O Concello da Coruña, á desesperada, adía a feira taurina até outubro

Público nas touradas da Coruña, no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

Non haberá touradas este verán na Coruña (por vez primeira en 24 anos). Pode que as haxa no outono. A pesar do evidente fracaso do concurso convocado polo Concello o pasado mes de maio e que quedou deserto, o Goberno municipal vén de anunciar que convocará un novo concurso para que haxa feira taurina en outubro, na festividade do Rosario. Iso si, se hai algunha empresa interesada en facelo. Nin a renuncia de Eventauro, que en marzo renunciou a montar as toruradas este verán nin a falta de interese doutros promotores conseguiron que o Concello da Coruña desistise do seu empeño. A concelleira de Cultura, Ana Fernández, afirmou que foron as peñas taurinas as que lle solicitaron ese cambio de data, como fórmula para xustificar a repetición do concurso.

A concelleira de Cultura, Ana Fernández, afirmou que foron as peñas taurinas as que lle solicitaron ese cambio de data, como fórmula para xustificar a repetición do concurso

O Concello asegura que o prego de condicións do novo concurso será o mesmo e afirma que a contratación "será más doada". De feito, o director do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) defendeu este mércores que o concurso quedou deserto porque ninguna empresa cumpría os requisitos propostos polo Concello, pero asegura que si había empresas interesadas.

Esta opinión contrasta coa visión ofrecida polos propios responsables da empresa Eventauro, que en maio explicaban que o concurso quedara deserto porque ningunha das empresas interesadas en organizar a feira consideraron que sería rendible economicamente para elas pola "falta de subvención pública", e situaba en entre 50 mil e 70 mil euros o incremento da axuda pública que sería necesaria para atraer algún organizador.

O Concello, para facilitar o interese das empresas xestoras de espectáculos taurinos, reducira este ano as dimensións da feira, que se celebrará unicamente en dous días (no canto de tres). De igual xeito, prometeu seguir subvencionando parcialmente a celebración, achegando con cartos públicos o aluguer do Coliseo, o custe da montaxe da praza de touros, e tamén cedende de balde as actuacións da banda de música municipal. En total, esta subvención pública indirecta suma 95 mil euros, en total, unha cantidade case tan alta coma os 104 mil euros recadados por Eventauro a través da venda de entradas.

Fracaso tras fracaso, o Concello da Coruña e os grupos protaurinos apuran a súa derradeira posibilidade de manter viva esta práctica na cidade

Rubén Perez Sueiras, voceiro de Galicia mellor sen touradas, sinala daquela que había que manter a "cautela" e non dar por feita a fin das corridas de touros na cidade. Pérez Sueiras destacaba que o Goberno municipal podería, iso si, convocar un novo concurso. Ou incrementar as axudas públicas concedidas, incumprindo a promesa realizada polo propio alcalde Negreira, "o que tería un gran custe social para o PP na Coruña". Fracaso tras fracaso, o Concello da Coruña e os grupos protaurinos apuran a súa derradeira posibilidade de manter viva esta práctica na cidade.

Público nas touradas da Coruña, no verán de 2012 CC-BY M. Pereira
Manifestación de 'Galicia, mellor sen touradas' na Coruña © GMST

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.