A xustiza obriga a Xunta a pagarlle a operación de cambio de sexo á viguesa Charlotte Goiar

Charlotte Goiar © http://www.shb-info.org/

O Xulgado do Social número un de Vigo vén de ordenarlle ao Servizo Galego de Saúde que lle pague os gastos do tratamento de reasignación de sexo á viguesa Charlotte Goiar, unha operación que debe ser realizada no Instituto de Cirurxía Plástica doutor Iván Mañero de Barcelona, un centro privado, o único que en España realiza a colovaxinoplastia que Charlotte necesita. O fallo reafirma a sentenza ditada en febreiro de 2012 polo TSXG que xa daquela obrigaba a Xunta a realizar a operación.

Dado que o Sergas non realiza este tipo de cirurxía, a Consellaría derivou a viguesa a outros hospitais, iniciando unha longa e inútil peregrinaxe durante dous anos

Porén, dado que o Sergas non realiza este tipo de cirurxía, a Consellaría derivou a viguesa a outros hospitais, iniciando unha longa e inútil peregrinaxe durante dous anos. Charlotte foi primeiro enviada ao hospital rexional de Málaga, que comunicou que non tiña experiencia neste tipo de operacións, o mesmo que o seguinte centro ao que foi remitida, o Barnaclinic de Barcelona. A paciente criticou a actitude do Sergas, que se negaba a derivala ao centro privado onde agora será operada por orde xudicial, e denuncia que a Consellaría tentaba adiar "constantemente" a execución da sentenza.

Charlotte Goiar está diagnosticada cunha patoloxía de intersexualidade -a Síndrome de Harry Benjamin-, polo que leva dende os 16 anos recibindo un tratamento hormonal. A Síndrome de Harry Benjamin, recoñecido pola OMS dende os anos 60, afecta aproximadamente a un de cada 30.000 bebés, nenos que nacen con útero e vaxina e nenas que chegan ao mundo con pene e testículos. En 2005 Charlotte Goiar comezou a traballar na divulgación da síndrome de Harry Benjamin (SHB). A súa web shb-info.org é hoxe un referente do activismo polo recoñecemento desta patoloxía intersexual, na que o sexo cerebral non se corresponde co anatómico.

A sentenza do TSXG sinalaba que o Sergas "non pode negar a referida cirugia ata que se dispoña de medios materiais ou humanos pois a recorrente sofre graves problemas de adaptación e comportamento a tratamento psicolóxico desde o ano 1991". Charlotte ten denunciado "discriminación laboral", provocada entre outras cousas porque até 2007 no seu DNI figuraba o nome e o sexo masculino.

Ante o adiamento da solución fixada polo TSXG o pasado 29 de novembro o Parlamento aprobou por unanimidade unha iniciativa

Ante o adiamento da solución fixada polo TSXG o pasado 29 de novembro o Parlamento aprobou por unanimidade unha iniciativa (presentada por Eva Solla, de AGE) na que se instaba á Xunta e á Consellaría de Sanidade a que "se poñan en marcha os mecanismos para que se cumpra a sentenza firme do Tribunal Supremo e iniciar os trámites de maneira urxente para o tratamento cirúrxico da paciente tendo en conta que debe ser derivada a un centro hospitalario capaz de realizar a indicación terapeútica que precisa para o seu diagnóstico". Representantes de PSdeG, AGE e BNG reclamáronlle á Xunta unha auténtica "actitude proactiva" para dar cumprimento á sentenza, en palabras de Montse Prado (BNG), mentres que Carmen Gallego (PSdeG) acusaba o Sergas de "dilatar a cirurgía da paciente por motivacións ideolóxicas".

A viguesa sinalou que levaba "sufrindo 41 anos"

Ademais do recurso xudicial que este xoves finalmente obriga a Xunta a cumprir "de inmediato" a sentenza do TSXG, Charlotte Goiar dirixiuse ao Valedor do Pobo, a quen lle entregou un escrito solicitando a súa mediación. Nese acto a viguesa sinalou que levaba "sufrindo 41 anos" e denunciou que o Goberno galego seguía "dándolle largas".

Charlotte Goiar © http://www.shb-info.org/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.