A Marea Atlántica colle forza na Coruña coa vista posta nas eleccións municipais

Manuel Rivas, na presentación da Marea Atlántica © Marea Atlántica

Co mar e a Torre de Hércules de fondo, a Marea Atlántica enchoupou os centos de cidadáns que se achegaron a apoiar este movemento que pretende ser un "espazo de confluencia" para recuperar María Pita "para o 99%". Coa vista posta xa nas eleccións municipais, máis de 300 persoas acompañaron o lanzamento desta marea popular na Ribeira do Cómaro (espigón das Escravas) para seguir con este proceso "desde abaixo" que proxecte "outro modelo de cidade".

A Marea foi acompañada por 300 persoas nunha mostra da forza dun proxecto que busca "un espazo de confluencia" de cara ás municipais de maio

"Debemos ser dornas solidarias no temporal, unha marea solidaria de milleiros de dornas pola marea mentres outros pelexan polos mellores camarotes do Titanic sen saber que está a afundir". Con esta metáfora, o escritor e xornalista Manuel Rivas quixo revelar a importancia dun movemento que foi cualificado de "fito histórico" por Alfonso Mascuñana, outro dos primeiros asinantes do manifesto que tomou a palabra xunto a Paula Tomé, Vanessa Rivas e Xiao Varela, ademais das intervencións de calquera que quixera coller o micro. Todos eles coincidiron na necesidade de “construír desde abaixo un espazo de confuencia, no que caibamos todas e todos arredor dun desexo común: acabar coas políticas ditadas polas elites e o poder económico e rescatar a democracia, secuestrada polo bipartidismo tamén no ámbito municipal”. E chamaron tamén a recuperar o espírito libertario, republicano, cultural, galego e aberto dunha cidade "secuestrada".

"Nacemos para devolver A Coruña ao 99% e ímolo facer. Queremos organizar ese desexo e queremos o poder para decidir sobre as novas vidas, para tomar María Pita e poñela ao servizo da xente", insistiron.

Con preto de 1.000 sinaturas en pleno verán e en tan só unha semana, a Marea Atlántica vai subindo na Coruña. Este "proceso de participación cidadá", que aspira a se converter nunha candidatura de cara ás vindeiras eleccións municipais, presentouse primeiro pola mañá ante os medios e a poucas horas de levar a cabo o seu primeiro acto público. Foi tamén aló onde os seus impulsores explicaron o comezo dun "novo ciclo da marea" que se desenvolverá ata o vindeiro outono.

O manifesto da Marea Atlántica suma xa case 1.000 sinaturas en apenas unha semana

Rocío Fraga e Xoán Mosquera, dous dos primeiros 99 asinantes do manifesto, falaron acompañados doutros dos firmantes para deitar luz sobre este "proceso cidadán sen exclusións, un espazo para liberar a cidade dos grillóns da vella política e dotala dun novo xeito de organizar a vida común". Logo do éxito de apoio a través das redes, a Marea Atlántica validará o apoio popular á iniciativa no caso de acadar as 2.500 sinaturas de apoio ao manifesto o vindeiro 1 de outubro. Ese é o obxectivo, ao que se pretende chegar logo dun proceso de participación cidadá que comezará ben axiña coa convocatoria de "mareas" tanto por barrios como a nivel sectorial.

Estas "mareas" que se irán desenvolvendo durante as vindeiras semanas desembocarán en outono nun "foro social" onde se plasmará todo ese traballo e se fará "unha diagnose" da situación, así como unha avaliación do pulo existente entre a poboación por "un novo proxecto de cidade" que sairá dese encontro. O proceso responde a esa idea de "traballar conxuntamente noutro modelo" para a Coruña a través deste movemento que, polo momento, "non é unha candidatura, nin un partido, nin tan sequera unha plataforma". "É un proceso que busca o empoderamento cidadán", aclararon dous dos asinantes iniciais. Un proxecto que, de ter o apoio e a confluencia necesaria, si se intentará "que se traduza nunha candidatura" de cara aos comicios locais.

O "proceso cidadán" convocará diversas mareas por barrios e por sectores ata outono, cando prevé chegar ás 2.500 sinaturas e organizar un foro

"Será o traballo vindeiro e o apoio que academos o que determine se hai ou non candidatura; será a cidadanía quen avale coa sua participación este proceso", insistiu Rocío, que aclarou que "un chamado como o da Marea Atlántica ten que saír da cidadanía, non dende organizacións políticas". "Este é un proceso de suma, pero non de interlocución entre cúpulas", asegurou Xoán, unha das voces dun movemento que saúda o bo recibimento que desde formacións como BNG, EU, Anova ou Compromiso se fixo del e que recoñece que "de artellarse" a confluencia, habería que buscar fórmulas para levala a cabo. "A nosa axenda marcámola nós e aínda hai que ver como falamos coas organizacións políticas cando chegue o momento", insistiron.

A Marea Atlántica, ademais, aclara que o seu proceso é propio e que "non é identificable con Podemos" malia ter "simpatía" en canto á súa crítica da "vella política". Iso si, apostan pola "interlocución" tanto coas organizacións políticas como con asociacións de veciños ou movementos sociais, pero desde abaixo, sumando e prescindindo das cúpulas.

"Este é un proceso de suma, pero non de interlocución entre cúpulas"

Así, a iniciativa, na liña de Guanyem en Barcelona e doutros procesos noutras cidades do Estado, non descarta que xordan procesos semellantes noutras cidades galegas, pero aclara que o seu proxecto sitúase arredor "da realidade da Coruña". "Da cidade de Aurelia, a dos desafiuzamentos, a do Parrote e a das obras da Mariña". Esa cidade, lembran, que queren que volva ser "unha vila do mar fronte á do negocio do cemento". Por iso, amosan con claridade a súa "discrepancia" cun proxecto de urbe "vencellada á construción" mentres na bisbarra "hai 50.000 parados". "O goberno municipal debe ter capacidade en políticas de emprego, no asistencial...". Ese goberno municipal ao que queren chegar para para "recuperar María Pita para o 99%".

"Merecemos unha cidade sen corrupción nin desafiuzamentos. Unha cidade libre de especulación. Unha cidade para as persoas, para a convivencia e a realización individual e colectiva, non un escaparate. Unha cidade sen complexos, acolledora e á vez orgullosa da súa lingua e a súa cultura. Unha cidade sen exclusións de ningunha caste. Unha cidade á medida dos e das de abaixo", destaca o seu manifesto, o punto de partida dunha Mare "plural" que quere sumar A Coruña “á rebelión democrática que vén, esa marea que despois de percorrer as rúas se propón agora poñer as institucións ao servizo da xente”.

Presentación ante os medios da Marea Atlántica na Coruña Dominio Público Praza Pública
Presentación pública da Marea Atlántica © Marea Atlántica

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.