O Estado retira as sancións aos emigrantes retornados tras meses de presión cidadá

Emigrantes retornados manifestándose na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

A presión dos emigrantes retornados fixo efecto e o Ministerio de Facenda abrirá un período de seis meses, a partir de xaneiro do 2015 e en pleno ano electoral, para regularizar sen sanción as pensións procedentes do estranxeiro.

A medida está incluída na reforma fiscal aprobada este venres polo Goberno e afecta a residentes no Estado que cobran unha pensión procedente do exterior, tanto pensionistas estranxeiros residentes en España como pensionistas españois que retornaron despois de ser emigrantes.

O Goberno abre un periodo de seis meses para regularizar sen sanción as pensións procedentes do estranxeiro

Logo de meses de conflito e protestas e presión por parte de milleiros de emigrantes retornados galegos, o Goberno central aprobou un período extraordinario de regularización de seis meses desde xaneiro do 2015, recoñecendo o seu erro anterior pero evitando regularizar aínda a dobre imposición da que se queixan as diferentes plataformas. No devandito prazo, os contribuíntes afectados poderán presentar autoliquidacións complementarias dos períodos impositivos non prescritos en que percibisen pensións do estranxeiro que non fosen declaradas.

Deste xeito, Facenda dálles, de forma extraordinaria, a oportunidade de porse ao corrente das súas obrigacións tributarias pendentes polas devanditas rendas, ingresando o 100% da cota tributaria correspondente e sendo así exonerados de satisfacer sanción, recargas ou intereses de demora, algo que xa afectou a milleiros de galegos que tiveron que pagar miles de euros e que permitiu que a Axencia Tributaria superase os 3 millóns de euros recadados por esta circunstancia en Galicia. 

Facenda condonará os recargos, que serán devoltos, daqueles contribuíntes que regularizaron xa a súa situación

Así, a disposición do proxecto de lei establece a condonación das sancións e recargas liquidadas pola Administración ao regularizar este tipo de pensións. De igual forma, para que non se vexan prexudicados aqueles contribuíntes que regularizaron espontaneamente debendo abonar recargas, condónanse tamén devanditas recargas, que serán devoltas.

A decisión do Goberno central contrasta coa intransixencia que até o de agora mostrara a Axencia Tributaria galega cos milleiros de galegos afectados e cos representantes de ducias de plataformas que se reuniron cos seus responsables nas delegacións galegas.

Segundo Facenda, esta medida facilita a integración destes cidadáns como calquera outro residente en España. "O noso país é un lugar atractivo no que gozar da xubilación e a medida beneficia a España como destino residencial de pensionistas con certo nivel adquisitivo que, desta forma, van colaborar coa recuperación económica", subliña o Ministerio.

O pasado mes de maio, durante a sesión de control ao Goberno no Congreso dos Deputados, o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, indicou que a Axencia Tributaria abrira 27.696 inspeccións a xubilados estranxeiros residentes en España e a xubilados retornados por non declarar a súa pensión dun país estranxeiro, aínda que asegurou entón que non se lles estaba tratando como defraudadores e que se estaba estudando "caso a caso" para evitar prexuízos innecesarios sobre o seu patrimonio.

Emigrantes retornados manifestándose na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.