"O oso pardo quere volver, que fai a Xunta?"

Exemplares de oso pardo © Fundación Oso Pardo

"A revisión do plano de recuperación do oso pardo segue sen aprobar e ficou superado polos acontecementos". O oso pardo é, "oficialmente", unha especie extinta en Galicia. Non obstante, existen "recentes probas documentais da presenza do oso pardo cantábrico, o Ursus arctos, nos Ancares e no Courel. Para ADEGA esta é unha proba máis que "evidente" de que estes animais están "en expansión na Cordilleira Cantábrica" e quen "volver ao noso país". Neste punto, a organización ecoloxista pregúntase "que fai a Xunta" para facilitar o retorno e asentamento do oso en territorio galego.

O oso pardo, sinala ADEGA, é un "valiosísimo recurso natural" ao que o Goberno galego debería "darlle a benvida" e "garantir que a súa conservación non vai atopar atrancos". Polo momento, a "resposta" da Xunta foi "someter a revisión un plan de recuperación que dabata de 1992", documento que dous anos despois do inicio do proceso "aínda non foi aprobado". No período de exposición pública ADEGA presentou alegacións que sinalaban a "indefinición, inexactitude e falta de compromiso real". Ao seu xuízo, "tratábase dun compendio de afirmacións abertas e ambiguas, fuxindo de calquera compromiso efectivo".

Presenza do oso fóra da área do plan

Entre as advertencias lanzadas por ADEGA cando a Xunta abordou a revisión do plan figuraba a exclusión da "área de distribución potencial" do oso de varias parroquias do Courel como Folgoso, Vilanor, Seceda e Pacios da Serra, todas elas incluídas na Rede Natura. Nunha delas, en Seceda, é onde se ubica "unha recente filmación dun exemplar de oso visitando unha alvariza", avistamento que, din, é "proba da inexactitude e falta de rigor da Administración na xestión do oso". "A planificación da Xunta -critican- ficou superada polos acontecementos, xa que no Courel parte da área de distribución potencial proposta pola Admnistración debería consisderarse como área de presenza máis ou menos continuada, visitada regularmente por dous ou tres machos á procura de novos territorios".

"Sen medidas concretas e orzamentos precisos para desactivar posíbeis conflitos, pouco futuro vai ter o oso entre nós", advirte ADEGA

As cámaras de foto-trampeo evidenciando "ataques a alvarizas", así como demandas de "concellos e colectivos do Courel" son, para ADEGA, factores dabondo para que a Xunta "tome en serio o oso". Se non o fai, advirte, acontecerá "o mesmo que co lobo, terá os días contados en Galiza" no canto de servir "de revulsivo económico, fixador de poboación e motor de desenvolvemento" para a comarca. No entanto, "a ausencia de prazos e orzamentos encol da información, educación ambiental e participación social", xunto co "choque cos aproveitamentos tradicionais das áreas oseiras" fai que se cree o escenario ideal para a extinción. "Sen medidas concretas, temporalizadas, de cumprimento obrigatorio e sen orzamentos precisos para desactivar posíbeis conflitos, pouco futuro vai ter o oso entre nós".

Dende o punto de vista de ADEGA non é posible desvincular a atención á nova realidade do oso en Galicia do contexto xeral de recortes orzamentarios. Ben ao contrario, "isto enlaza cos recortes dos orzamentos para conservación e, concretamente, para o pagamento dos danos da fauna salvaxe", esenciais para conciliar os intereses da poboación co mantemento dos recursos naturais. En 2009, lembran, dedicábanse 234.000 euros dos Orzamentos da Xunta a este concepto e "este ano orzamentáronse 106.035, un 54,6% menos".

Exemplares de oso pardo © Fundación Oso Pardo
Zonas do plan de recuperación do oso pardo CC-BY-SA Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.