25 anos da revolta de Allariz

Manifestación da veciñanza de Allariz en 1989, con Francisco García ou Anxo Quintana © TV3

O 11 de agosto de 1989 un grupo de veciños e veciñas de Allariz comezaron un peche no Concello. Protestaban contra os repetidos vertidos contaminantes no río Arnoia, que provocaran a aparición, dez días antes, de centos de peixes mortos. Levaban días esixindo a celebración dun pleno extraordinario para debater o problema, o que foi denegado polo alcalde Leopoldo Pérez Camba, da coalición Centristas de Galicia-PP.

Os peixes mortos foron a chispa que acendeu a revolta, pero na base estaba o malestar polas prácticas de caciquismo e pola falta de democracia no Concello. A vila ourensá celebrará este luns o 25 aniversario do movemento cidadán en loita contra o caciquismo que comezou como protesta contra os vertidos no río Arnoia e que tres meses despois acabou coa renuncia do alcalde e o nomeamento de Anxo Quintana como rexedor.

Os mozos e mozas pechadas no Concello (a maioría tiñan menos de 30 anos) continuaron coa súa protesta, que foi crecendo, estendéndose entre a veciñanza, con manifestacións e outros actos de protesta, e abranguendo outros motivos de crítica contra o rexedor. Tamén crecía a presenza policial no concello e non foron poucos os veciños e veciñas identificadas. O peche mantíñase e o alcalde Camba ía perdendo apoios; de feito, o 7 de outubro unha avaría na subministración de augas a Allariz e Taboadela revelou que o rexedor pirateara a rede xeral para abastecer a súa granxa de porcos.

O 8 de novembro un grupo de veciños esixíronlle a Pérez Camba, no seu despacho, que dimitise; sete persoas foron denunciadas, entre elas o propio Anxo Quintana. Quintana e outros tres veciños foron enviados durante uns días á cadea, o que aínda incrementou máis a tensión e o rexeitamento contra Pérez Camba, que presentou a súa renuncia o 14 de novembro. Anxo Quintana foi nomeado alcalde en funcións (o BNG, con catro concelleiros, era a segunda forza política do Concello) e o 27 de novembro o pleno municipal fixo oficial o seu nomeamento, ratificado socialmente nas seguintes eleccións municipais, en 1991, que lle outorgaron unha ampla maioría absoluta. Unha maioría que dende entón mantivo o Bloque, co propio Quintana primeiro e a partir de 2003 con Francisco García.

Este luns, cando farán exactamente 25 anos do inicio da revolta, Allariz conmemorará a efeméride cun amplo conxunto de actividades que comezarán ás 20.30 cunha merenda-cea de confraternidade na praza Maior, cos pratos cociñados e achegados polos propios veciños e veciñas. A seguir, comezará un acto que contará con intervencións de mozos e mozas nacidos en Allariz en 1989, así como de pais e nais de nenos e nenas nacidas en 2014 na vila. Ademais, faráselle un recoñecemento aos veciños e veciñas da localidade que protagonizaron a revolta, co descubrimento dunha placa conmemorativa. Tamén falará Anxo Quintana, primeiro alcalde trala revolta, e o rexedor actual, Francisco García, daquela tenente de alcalde. De igual xeito, proxectarase o documento audiovisual 25 anos e tamén o libdup "Mocidade de Allariz".

Cartaz do acto de conmemoración do 25 aniversario dos feitos © Concello de Allariz
Manifestación da veciñanza de Allariz en 1989, con Francisco García ou Anxo Quintana © TV3
Recibimimento aos veciños que ingresaran na cadea Dominio Público TV3

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.