidrográfica seguir violando a lei". A Plataforma conclúe que "estas multas" son un "acto desesperado" da Confederación Hidrográfica "que ve agonizar un plan de encanamento cada vez máis difícil de defender".

Unha das manifestacións de protesta polo encanamento do río © Plataforma Sarriana polo Río
Unha das manifestacións de protesta polo encanamento do río © Plataforma Sarriana polo Río
Acción de protesta ante unha das pontes ameazadas © Plataforma Sarriana polo Río

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.