Ningún neno pasa fame en Ferrol?

Rosa Martínez Beceiro © Concello de Ferrol

"Aquí hai certa demagoxia. Estase falando de fame e malnutrición. E creo que en Ferrol ningún neno pasa fame. Se de algo estamos contentos, é de que en Ferrol se está creando unha verdadeira rede de servizos sociais". A concelleira de Benestar Social da cidade departamental, Rosa Martínez Beceiro, realizou esta polémica declaración nunha entrevista publicada este luns por La Voz de Galicia. Pasou pouco tempo até que as súas palabras fosen respondidas.

“Un cargo político de primeira orde non ten que crear ou pensar, senón afirmar"

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) vén de sinalar, a través da súa presidenta, Marta Capeáns, que lle parece, “cando menos irresponsable” este tipo de afirmacións xa que, “un cargo político de primeira orde non ten que crear ou pensar, senón afirmar, xa que ten na súa man datos estatísticos e capacidade como para saber se no seu concello existen este tipo de situacións”. O COTSG entende que estas declaracións, “ademais de reprobables, deberían ser motivo de dimisión da concelleira”.

“Afirmar que ningún neno pasa fame é non só ser atrevida, senón distorsionar a realidade”

A entidade que agrupa e representa os e as traballadoras sociais galegas, con máis de tres mil profesionais colexiadas, afirma que Martínez Beceiro "amosa un gran descoñecemento da situación de Ferrol", onde varios estudos estatísticos de organismos oficiais como o IGE afirman que Ferrol é a cidade galega con maior taxa de risco de pobreza, co ingreso medio mensual por fogar máis baixo, coa maior taxa de paro e os maiores recortes en prestacións. Neste sentido, “afirmar que ningún neno pasa fame é non só ser atrevida, senón distorsionar a realidade”, sinalan, ao mesmo tempo que "cualificar de facer demagoxia a quen afirmamos que esta situación é moi preocupante, amosa que esta concelleira non está en contacto cos traballadores e coas traballadoras sociais, que día si e día tamén alertan do crecemento de nenos con deficiencias nutricionais, tamén e moi especialmente na súa cidade”.

Ferrol é, con moita diferenza, a cidade galega máis golpeada pola crise. A crise económica, xunto coa ausencia de novas iniciativas empresariais ou dun tecido renovado que revertese esta situación, xunto cos enésimos e pode que definitivos golpes aos sector naval, acabaron por configurar unha cidade na que, segundo a EPA, só teñen traballo o 30 por cento dos seus habitantes, cunha taxa de paro equivalente, e unha ampla proporción de inactivos.

Na entrevista, a concelleira tamén xustifica que o Concello delegue en entidades privadas como Cáritas as súas responsabilidades no ámbito dos servizos sociais, o que tamén provocou as críticas de Marta Capeáns: "Facer descansar a responsabilidade do combate da pobreza en asociacións do terceiro sector é eludir claramente responsabilidades e obviar que quen ten que implementar políticas, desenvolver proxectos e dispoñer de fondos para o combate da pobreza son as administracións públicas".

"Facer descansar a responsabilidade do combate da pobreza en asociacións do terceiro sector é eludir claramente responsabilidades e obviar que quen ten que implementar políticas son as administracións públicas"

O COTSG conclúe que “a fame e a pobreza infantil non deixan de ser a translación da pobreza das familias”, provocada “por malas decisións políticas e unha mala política económica e social, tamén en Galicia”,  e que para combatela precísase "algo máis que boas palabras, precísanse políticas transversais, cartos, axudas directas e rápidas ás familias con máis dificultades e a blindaxe dos servizos sociais básicos”.

A presidenta do COTSGA, Marta Capeáns, afirma estar "fondamente preocupada polo número de cargos públicos, sobre todo do Partido Popular, que están negando sistematicamente que existen este tipo de situacións”

Non é a primeira vez que cargos públicos do PPdeG negan a existencia de fenómenos de pobreza. Moi significativa foi neste senso a intervención no Parlamento do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. O pasado 29 de marzo, despois de que a viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, lembrase que -segundo datos de Cáritas- en Galicia hai 650.000 persoas en situación de exclusión social, 120.000 delas en pobreza severa, e con máis do 20% dos nenos e nenas "en situación de pobreza", Núñez Feijoo limitouse a negar esta realidade. Ademais, acusou a AGE de "mentir" e sinalou que o Goberno galego "non dispón de habilitación legal nin de medios especializados que permitan iniciar unha campaña de detección de menores en risco de desnutrición".

De igual xeito, en maio do pasado ano a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, afirmou que "ningún galego nin galega está a pasar fame na nosa comunidade", e acusou o deputado Juan Fajardo de "catastrofista" e "demagogo". Este luns, a presidenta do COTSGA, Marta Capeáns, afirmou estar "fondamente preocupada polo número de cargos públicos, sobre todo do Partido Popular, que están negando sistematicamente que existen este tipo de situacións”.

Rosa Martínez Beceiro © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.