Novos atrancos impiden a atención sanitaria a inmigrantes en Galicia

Manifestación do Foro Galego da Inmigración CC-BY-SA Foro Galego da Inmigración

Unha muller procedente de Senegal e o seu fillo pequeno. Advírteselles de que terán que pagar polas revisións periódicas no seu centro de saúde. Este é o último caso que denuncia o Foro Galego de Inmigración, que asegura que se están detectando en Galicia varios casos semellantes, de persoas que non son quen de acceder ás prestacións sanitarias tras a retirada da tarxeta sanitaria aos inmigrantes logo da aprobación por parte do Goberno do PP do Real Decreto Lei 16/2012 que puxo fin á universalidade da atención sanitaria no Estado.

Unha muller de Senegal vén de ser advertida de que terá que pagar polas revisións periódicas do seu neno no pediatra

Segundo o Foro, son 12.000 as persoas que en Galicia se ven afectadas pola aplicación estrita desta lei. Ademais, asegura que son varios os casos coñecidos de mulleres embarazadas ou de menores aos que se lles negou a atención sanitaria ou aos que se lle quixo cobrar.

Desde o Foro Galego de Inmigración lembran que nin tan sequera coa lei na man se podería denegar a un menor a atención médica e anunciou que vai iniciar unha campaña informativa en ambulatorios e diferentes asociacións de migrantes para alertar desta problemática que se están a atopar varias persoas. Segundo a entidade, o problema vén -á marxe da normativa imposta polo PP- de erros nos mecanismos artellados pola Xunta de Galicia para que se eviten estas situacións.

A lei que puxo fin á universalidade sanitaria provoca esta situación que non é paliada polo programa específico co que conta a Xunta

De feito, a organización recorda que Galicia conta cun sistema específico destinado a evitar que se produzan estes casos e que non existe noutras comunidades. Non obstante, a descoordinación impide que estea a funcionar de maneira axeitada. É o Programa Galego de Protección Social á Saúde Pública, pero tanto o Foro como outras ong como Médicos do Mundo denuncian que os trámites burocráticos para acceder a estes servizos alternativos son tan complexos que de facto non se realiza a atención sanitaria.

O Programa de Protección Social da Xunta só é accesible para persoas con papeis, o que deixa en indefensión a moitos migrantes

Ademais, o programa tan só é accesible para aquelas persoas que se atopen nunha situación administrativa regularizada, polo que deixa en situación de total abandono a aqueles que carecen de papeis. Neste caso, os inmigrantes acaban acudindo a Urxencias ante o agravamento das doenzas que non son atendidas na atención primaria e acaban asinando un compromiso de pago antes de ser atendidas.

Así o lembra o grupo municipal na Coruña do BNG, que ante o coñecemento deste último caso dunha muller senegalesa na cidade, anunciou a presentación dunha moción, apoiada polo propio Foro de Inmigración, mediante a que solicitará no vindeiro pleno que se derrogue o decreto polo que se retirou a tarxeta sanitaria aos inmigrantes.

Presentación do texto final da campaña do Foro de Inmigración © FdI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.